Benvida

O Instituto de Educación Secundaria Politécnico de Vigo é un centro público de ensino que ten como finalidade ofrecer á cidadanía unha formación de calidade e colaborar activamente na transición á vida adulta e activa do noso alumnado.

Este Instituto comezou sendo unha Escola de Mestría Industrial para logo se converter nun Instituto Politécnico de Formación Profesional e finalmente nun Instituto de Educación Secundaria. A súa oferta comprende Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelatos Científico - Tecnolóxico e de Artes, Educación Secundaria para  Adultos, Programas de Cualificación Profesional Inicial, e Ciclos de Formación Profesional, Básica, de Grao Medio e de Grao Superior, tendo unha importante oferta nas ensinanzas para persoas adultas.

Somos conscientes da necesidade de manter a nosa oferta educativa para atender a demanda da cidadanía e do tecido productivo da cidade e da súa área metropolitana, cos niveis de calidade esixidos hoxe en día que sempre caracterizaron ao noso centro.Todo iso sen esquecer o noso compromiso coa formación de carácter xeral, propia da Secundaria e do Bacharelato, etapa esta na que vimos obtendo uns excelentes resultados.

Queremos resaltar o compromiso dos traballadores e traballadoras do IES Politécnico para manter o noso centro  como un punto de referencia no ensino de calidade. Tamén a súa aposta por unha formación profesional que destaque pola súa excelencia e pola súa adecuación ás necesidades do contorno productivo, sen esquecer unha necesaria dimensión humanista que se instala na transversalidade.

Un centro inmerso dende fai anos nuns proxectos que satisfacen expectativas actuais e de futuro: Plan Lector, Plan  TIC,  eTwinning, Aula Virtual, Intercambios Europeos, Proxectos Europeos (antiguos Comenius e Erasmus e actualmente Erasmus+), etc.

Con esta páxina Web queremos abrir para toda a comunidade escolar e para a cidadanía en xeral unha fiestra que permita ter unha idea máis completa das nosas actividades, ofrecendo ao alumnado e as familias información que facilite a realización de consultas e trámites e a resolución de cuestións do seu interese.

Benvidos ó IES Politécnico de Vigo, gracias pola súa colaboración e gracias tamén polas súas propostas e suxestións.

A Dirección