O Presidente da Xunta de Galicia anunciou o pasado 12 de marzo a suspensión de toda a actividade lectiva nos centros de ensino de Galicia. O día 15 de marzo publicouse no BOE o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Sabemos que a batalla contra esta pandemia depende en gran parte da nosa capacidade para limitar os desprazamentos e as interaccións durante o tempo que sexa necesario. En consecuencia, establecemos as seguintes pautas de actuación ata novo aviso:
1. O centro estará pechado e só terá acceso ás instalacións o persoal autorizado.
2. O centro fará un gran esforzo para atender todas as xestións administrativas de xeito telemático, unha área na que temos experiencia. De todas formas, cómpre lembrar que os prazos dos procesos que estaban en marcha se interrompen ata a volta á normalidade, tal e como se recolle na disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020. Pola súa parte, a Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional publicou unhas instrucións nas que se aclara que se amplía provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión, que finalizará unha semana despois do reinicio das clases.
3. O profesorado programará na páxina web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.
4. Para o alumnado de 2º de Bacharelato o profesorado adoptará todas as medidas específicas necesarias (telemáticas) para garantir de forma non presencial a continuidade das actividades lectivas dos contidos curriculares.
5. A comunicación coa comunidade educativa xestionarase a través da páxina web. Para calquera consulta, pregamos que usen o correo electrónico do centro (ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.gal), no que atendemos permanentemente. A atención telefónica xestionarase a través do 986580904 en horario de 10.00 h a 13.00 h.