Skip to Content

O alumnado galego dos segundos cursos de bacharelato e de ciclos medio e superior de FP poderá volver ás aulas a partir do 25 de maio

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional informa na súa páxina web de que o alumnado galego de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de ciclos Medio e Superior de Formación Profesional poderá regresar ás aulas a partir do vindeiro 25 de maio, sempre que se avance á denominada fase 2 do plan de reactivación cara á nova realidade.

Este regreso será completamente voluntario para o alumnado e non se impartirá contido que non se facilite tamén no seguimento a distancia. O traballo presencial estará dedicado á preparación das materias das que o alumnado pode examinarse na ABAU e/ou a outras actividades académicas.

Con obxecto de organizar o retorno coas máximas garantías de seguridade, necesitamos saber con antelación que alumnado ten previsto volver ao centro a partir do 25 de maio. Polo tanto, pregamos que o alumnado de 2º de bacharelato que desexe exercer o seu dereito a asistir ao centro cubra este formulario e nolo remita por correo electrónico antes das 14 horas do martes 19 de maio. O noso enderezo electrónico é ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.gal.

O centro adoptará todas as medidas de hixiene que se recollen no protocolo elaborado polo Ministerio de Sanidad e o Ministerio de Educación y Formación Profesional. Segundo se establece neste documento, o alumnado que teña síntomas compatibles con COVID-19, diagnosticado de COVID-19 ou en corentena por ter tido contacto con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de COVID-19, non poderá asistir ao centro. De acordo tamén coas citadas medidas, as familias non poderán entrar no recinto escolar.

Por último, e ante a posibilidade de que non poida manterse a distancia de seguridade en todo momento, recomendamos o uso de máscara de protección dentro do edificio escolar. 

Última hora: horarios para o período do 25/05/2020 ao 05/06/2020 [aquí]



story | by Dr. Radut