Caranza

Aaaaaaaaaaiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiihuhuhuhuhuhu Caranza!!!!!!!!!

Domingos escena

 

O barrio de Caranza está na beira da ría de Ferrol, o que lle proporciona unha praia e un amplo e arborado paseo marítimo que, xunto coas zonas axardinadas e os edificios altos e modernos, son a imaxe máis característica do barrio. Convencidos de que é unha zona privilexiada para vivir e gozar, neste apartado falamos brevemente de recunchos e persoeiros do barrio, dos servizos que hai e dalgunha das súas curiosidades. 

  Enlace a Sundance
Ligazón pequeno Ledicia    

 

   Caranza  

O significado do topónimo Caranza

O nome de Caranza provén de *cara, palabra preindoeuropea que significa pedra, e o sufixo -ancia. Xa un documento da Colección diplomática de San Martín de Jubia, datado no ano 1132, refírese a este lugar á beira da ría de Ferrol coa denominación de "Carancia".

Caranza é unha zona especialmente pedrosa, sobre todo na costa, onde aínda é perfectamente visíbel o rebordo rochoso na zona da capela de Santa María, preto da cal houbo unha canteira que quedou sepultada hai algúns anos co motivo dun recheo.

O mesmo étimo *cara atopámolo fóra de Galicia no nome do río Cares, en Asturias, que discorre por unha garganta moi pedrosa con espectaculares túneles furados na rocha.

Fonte: F. Cabeza Quiles, Os nomes de lugar

     

A biblioteca municipal

Na segunda planta do edificio de servizos sociais do Concello atópase a Biblioteca Municipal de Caranza. O seu horario de luns a venres é:

  • mañás de 10:30 a 13:30
  • tardes de 17:00 a 20:00

Conta con acceso gratuíto á internet, cun servizo de préstamo de libros, DVDs e CDs, e cunha acolledora sala infantil. Para facer uso dos ordenadores ou do servizo de préstamo, os menores de idade precisan dunha autorización escrita da nai ou pai nun impreso que se facilita na biblioteca.

Como en toda biblioteca, a orde e o silencio son imprescindibles para permanecer nela.

 
Biblioteca municipal

     
Paseo marítimo 2

 

O paseo marítimo

Dende hai uns anos a liña de costa sinuosa que bordea Caranza está urbanizada cun acolledor paseo marítimo de dous quilómetros de longo, de beirarrúas anchas e ben equipado co mobiliario urbano propio destes espazos. Arredor do paseo hai amplas zonas verdes e moitas árbores de especies variadas e gran porte.

O percorrido polo paseo pódese aproveitar para descender á praia ou para visitar a ermida de Santa María de Caranza, tamén na beira da ría.

     

A Piscina Municipal

A carón do paseo marítimo atópase o edificio que alberga o pavillón polideportivo e a piscina do barrio. Nunhas instalacións cubertas e luminosas atópanse dous vasos, o menor para os nenos máis pequenos e a piscina de 25 metros de longo, amais dos vestiarios e o resto de instalacións adxuntas. As actividades que ocupan o horario da piscina dende as 8:30 da mañá son moi variadas: baño libre, o plan de natación escolar, cursos de aprendizaxe e perfeccionamento para adultos, adestramento do club de natación, competicións deportivas, etc.

  Piscina
     
A praia de Caranza  

A praia de Caranza

A única praia coa que conta Ferrol no seu perímetro urbano é a de Caranza. Trátase dunha praia artificial de seiscentos metros de longo e cunha anchura media de trinta metros. Está situada na parte media do paseo marítimo que bordea o barrio, xunto á ermida de Santa María e xunto a unha ampla zona verde con moitas árbores e mesas con bancos. Ten os equipamentos propios dunha praia moi frecuentada: duchas, aseos, servizo de limpeza e acceso para persoas con mobilidade reducida.

A súa situación e a súa area dourada fan que pareza que sempre estivo aí, unha praia de augas tranquilas na que, porén, convén ter coidado coas correntes que se orixinan polo abalar e devalar das mareas.

     

A asociación de veciños Cuco Ruíz de Cortázar

A asociación de veciños de Caranza ten unha xunta directiva que, sen cobrar nada a cambio, traballan acotío cun obxectivo común: facer de Caranza un barrio sostible mellorando os servizos, mantendo as infraestructuras e dando aos veciños alternativas culturais, deportivas e de ocio. A ilusión coa que fan o seu labor aliméntase dos agradecementos e os recoñecementos patentes nos 1.600 socios familiares que a asociación ten rexistrados.

Co paso do tempo e grazas á iniciativa das distintas directivas que desde os anos oitenta xestionaron a asociación, consolidáronse actividades organizadas por esta entidade que hoxe son un referente non só no barrio senón en toda a cidade: Xogos Florais de Poesía, Semana da Música, Bienal de Artes Plásticas, Exposicións, Festivais infantís de Nadal e Carnaval, Liga de Fútbol-sala, Milla Urbana e colaboracións sociais como a campaña de recollida de xoguetes e os donativos para os máis desfavorecidos.

Conséguense resultados grazas ao traballo de directivos e de todas as asociacións culturais e deportivas do barrio, colexios, empresas e demais colectivos que colaboran, polo que hai que apostar sempre pola unión de todos os que dedican o seu tempo a facer de Caranza un barrio envexable.

  Asociación veciños
     
Ermida de Santa María de Caranza  

A ermida de Santa María de Caranza

Caranza foi unha parroquia rural e pesqueira que pertencía ao antigo concello de Serantes, ata o ano 1940 en que Serantes se integrou en Ferrol e Caranza perdeu o seu carácter de parroquia, agás no ámbito eclesiástico. Foi nos anos 70 cando comezou a construción do barrio residencial que agora coñecemos e, como vestixio das súas orixes, fica a fermosa igrexa de antano, espreitando a ría dende o seu enclave privilexiado.

     

O Conservatorio Profesional Xan Viaño

Nun edificio novo estreado no ano 2004 e ubicado a carón da ría, no comezo da Avenida do Mar, o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño adícase tanto á formación musical coma a promoción da música na cidade de Ferrol.

Impártense as ensinanzas musicais dos graos elemental e medio. A idade mínima de ingreso é de oito anos e a máxima de catorce, se ben se pode acceder mediante proba de acceso a calquera dos niveis. Ao longo destes estudos, o alumnado vai adquirindo unha rica cultura musical e un dominio interpretativo idóneos para gozar da música como afeccionados ou para encarar a proba de acceso a un Conservatorio Superior se deciden ser músicos profesionais.

No salón de actos do conservatorio son frecuentes os concertos, gratuítos e abertos ao público en xeral, o que supón unha magnífica oferta cultural para o noso barrio. Na porta do edificio anúncianse a data e a hora de cada concerto.

   
     
Cuco Ruíz de Cortázar  

Persoeiros: Cuco Ruíz de Cortázar

O ferrolán Eliseo Ruiz de Cortázar, máis coñecido por Cuco, colaborou en 1974 na creación dunha comisión chamada "Servizos á Comunidade", composta por veciños da parroquia de Santa María de Caranza e doutras parroquias. Desta comisión xurdiu a asociación de veciños do barrio de Caranza, que recibiu o nome de Cuco Ruiz de Cortázar en homenaxe a este sacerdote cuxa morte prematura impediu que vise os moitos froitos do seu intenso traballo.

Ademais da organización veciñal e dos labores propios da súa condición relixiosa, Cuco encargouse da atención a persoas maiores, da alfabetización de adultos, da promoción da lingua e a cultura galegas e de solucionar os problemas de cantas persoas requirisen a súa axuda. A súa entrega nas tarefas que emprendía fai que aínda hoxe, case trinta anos despois da súa morte, sexa recordado por moitos veciños de Caranza cun enorme cariño e unha grande admiración.

     

Servizo de aluguer de bicicletas 

Xa vai tempo dende que o Concello de Ferrol puxo en marcha a exitosa iniciativa dun servizo gratuíto de préstamo de bicicletas. Un dos aparcadoiros deste servizo atópase no barrio de Caranza, onde a avenida de Castelao se xunta coa glorieta do conservatorio.

Para poder facer uso das bicis hai que darse de alta como usuario e recibir unha tarxeta que permite retirar e aparcar as bicicletas. Os maiores de 16 anos tamén poden darse de alta cunha autorización e declaración de asunción de responsabilidades dalgún dos seus pais ou titores.

Máis información en www.ferrol.es/ferrolenbici.

  Bicispequeno
( categories: )
Distribuir contido