try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%

PRESÉNTASE A SOMBRA DAS ÁRBORES DE ANA ABAD DE LARRIVA

O Centro Cultural do Porriño acolle a saída do prelo na Editorial Galaxia da peza gañadora do II Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño do IES Ribeira do Louro.

O Porriño. 14.XI.2019. EDL IES Ribeira do Louro

O Pasado mércores 13 de novembro, tivo lugar no Centro Cultural do Porriño a presentación da publicación de A sombra das árbores, obra premiada no IIº Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, organizado pola Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro, o cal conta co patrocinio do Concello do Porriño.

No acto participaron ademais da antedita autora, a concelleira de Cultura do Concello do Porriño, Lourdes Moure, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, quen puxo en valor a calidade literaria da preza dramática, a necesidade de certames coma o Vidal Bolaño, pensado para cubrir un oco na creación literaria teatral para o alumnado de secundaria, cunha dotación económica que o converte agora nunha oferta aínda máis atractiva para @s dramaturg@s.

A presentación foi encerrada por Raquel Castro, secretaria do xurado que seleccionara  a peza gañadora, a cal fixo unha recensión baseada na aposta innovadora, no proceso novidoso inzado de sensiblidade poética inserida en A sombra das árbores. Unha peza teatral aberta e diferente, que parte do corpo para xerar o traballo coas imaxes e cos textos e non dunha concepción mental previa de personaxes definidas. Finalmente, a autora do libro, a dramaturga debutante, Ana Abad de Larriva, agradeceu novamente o premio ao xurado, a acollida por parte dos organizadores e resaltou que a peza é na realidade un camiño nun escenario simbólico poboado por un bosque de sombras que é o espazo que habitamos. Unha reflexión orixinal e novidosa sobre nós.