Iniciar sesión

Secretaría virtual

Quico Cadaval connosco

Co gallo do Día das Letras Galegas estivo no noso instituto Quico Cadaval, actor, director teatral, escritor e narrador. A súa actuación encandeou a todos os que tivemos a sorte de velo. Tamén departiu co alumnado, que agradeceu a súa espontaneidade e o seu trato afable. Podedes ver algúns momentos da súa actuación se facedes clis no seguinte enlace.

Velaquí algunhas fotos.

Save the planet! Swap, don't shop!

Mercado segunda man na Ágora do IES ROU

Durante a semana do 23 o 27 de maio celebraremos a Semana de concienciación sobre o consumo responsable.

Para iso solicitamos que todo o alumnado que o desexe traia unha ou máis pezas de roupa durante a semana anterior (18-20). Entregaráselle un vale que poderá intercambiar durante os recreos (23/27 maio) por outros artigos. 

A roupa que sobre, de ser o caso, será entregada a Caritas Teis.

Podede acceder a máis información se facedes clic no enlace  ao blog da profesora Palmira Calvar.

 

Charla "Aprendendo en Familia"

Estimados/as compañeiros/as da ANPA ROU:

Seguindo co Ciclo formativo “APRENDENDO EN FAMILIA” queremos invitarvos a unha terceira actividade dirixida a nais e pais (cartel informativo adxunto).

III. EDUCAR PARA O SÉCULO XXI. COÑECER E VALORAR A DIVERSIDADE SEXOXENÉRICA"

Terá lugar no Salón de Actos do IES o xoves 19 de maio ás 17:00 h (duración estimada 2 horas). A xornada será impartida por Ana Ojea Alonso (titora LGBTIQA+ e profesora de Cultura Audiovisual no IES Politécnico de Vigo. Coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia).

As prazas son limitadas, e a formación gratuíta, e terán preferencia os socios e socias da ANPA. Para poder ter un control do aforo, solicitamos a todos/as interesados/as que fagan a súa inscrición. Podédevos inscribir neste enlace: https://docs.google.com/forms/d/1thxXmV9UTXCOwTX0qddupFUd_muF8GlfVtHa7e_F_n8/viewform?edit ou no formulario que se vincula co código QR do cartel.

ANIMÁDEVOS A DISFRUTAR DESTA CHARLA E ENVIADE AS VOSAS PROPOSTAS PARA PRÓXIMAS ACTIVIDADES POLAS VÍAS DE CONTACTO DA ANPA ESPECIFICANDO “CICLO APRENDENDO EN FAMILIA”.

Vigo, 12 de maio de 2022

Ana Pérez PRESIDENTA ANPA ROU

Marcapáxinas solidarios (II)

Xa fixemos o ingreso do recadado polos marcapáxinas solidarios a Save the Children. Agradecéronnos a aportación co diploma que adxuntamos:

Marcapáxinas solidarios

O alumnado da ESO do noso centro participa un ano máis no certame de marcapáxinas solidarios promovido pola ONG SAVE THE CHILDREN. Enmarcado dentro das actividades organizadas polo equipo da Biblioteca para celebrar a semana do libro, o noso alumnado de Educación Plástica deseña e pon a venda (0.50 €) estes marcapáxinas. Todo o recadado será ingresado na conta da citada ONG.

 

Premios extraordinarios bacharelato

No dog do 25 de abril de 2022 aparece reflectida toda a información para a obtención dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2021-22 (ver documentos anexos). O prazo de presentación comeza o 26 de abril e remata o 25 de maio, habendo 20 premios de 1000€ cada un. Toda a normativa e documentación a presentar esta dispoñible no DOG.

 

Percorrendo unha etapa da Historia

O pasado 4 de abril os tres grupos de 2º ESO percorreron un anaco dunha das etapas do Camiño Portugués a Santiago de Compostela da man do Departamento de Xeografía e Historia e acompañados por Olegario e Juan Guirado. O gallo de tal andaina era visitar a cidade medieval de Tui, seguir os sinais dos peregrinos, camiñar polas súas ruas estreitas e empedradas buscando a entrada agochada do "Pasadizo de Dona Urraca", raíña ben coñecida como "A Temeraria" filla e sucesora de de Alfonso VI e medio irmá de Tareixa de Portugal que viviu nestas terras polo século XI. Para iso seguimos un xogo de pistas que nos fixo remover cada recuncho do casco vello, entrar e saír das murallas, pescudar nas esculturas románicas e góticas que decoran á catedral, preguntar á veciñanza pola toponimia, descubrir as pegadas da comunidade xudea na vila, etc... O que veñen sendo aprendizaxes significativas. A choiva foi prudente e non apareceu, xantamos na ribeira do Miño e regresamos ao ROU con algo máis que os táper baleiros na mochila, ou eso esperamos....Parabéns á rapazada polo seu comportamento.

Posibilidade acceder contidos dixitais

Os usuarios da nosa biblioteca poderedes acceder de xeito gratuíto a E-LBE.2, unha plataforma de lectura e préstamo de contidos dixitais, no que teredes á vosa disposición máis de 3 000 títulos.

No arquivo adxunto tedes toda a información dispoñible. Que o disfrutedes!

O Día de Rosalía de Castro

Con motivo do Día de Rosalía, 23 de febreiro, a Biblioteca xunto co Equipo de Dinamización da Lingua homenaxeou á autora con traballos creativos do alumnado. Á proposta da Asociación de Autores en Lingua Galega, o alumnado partiu dos primeiros poemas de Follas Novas de Rosalía de Castro para sementar os seus pensamentos poéticos polo centro.

Distribuir contido