Esquema de tema

  • Tema 1

    Consellería de Educación IES Sánchez Cantón - Pontevedra Logo

    español

    1.- O nacemento do IES Sánchez Cantón de Pontevedra

    *Album no Facebook do IES

    Na posguerra franquista no único Instituto de Pontevedra (edificio do actual IES Valle Inclán) separábanse alumnos e alumnas en dous andares diferentes e con entradas independentes. En 1963 creouse o Instituto Feminino, que se instalou provisionalmente en 1964 na Escola Normal de Maxisterio. En 1971 o Instituto Masculino foi para un novo edificio construído no Verxel, por debaixo da Alameda, e en 1973 tomou o nome de Sánchez Cantón, historiador e escritor moi ligado a Pontevedra que falecera dous anos antes. Xosé Fernando Filgueira Valverde, que era o director do Instituto de Pontevedra desde 1946, foi o seu primeiro director ata 1976, ano no que se xubilou.

    Mais o novo edificio sempre presentou deficiencias estruturais: gretas nas paredes, mal funcionamento da calefacción; tanto que o profesor Millán o cualificou de “absurdo urbanístico”. Mesmo Filgueira Valverde presentara xa en 1966 unha proposta de permuta co Iinstituto Feminino pero foi rexeitada polo claustro deste. Finalmente, sendo director Eladio J. Rodríguez Gandoy, no ano 1985 comezouse a construír nos mesmos terreos un novo edificio que empezou a funcionar en 1986, derrubándose o vello.


    Discurso

    2.- O Sánchez Cantón, un instituto histórico.

    Cando o Instituto Masculino se instalou no novo edificio do Verxel en 1971 Filgueira Valverde trasladou tamén boa parte da herdanza do histórico Instituto de Pontevedra:

    · A colección ornitolóxica doada por Víctor Seoane López en 1866.

    · Diferentes pezas do Museo de Ciencias Naturais (herbolarios, materiais didácticos, animais disecados …) e dos laboratorios de Física e Química.

    · Arquivo onde se conservan memorias, expedientes e outros documentos fundamentais para coñecer a historia do Instituto e dos seus alumnos e profesores.

    · Libros antigos da Biblioteca do centro.

    · Retrato de Frei Martín Sarmiento, Este cadro foi mercado polo Instituto en 1859 e permanece no Sánchez Cantón.

    Por todo isto podemos considerar que o IES Sánchez Cantón actual é o herdeiro do antigo Instituto de Pontevedra(compartido co IES Valle Inclán, que herdou o edificio, e cos outros institutos da cidade) e tamén do Instituto Masculino de Pontevedra. Deste xeito pertence á REDE MUPEGA, que integra os institutos históricos de Galicia. Tamén participou activamente nas IV Jornadas de Institutos Históricos españoles en xullo de 2010.

    Grupo antigo

    3.- A historia do Instituto de Pontevedra antes de tomar o nome de “Sánchez Cantón”

    O Instituto de Pontevedra foi creado por Real Orde do 30 de outubro de 1845 ao abeiro do Plan Xeral de Estudos (plan Pidal), que creaba un centro de ensino secundario en cada capital de provincia. Un grupo de familias da cidade púxoo en marcha cunha subscrición voluntaria. Os pais pagaban ademais as taxas de matrícula e de exames.

    A súa localización inicial foi no convento de San Bartolomé de Pontevedra (anterior colexio dos Xesuítas e desamortizado uns anos antes), actual edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Alí os alumnos compartían o espazo, dependendo das épocas, con escolas de nenos ou coa Audiencia Provincial, mesmo serviu para aloxar rexementos militares nalgún momento da Restauración. En 1880 acolleu parte da Exposición Rexional en Pontevedra.

    En 1903 pasou a instalarse na “Escola de Artes e Industrias”, un edificio novo na Avd. de Montero Ríos, pero de moi deficiente construción. Era una situación provisional á espera dun novo centro do que se aprobaron as obras en 1904. As condicións do edificio provisional foron deteriorándose a medida que se retrasaban as obras do novo: filtracións de auga, derrubamentos no ximnasio, falta de luz, caída de teitos … Estivo na Escola Normal de Maxisterio, edificio pertencente na actualidade áDeputación de Pontevedra. En setembro de 1927, produciuse o traslado ao novo edificio a carón das ruínas de San Domingos(actual Instituto Valle Inclán).

    En 1932 había cinco aulas con capacidade para 160 alumnos, tres para 120 e una sala de debuxo na que podían traballar simultaneamente 165 estudantes. O centro contaba cun Gabinete de Física e un museo de Historia Natural e Prehistoria. Había tamén una estación meteorolóxica e bibliotecas para profesores e alumnos. Nel estivo ademais a Biblioteca Pública Provincial. Durante da Guerra Civil o centro chegou a servir como prisión de opositores á rebelión militar e foi tamén Hospital de Sangue (para o exército).

    O primeiro Regulamento do Instituto, en 1846, prohibía os castigos físicos pero explicaba tamén as múltiples sancións que se podían impoñer ós alumnos. Os estudantes que fixeran trasnadas, dixeran “palabras deshonestas” ou non obedeceran podían ser castigados a “estar de plantón” na clase, copiar varias páxinas dun libro ou mesmo, se a falta era grave, quedaren pechados no centro entre 3 e 15 días ou seren expulsados definitivamente.

    Existiu en Pontevedra un Colexio de Internos que dependía do Instituto desde 1867. Grazas a este internado os alumnos que non eran de Pontevedra podían estudar Bacharelato, pero custaba cada mes 24 escudos (240 reais), nunha época na que eran baixos os salarios, por exemplo, un xornaleiro no campo gañaba só 12 escudos ao mes.

    Así eran algúns dos horarios: erguerse ás 5 ou 6 da mañá, estudo, clases, comida, rezo do rosario, xogos e máis estudo ou clases complementarias de música, canto ou ximnasia. Os alumnos internos tamén pasaban o verán no centro (o colexio de internos desapareceu en 1880).

    Nos primeiros anos o Instituto tivo entre 60 e 100 alumnos que chegaron a máis de 150 xa en 1860. Os alumnos entraban no instituto aos 10 anos. No ano 1882 autorizouse por primeira vez ás nenas a matricularse e examinarse, pero considerábase “non recomendable” a súa asistencia ás clases. A presenza feminina nas aulas faise oficial arredor de 1915. En 1935 había 797 alumnos oficiais (moitos máis examinábanse “por libre”), dos que 392 eran mulleres. Tamén durante a 2ª República as clases foron por primeira vez mixtas. O número de alumnos despois da guerra foi inferior durante anos ao dos tempos republicanos. Comezou a aumentar de novo dende 1953, cando una nova lei ampliou as bolsas de estudos. Dos 527 alumnos de 1953 pasouse a 1000 en 1963.

    Un curso destacado foi o de 1957-1958 no que o Instituto gañou os campionatos escolares de España de Ximnasia Educativa e foi nomeado “Instituto modelo”: Exhibición ximnástica celebrada na Praza de Touros de Pontevedra no ano 1957.


    Sánchez Cantón

    Histórico da creación dos institutos de Pontevedra:

    · 1845: creación do Instituto de Pontevedra

    · 1963: creación do Instituto Feminino de Pontevedra (actual IES Valle Inclán, desde 1966)

    · 1971: o Instituto Masculino trasládase ao Verxel e en 1973 pasa a chamarse Sánchez Cantón

    · 1975: reconversión do primeiro centro de formación profesional en Instituto Politécnico(actual IES Frei Martín Sarmiento, desde 1998)

    · 1978: inauguración do Instituto de bacharelato A Xunqueira I

    · 1979: inauguración do Instituto de formación profesional A Xunqueira (actual C.I.F.P. A Xunqueira)

    · 1986: inauguración do Instituto de bacharelato A Xunqueira II

    · 1987: inauguración do Instituto de formación profesional de Monteporreiro (actual IES Luís Seoane)

    · 1989: inauguración do Quinto instituto (actual IES Torrente Ballester)

    · Posterior: IES Montecelo

    · Posterior: C.I.F.P. Carlos Oroza

    4.- Galería de directores do Instituto de Pontevedra e do Sánchez Cantón:

    · Santiago Rivas Pardo

    · Luís María Sobrino Iglesias

    · Emilio Álvarez Jiménez

    · José Mª Berasategui y Mayora

    · Evaristo A. Mosquera y Quiroga

    · Ernesto Caballero Bellido

    · Ramón Sobrino Buhigas

    · Bibiano Fernández Osorio-Tafall

    · Enrique Míguez Tapia

    · Pedro Borrás Moure

    · Secundino Vilanova Rivas

    · Enrique Vidal Abascal

    · Lino García García

    · Vicente Salvado Giménez

    · Xosé F. Filgueira Valverde

    1º Director do Instituto Sánchez Cantón ao que seguiron:

    · José Ramón Pereiró Rodríguez,

    · Eladio Rodríguez Gandoy,

    · Elena Santillán Pedrosa,

    · Casimiro Mesejo González,

    · Margariña Valderrama Currás,

    · Rafael Táboas Pastor

    · Eladio Otero López.

    5.- Profesores ilustres no instituto de Pontevedra

    Desde a súa creación foron pasando polo Instituto famosos profesores como: Juan Antonio Saco y Arce, Luís M. Sobrino, Jesús Muruais Rodríguez, Emilio Álvarez Jiménez, Víctor Said-Armesto, A. Daniel Rodríguez Castelao (foto no despacho), Antón Lousada Diéguez, Ramón Sobrino Buhigas, Ernesto Caballero, Enrique Vidal Abascal, Bibiano Fernández-Osorio Tafall 

    Coa Guerra Civil do 36 chegan expedientes de depuración: Bibiano Fernández-OsorioTafall, Daniel Rodríguez Castelao, Echave Susaeta; e dous profesores ligados ao instituto: Antón Fraguas e Celestino Noya. Dous profesores da preparatoria son procesados e fusilados: Paulo Novás e Gonzalo Martín March.

    Na posguerra prodúcese o paso fugaz de Blanco Porto e o pintor Laxeiro. Imparten docencia no instituto entre outros: Aquilino Iglesia Alvariño, Isidoro Millán, Marcelino García e, ademais, Filgueira Valverde.

    O primeiro edificio do Sánchez Cantón e o actual:


    Primeiro Sánchez Cantón

    Novo Sánchez Cantón

    6.- Fonte da maioría dos datos:

    O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia. 1845-1995. Coordinación Xosé Fortes. Deputación Provincial de Pontevedra. 1997

    7.- Máis imaxes:

    Historia do Instituto

    Facebook Twitter You Tube Galipedia Calendario de actividades SC Skype