A consellería de Educación publicou a Resolución do 29 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan probas libres de títulos extinguidos dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.
Recomendámoslle a lectura deste texto a todas as persoas que cursaron estudos en calquera destes ciclos e que non chegaron a titular, sobre todo ao alumnado que ten módulos pendentes do ciclo medio de Condución de actividades físicas e deportivas no medio natural. Moi en síntese, as opcións son as seguintes:
- Alumnado que cursou primeiro curso e non promocionou a segundo. Pode solicitar admisión no novo ciclo (o que substitúa ao extinguido) ou presentarse ás probas libres ás que se refire a devandita Resolución do 29 de marzo de 2021. É moi importante ter que en conta que o alumnado "non pode estar matriculado/a simultaneamente nas probas libres reguladas nesta resolución e no ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que substitúa o establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo".
- Alumnado que cursou primeiro e promocionou a segundo (con ou sen módulos pendentes). Pode facer unha matrícula ordinaria en segundo.