1. Equipos informáticos. É desexable que os ordenadores e proxectores se apaguen ao rematar a xornada de mañá e nos recreos. Con esta operación tan sinxela favorecemos a durabilidade dos compoñentes, reducimos o consumo eléctrico e, por conseguinte, estamos atenuando o impacto ambiental que ocasionan as tecnoloxías da información e da comunicación, un aspecto que normalmente se pasa por alto e ante o que é preciso sensibilizarse. Un exemplo: estímase que só o uso de internet "produce" anualmente 850 millóns de toneladas de gases contaminantes, o que equivale a un 2% do total. Polo tanto, é moi importante facer un uso racional dos recursos.
2. Iluminación das aulas. Recomendamos encarecidamente que se apaguen as luces das aulas durante os recreos e, sobre todo, ao rematar a xornada de mañá ou cando sabemos que eses espazos non se van utilizar na seguinte hora.
3. O coidado da aula. Imos centrarnos en varios aspectos aos que debemos prestarlles atención:
- Orde e limpeza. Ao remate da xornada non deben quedar nas aulas nin libros nin papeis tirados polo chan. O material quedará recollido para facilitar as tarefas de limpeza.
- Utilización da aula nos períodos de lecer. As aulas permanecerán pechadas durante os recreos, agás as de bacharelato e ciclos formativos. Sempre que sexa preciso que o alumnado utilice as aulas nos períodos de lecer, deberá facelo acompañado por un docente. E, xa que estamos, tamén é importante lembrar que as aulas deben quedar pechadas cando non hai clase nelas; é unha medida de seguridade básica.
- Ventás. Nos meses de baixas temperaturas hai que evitar abrir as ventás se non é necesario. Cando a temperatura da aula sexa excesiva, o que no inverno acontece raramente, é preferible apagar os radiadores; dese xeito aforraremos enerxía e contribuiremos a reducir o volume de emisións contaminantes.