Skip to Content

Física e Química

DESAFIO “NEWTON CAR” DO LABORATORIO DE FÍSICA E QUÍMICA

Alumnado de 1º Bacharelato. Curso 2021-22
Marcelino José Veiguela Fuentes

O proxecto « Newton Car challenge », impulsado pola NASA, é un desafío científico moi apropiado para 1º de Bacharelato. No IES Ribeira do Louro construimos varios prototipos, e os resultados foron moi bos, ademais de divertirnos todos aprendendo Física.

Un « Newton Car » consiste nun bloque de madeira rectangular equipado de tres parafusos que permiten manter estiradas unhas gomas elásticas coa axuda dun pequeno cordel.



O bloque de madeira colócase sobre unha serie de palliñas para bebidas de cartón. Un contrapeso colócase ao nivel da curvatura das gomas elásticas.

Cando cortamos ou queimamos o cordel que mantiña tensas as gomas, o contrapeso sae expulsado, poñendo en movemento ao bloque de madeira sobre as palliñas, de acordo o Principio de Acción-Reacción

 



Obxectivo : percorrer a distancia máis grande, é dicir, ter a velocidade de arranque do bloque máis elevada, o cal supón o control de varias variables.



Nos meses de febreiro e marzo do curso 2021-22, a aula de 1º BACH A e o Laboratorio de Física e Química do Instituto, convertéronse en pistas improvisadas onde o alumnado puxo a proba as súas competencias científicas e tecnolóxicas, a súa capacidade para decidir as mellores condicións experimentais e sobre todo a capacidade para superar dificultades que xurdiron durante este experimento de Física.

Ao final conseguiuse un dobre obxectivo: divertirse e amar un pouco máis a Física e ademais, pola outra banda, investigar as Leis da Dinámica de Newton e o Teorema de Conservación da Enerxía Mecánica e saber polas en práctica en moitos fenómenos da vida cotiá.

Neste curso 2022-23 o alumnado por grupos deseñará máis prototipos de Newton Car, investigará as mellores condicións experimentais para que percorra a máxima distancia sobre a pista improvisada de palliñas e escribirá novas aventuras neste espazo de superación de desafíos e de comprensión do mundo que nos rodea que é o Laboratorio de Física e Química

 

Curso en liña da Universidade de Santiago de Compostela “A Química, unha ciencia experimental”

Por: Alia Rodríguez Beltrán Química 2º Bacharelato Grupo A Curso 2021-22

Eu xa teño o meu diploma da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e ti?

A USC lanzou un curso en liña de química avanzada para axudar aos xóvenes de Galicia a introducirse no amplo mundo da química de laboratorio, dun xeito didáctico e de fácil acceso.
O curso constaba de 6 temas, cos seus respectivos vídeos e test, entre os que constaba, o meu favorito, os sistemas coloidais.

No tema de sistemas coloidais, explícanse conceptos moi interesantes como: os tipos de coloides, o efecto Tyndall, o movemento browniano...

Grazas ao curso didáctico e gratuito, creado polo grupo CienciaNOSA da  Universidad de Santiago, aprendín, dunha forma eficaz, moitos coñecementos que me axudaron na miña materia de Química en segundo de Bacherelato. Os coñecementos que me resultaron moi útiles foron, por exemplo, as reaccións de oxidación-redución ou procesos redox.

Por todo isto, recomendo realizar este curso, co que se aprende química experimental empregando un xeito innovador de estudo sen moverte da túa casa, non te arrepentirás!. Déixovos a ligazón do curso:

MOOC Curso aberto
Química - Una ciencia experimental
http://www.funil.gal/mooc-curso-aberto.html

DETERMINACIÓN CARBONATO DE CALCIO EN CUNCHAS DE MEXILLÓN

O alumnado da materia de Física e Química de 4º ESO grupo A curso 2021-22, determinou a riqueza en carbonato de calcio (CaCO3) dunha mostra de cunchas de mexillón recollida no mes de outubro 2021 na praia Area Grande de A Guarda.


Trátase dun traballo práctico de Laboratorio proposto polo grupo de traballo CienciaNOSA, integrado por profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, así como por profesorado de secundaria da varios institutos galegos.

CienciaNOSA procura dotar a lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico. No curso 2021-22 impartiu o primeiro MOOC Curso aberto (en liña) de Química 100% en galego, con propostas de traballos prácticos de Laboratorio de Química en formato vídeo cunha excelente calidade cientifica e realización.


A alumna de Química 2º Bacharelato Alia Rodríguez Beltrán matriculouse neste Curso en liña e obtivo o seu certifificado. Noutro artigo desta páxina imos ler as súas impresións sobre este xeito diferente de aprender Química.


Imos comentar o traballo do alumnado de Física e Química de 4º ESO.


As cunchas de bivalvos conteñen unha alta porcentaxe de CaCO3, é por iso que interesa revalorizar este produto como fonte de calcio en pensos compostos para alimentación animal. O calcio é un elemento esencial que forma parte do esqueleto e dentes dos vertebrados.


Ao atacar unha mostra moída de cascas de mexillón con ácido clorhídrico en exceso o carbonato de calcio reacciona co ácido e prodúcese unha efervescencia debido ao desprendemento de dióxido de carbono.

Quentouse suavemente en placa calefactora para expulsar o dióxido de carbono. Cando finalizou a efervescencia, deixouse arrefriar e a continuación filtrouse para separar os restos sólidos.


Recolleuse nun matraz Erlenmeyer a disolución acuosa na que aínda temos unha parte do ácido clorhídrico, pero non teremos todo o ácido que engadimos inicialmente, debido a que unha parte reaccionou co carbonato de calcio presente nas cunchas de mexillón.


Procedeuse entón a facer unha valoración ácido-base por retroceso, e finalmente, mediante cálculos estequiométricos, determinouse a cantidade de carbonato de calcio presente nas cunchas de mexillón da mostra recollida na praia. Obtívose un valor do 79%.

Paralelamente, o alumnado de 1º Bacharelato determinou a porcentaxe en carbonato de calcio empregando outro método alternativo (baseado tamén no ataque da mostra cun ácido, sen embargo esta vez medindo o dióxido de carbono obtenido). Obtívose un 75% de media nos grupos.


Moitas grazas ó alumnado polo seu traballo!.

Acordo de colaboración con PCE Ibérica S.L. (PCE Instruments)

https://www.pce-instruments.com/espanol/instrumento-medida/medidor/higrometro-kat_70012.htm


O Departamento de Física e Química do IES Ribeira do Louro vén de establecer unha liña de colaboración con PCE Ibérica S.L. (PCE Instruments), empresa adicada aos dispositivos de medición, regulación, laboratorio e pesaxe.


Este acordo de colaboración tradúcese na cesión, por parte de PCE Ibérica S.L., dun pH-metro, dun medidor de humidade relativa (higrómetro) e dunha báscula de precisión, que completarán o equipamento do noso laboratorio de Física e Química. Neste laboratorio realizaranse ademais, a partir do mes de novembro 2022, novas actividades do proxecto de innovación Club de Ciencias, nas que se empregarán os novos equipos cedidos.


Trátase dun acordo beneficioso tanto para a equipo docente como para o alumnado, xa que o uso de instrumentos de medición de calidade contrastada no Bacharelato e no Club de Ciencias, redundará nunha mellor preparación do estudantado.


O noso agradecemento a PCE Ibérica S.L

Distribuir contido

Iniciar sesión

  Biblioteca           



by Dr. Radut