Skip to Content

Protexe o teu medio: A calidade do aire, da auga e da terra de Silleda

Protexe o teu medio: A calidade do aire, da auga e da terra de Silleda

O IES está situado nunha zona afastada do centro do pobo e rodeado de moita zona verde. Consideramos que o aire, a auga e o solo da nosa contorna é de boa calidade pero é certo que, dependendo da hora do día, o aire pode estar máis ou menos limpo debido a cantidade de coches que entran no recinto a primeira e a última hora da mañá. En relación coa auga e o solo, hai que dicir que na contorna hai fincas que son traballadas polos agricultores e gandeiros e por iso consideramos interesante coñecer como afecta esta actividade no noso Concello.

Grazas ao LMAG, que participa no “Plan Proxecta” co programa educativo "Protexe o teu medio", o alumnado de 2º da ESO e o de 4º ESO puideron facer unha análise das augas pluviais recollidas durante os meses de febreiro e maio para investigar o tipo de auga en función dos parámetros analizados e os usos que lles podemos dar, no centro ou no noso Concello. O alumnado está interesado en coñecer a dureza da auga, para saber se é necesario empregar os químicos que anuncian contra a cal, o pH e a concentración de NH3, para saber como inflúen as augas pluviais na supervivencia dos peixes nos ríos da zona. 

Por iso, cada GRUPO realizou o análise químico de doce parámetros (amonio, carbonato, dureza total, dureza residual, nitratos, nitritos, pH, fosfatos, osíxeno, temperatura, condutividade e concentración de sales). 

Para comunicar os resultados obtidos, o alumnado de 2º da ESO fixo un pequeno cartaz dos resultados obtidos da análise comparativa entre augas pluviais e auga potable da fonte do centro. Mentres que, o alumnado de 4º ESO, elaborou unha infografía en inglés para expresar os seus resultados, os posibles usos das augas pluviais e a súa relación cos obxectivos da Axenda 2030 e a economía circular.

Foi un traballo do Departamento de Física e Química, Departamento de Bioloxía-Xeoloxía e o Departamento de inglés.

Todos estes traballos foron expostos no posto de Meteocolmeiro da II Feira de Ciencias, no cal o alumnado participou como expositores e informadores das súas investigacións!

 

Podes ver maís noticias e actividades en Instagram @cienciacolmeiro

 

Ver galería de imaxes



page | by Dr. Radut