Skip to Content

(04/06/2021): LAURA CALAZA, “unha matemática falando de dialectoloxía galega”.

A cuarta muller investigadora coa que contamos na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura foi Laura Calaza. Estudou o bacharelato en Vilalba e despois marchou a Santiago, onde se licenciou en Matemáticas na USC coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa. Completou a súa formación ramén na USC cun Máster en Técnicas Estatísticas e é membro activo da Real Sociedade Matemática Española. Dende 2015, esta muller matemática tamén forma parte do Instituto da Lingua Galega e participa nos proxectos que se desenvolven dentro da Rede de Investigación de Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDaLi).

Agora traballa no Centro de Formación do Profesorado de Lugo, na extensión de Burela, motivo pola cal é a nosa Asesora TIC e axúdanos e oriéntanos cos Plans de Formación que facemos cada curso.

LER MÁIS...

A CONCORDIA PRESENTA A OBRA DE SUÁREZ COUTO

Este xoves 3 de xuño, cun acto oficial de presentación no salón de actos do centro, a Asociación A Concordia fixo pública a cesión temporal da exposición de debuxos e gravados de Suárez Couto ao IES de Ribadeo. Con esta exposición ambos colectivos queren lembrar, difundir e sobre todo dar a coñecer á xuventude da vila, a obra dun artista ribadense que permanece esquecido para a gran maioría.

A colección que a asociación A Concordia conseguiu reunir de familiares, amigos, prensa e publicacións da época está composta de medio centenar de debuxos e gravados moi variados e de distintas épocas: ilustracións para libros e folletos, publicidade de xabóns, festas patronais, semana náutica,... Unha mostra testemuñal que recupera parte do legado artístico de Amando Suárez Couto e revaloriza o interese cultural que toda a familia Suárez Couto amosou por Ribadeo. Un legado que tanto a Asociación A Concordia como o IES Ribadeo Dionisio Gamallo consideran necesario conservar e coñecer.

Breve historia de A Concordia, por Matilde González

En Twiter @cosmopolitas1

(05/06/21) Cronica3.com

(06/06/21) El Progreso

  

EXPOSICIÓN XELA ARIAS

 

Entre o 31 de maio e o 4 de xuño temos no vestíbulo unha exposición sobre Xela Arias titulada Aquela nena de Sarria  creada e xestionada polo colectivo Egeria . Podedes visitala de xeito virtual no seguinte enlace:

 

 https://aquelanenadesarria.gal/gl

  

 

(01/06/2021): OS APELIDOS GALEGOS.

Ana Isabel Boullón Agrelo pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos”. A actividade enmárcase dentro do programa “A Ponte”, que pretende achegar a USC ós centros de ensino.

O acto estaba previsto para o alumnado de 2º de BAC, pero debido ás circunstancias relacionadas coa COVID houbo que pospoñelo e reorientalo ó alumnado de 1º de BAC.

Ana Boullón é Doutora en filoloxía galega e profesora titular do departamento de galego da USC. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía.  Forma parte de varios colectivos e institucións: Instituto da Lingua Galega (ILG), Asociación Galega de Onomástica (AGON), etc. Recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente

Na súa intervención, despois de referirse ós estudos da USC relacionados co seu ámbito, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito  da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado, por que a Ría de Ribadeo debe seguir mantendo a súa denominación actual.

A actividade organizárona, en colaboración, o Departamento de Orientación, o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística.

(01/06/2021): MARÍA VIEITES, Física, dende o CERN co IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

María Vieites impartiu para o alumnado de ciencias de 4º ESO e 1º de Bacharelato unha conferencia titulada "O CERN: acelerando e detectando partículas". Para nós é un orgullo poder contar con ela por varios motivos: foi alumna nosa no Porta da Auga antes da fusión dos centros, é filla de Teresa Díaz, a nosa compañeira de Física e Química, e ademais conseguiu un brillante currículo nun tempo meteórico.

María cursou o grao de Física na USC con estancia de summerstudent en Hamburgo e Lausane, Suíza, no Centro Acelerador de Partículas. A continuación fixo o mestrado e despois comezou coa tese marchando un ano ao CERN. Doutorouse en Física Nuclear e agora traballa alí como Investigadora post doutoral no Grupo de Física de Altas Enerxías. Toda esta traxectoria valeulle para ser premiada no 2020 como mellor científica galega menor de 30 anos.

Seguir lendo...

(31/05/2021): SONIA VILLAPOL, Neurocientíca, dende Houston co IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

Sonia Villapol impartiu para nós a conferencia inaugural da XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Sonia, natural de Bretoña (Lugo), licenciouse en Bioloxía Molecular pola USC, doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona, foi investigadora postdoutoral na Universidade Pierre e Marie Curie de Paría e dende 2010 traballa en EEUU onde pasou poloa Instituto Nacional de Saúde (NIH), foi profesora de neurociencias na Universidade de Georgetown e actualmente é investigadora principal e profesora no Texas Medical Center de Houston.

Ademais, dende hai un ano, coordina o Equipo de Investigación Internacional da COVID-19 no que participan neurocientíficos que analizan como lle afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso.

Seguir lendo...