Skip to Content

#QuedamosNaCasa [18/03/2020]

En primeiro lugar, queremos mandarlle unha aperta moi forte a toda a comunidade educativa nestes momentos tan difíciles que nos está tocando vivir.

Como sabedes, a decisión de pechar os centros fíxose pública o pasado xoves, polo que apenas tivemos tempo para deseñar os plans de actuación que se precisan para garantir a atención ao alumnado e ás familias nunha situación tan anómala. De todas formas, o centro está a facer un esforzo para dar a mellor resposta posible. 

O profesorado leva días elaborando actividades relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado poida realizalas no seu domicilio. Ante a imposibilidade da comunicación directa, que é a base do noso traballo, estanse a utilizar as máis variadas canles telemáticas para establecer contacto co alumnado: aula virtual, páxina web, correo electrónico, blogs, sistemas de mensaxería electrónica, etc.

A comunicación do centro canalízase preferente por correo electrónico, que ten atención permanente. A atención telefónica está dispoñible nos días lectivos entre 10 e 13 horas. Os órganos informativos do centro son a páxina web e a súa páxina de Facebook, que conta con case 1.350 seguidores/as. Tamén utilizamos o sistema de mensaxería abalarMóbil para emitir comunicados breves.

Hoxe publicamos as cualificacións correspondentes á segunda avaliación na plataforma abalarMóbil. Ao longo do xoves e o venres pasados, días especialmente convulsos, valoramos a opción de pospoñer a avaliación, pero finalmente decidimos manter o calendario previsto porque cremos que é conveniente que as familias dispoñan dunha referencia actualizada do rendemento académico dos seus fillos e fillas, ademais de manter, dentro do posible, algo desa normalidade que tanto botamos en falta. Evidentemente, cando se reanude a actividade académica haberá tempo para que o alumnado e as súas familias poidan entrar en contacto co profesorado e obter as explicacións pertinentes.

Agradecemos a vosa atención e agardamos que o Colmeiro se encha de xente o antes posible. Iso si, polo de agora, por favor, #QuedaNaCasa.



story | by Dr. Radut