Skip to Content

Lección Inaugural no IES Ribadeo Dionisio Gamallo

                                                   

O pasado luns, no paraninfo do IES Ribadeo Dionisio Gamallo, celebrouse o acto de apertura do novo curso escolar cunha conferencia inaugural a cargo da historiadora ribadense Dona Celia Castro Fernández.
O director, Modesto Refojo, abriu a sesión dando as grazas ós membros da Asociación A Concordia pola cesión o curso pasado dunha exposición do artista ribadense D Amando Suárez Couto a quen, como mostra de agradecemento, o centro decidiu dedicarlle a conferencia inaugural e a axenda escolar.
A conferencia foi impartida por Dona Celia Castro Fernández, natural de Ribadeo, ex-alumna do Instituto e Catedrática de Historia da Arte do Corpo Superior de Ensinanzas artísticas. Exerceu durante 37 anos na Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo e na actualidade está realizando unha tese doutoral sobre Pintura e Fotografía no século XIX, sendo este tamén o título do seu último libro co que agasallou ao instituto.
Ademais de dar a coñecer a obra deste importante e polifacético artista, Celia Castro tamén tratou de transmitirlle ao alumnado o importante e desinteresado labor social e cultural deste ilustre autor a quen o pobo de Ribadeo lle debe a orixe da Biblioteca Pública, da Romaría de Sta. Cruz, do Club Deportivo Ribadense, da Coral Polifónica ou do grupo de gaitas Meniñas da Saudade.
Ao rematar, parte dos asistentes visitaron a exposición presidida polo autorretrato de Suárez Couto do que tamén estiveron presentes algúns familiares.
O IES Ribadeo Dionisio Gamallo agradécelle a Celia Castro a súa colaboración e o seu tempo, e á Asociación A Concordia o feito de poder desfrutar cada día da exposición dun ribadense que está entre os mellores pintores do século XX e gran mecenas para o seu pobo.