Skip to Content

Igualdade

Encontro con Antía Yáñez: a muller en Senlleiras

Este venres teremos con nós a Antía Yáñez para que o alumnado de 1º Bacharelato poida compartir con ela as súas impresións sobre o papel da muller na súa novela Senlleiras

Trátase dunha actividade máis dentro da Semana da Muller, arredor do 8M. 

 

Cartel 8M do IES Perdouro

Temos cartel Especial 8M!! Grazas a Zoe Arias Lamelas, alumna de 4º ESO, por achegarnos a súa proposta tan axeitada para a ocasión. Lembra: IGUALDADE!

O xogo da zoca: camiñando cara á igualdade

Unha das actividades organizadas en torno ao 8 de marzo, Día da Muller, é este xogo ideado pola profe Carmen Sampedro para que poidamos aprender sobre mulleres salientables ao longo da Historia. Ela mesma, acompañada de alumnado do ciclo de Xestión Administrativa, pasará pola aulas para que poidades xogar e avanzar así cara á igualdade. De aí o lema do xogo: 

Con estas zoquiñas, máis libre camiñas!
 

Celebración do 8M, Día da Muller

Presentámosvos as actividades para esta semana na que se desenvolverán diferentes actos para celebrar o Día da Muller, facendo fincapé nalgúns ámbitos nos que a igualdade aínda non é unha realidade. 
 
 

Amigo invisible polo día da amizade

Esta mañá, 14 de febreiro, chegou o gran momento da semana. Os emisarios de Cupido repartiron as cartas de amizade, un amor necesario para o benestar emocional. 

Houbo cousiñas lindas, debuxos, poemas, etc...

Promovendo a empatía para o un mundo máis xusto.

Máis fotos por aquí.

Es romántico/a?

Hoxe día de celebración do amor imos facervos unha pregunta: Es romántico/a? 

Contesta ao cuestionario que fixo o alumnado de 3ºESO  na materia de  Proxecto Competencial. Eles queren saber se o alumnado da ESO é romántico. 

En 15 preguntas saberás se o/a es ou non.    

Adica un momentiño no recreo e contesta. 

Amor libre sempre.

 

25 N no auditorio de Burela coas impresións en podcast

 
Podcast cedido por Proxecto Neo introducido pola escritora Miriam Beizana e extraído do programa 368.12. Pódese acceder ao programa completo AQUÍ
 
O venres 25 de novembro o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro de Burela protagonizou unha saída á Casa da Cultura para asistir a unha charla impartida por dous membros da Garda Civil. Tamén había alí alumnado doutros centros educativos: CEIP Virxe Do Carme e CEIP Vista Alegre. 
 
O primeiro en intervir foi o alcalde de Burela, don Alfredo Llano, que explicou o motivo do acto, o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, e dixo que estaba nas mans dos xoves erradicar estes tráxicos episodios. Tamén explicou como se ía desenvolver o acto e dixo que na súa etapa como profesor do Perdouro estivera orgulloso do comportamento do alumnado de 1º da ESO. Acto seguido subiu ao escenario José Díaz, o Concelleiro de Educación, quen presentou os axentes que ían impartir a charla e tamén a dona Mary Fraga, que é a presidenta de BUMEI (a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela). Despois de todas as presentacións empezou o acto.*

Actividades 25N no IES Perdouro

Nesta presentación mostramos algunhas das actividades que se realizaron e aínda se están a realizar en torno ao 25 de novembro, data na que se intenta concienciar para a erradicación da violencia de xénero. 

Son traballos para a reflexión sobre unha problemática social que, lonxe de desaparecer, segue existindo na nosa sociedade. O obxectivo de todo isto con respecto á violencia de xénero é evitar tanto que a sufran e como que a exerzan. 

Seguro que aínda se nos esquece algunha actividade destes días. Se queredes que a publiquemos, comunicádeo e engadirase. 

 

Escaleira da violencia adolescente

“Laura e Diego, unha historia de maltrato adolescente” é unha historia como moitas das que oímos na tele sobre todo en días coma hoxe. O grupo de alumnos de 2º CM de Xestión Administrativo quixo explicalo dende a escaleira de maltrato adolescente.
Gravaron e montaron este podcast, unha adaptación da historia de "Pepa e Pepe".
 

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

O pasado mécores 16 de novembro o alumnado de 3º de ESO recibimos a visita do escritor e poeta Carlos Negro. Este encontro literario estivo subvencionado polo Ministerio de Cultura. O noso centro foi o primeiro de Lugo en acoller esta actividade. Así, tamén nos visitou o alcalde de Burela e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. 
Primeiro, Carlos amosounos parte das súas obras, como Maquinaria e Masculino singular. Este último poemario protagonizou o tema principal da exposición, “Modelos de masculinidade, unha viaxe cara á igualdade”. Explicounos moitos detalles sobre este tema, coma que, aínda estando no século XXI, seguen aparecendo mensaxes machistas nas redes sociais ou na publicidade. Púxonos algúns dos primeiros exemplos feministas que el recibira durante a xuventude e destacou o feito de que unha persoa non é culpable se é educada nunha desigualdade, pero si de continuala. Por iso, contounos que confiaba en que a nosa xeración fose capaz de cambiar o mundo de xeito que todos vivamos en igualdade. 
 
Carlos tamén nos recitou algúns poemas doutros autores e, finalmente, deunos a elixir entre varias actividades que formaban parte do obradoiro de poesía e cada un de nós compuxo os seus propios versos. 
 
Esta actividade foi moi entretida e dinámica en canto á forma que tivo Carlos Negro para transmitirnos a súa arte e coñecementos, por iso nos gustou moito este encontro.
 
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ
 
Carla Paz Trelles - 3º ESO A

8M: Antía Yáñez e a súa novela Senlleiras

O martes 8 de marzo (Día Internacional da Muller) tivemos a visita de Antía Yáñez, autora do libro Senlleiras que lemos na primeira avaliación de Lingua Galega.

A escritora falounos da orixe deste libro. Un día, escoitando un podcast de “Cuarto Milenio”, oíu que unha muller fora atopada morta e o seu bebé xogando xunto ao cadáver; a isto sumáselle que na última fotografía publicada dela víase unha man pantasma. Por iso, ela decidiu escribir un libro que empezara cunha morte e que os feitos se foran desencadeando ao longo da historia. Nese momento ela sabía pouco da violencia machista mais decidiu entrar nese tema para entendelo mellor. A súa intención era escribir sobre mulleres da súa idade coas que sentirse identificada, xa que o común na literatura é que os papeis protagonistas sexan para homes (como exemplo puxo a Harry Potter, unha das sagas que a introduciron no mundo da lectura, xunto coa serie de libros de “Los cinco”; sobre estes últimos libros contounos que sempre se identificou cunha das protagonistas (Georgina), pero que ela non quería deixar de ser muller para facer o que Georgina facía, posto que a protagonista quería ser un rapaz para correr moitas aventuras). 

Amosounos diversos exemplos sobre o papel da muller na literatura, como o caso da autora de Harry Potter, quen non puxo o seu nome completo nos libros porque, se o público masculino sabía que era unha muller, non os lerían. 

Con respecto á violencia machista, ao longo da charla ensinounos algúns titulares de noticias redactados de maneira agresiva cara ás mulleres, mentres que, no caso dos homes, moitas veces se intentaba diminuír a importancia da situación. A violencia convértese nun circo mediático que parece esconder os agresores e intentar suavizar os delitos que se cometen contra as mulleres. 

Tamén nos presentou algúns dos lugares que aparecen no libro como “Vila Chorima”, que agora está en ruínas e que era o lugar a onde Alana foi servir coa súa nai, e onde vivimos a súa infancia. Tamén falou da Rúa Betanzos e da Praza de Lugo, lugares onde se desenvolvía a vida de Alda e Alana, e o Hotel de Francia, que actualmente é o Blue Coruña. 

Gustoume moito a charla xa que a escritora fusionou temas do libro coa realidade da violencia machista que estamos vivindo na nosa sociedade. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

Sandra Lopes Monteiro, 1º BAC-B

21 de marzo: Día da eliminación da discriminación racial

Paula Jorge Horta, ex-alumna e graduada en maxisterio, estará no centro o luns 21, no día internacional para a eliminación da discriminación racial. Paula é un bo exemplo de referente e tratará de motivar e sensibilizar as rapazas e rapaces da importancia da continuación dos estudos e da igualdade de oportunidades.

Artigo de prensa: Voz de Galicia

REDES da Paula Jorge

Acrósticos pola igualdade

O alumndo de 2º de ESO de Investigación e Tratamento da Información compuxo unhas composicións poéticas combinando palabras apoderadas que foron publicadas nas redes sociais ao longo desta semana. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Mulleres francesas, mulleres feministas

 

 

En clase de Francés, o alumnado de 2º de Bacharelato investigou sobre 10 mulleres francesas, figuras das letras ou das ciencias esquecidas, e mulleres que defenderon o feminismo dende as súas condicións.

CHRISTINE DE PIZAN (1364-1430)
MARIE DE GOURNAY (1565 - 1645)
MADAME DE SEVIGNÉ (1626-1696)
ÉMILIE DU CHÂTELET (1706 - 1749)
NICOLE REINE LEPAUTE (1723 - 1788)
OLYMPE DE GOUGES (1748 - 1793)
MARIE ANNE LAVOISIER (1758-1836)
LOUISE MICHEL(1830 - 1905)
SIMONE VEIL (1927-2017)
VIRGINIE DESPENTES (Nancy,1969)

Aquí tedes.

Exposición 8M no Centro de Saúde: IES Perdouro pola igualdade

Este luns 7 de marzo estreamos exposición no Centro de Saúde de Burela. 

A traballadora social do centro sanitario solicitou a nosa axuda para visibilizar con mensaxes do alumnado a celebración do Día Internacional da Muller. Grazas á colaboración do Departamento de Educación Plástica Visual e Audiovisual e ao Departamento de Lingua e Literatura galega, o alumnado de 1º e 4º ESO redactou lemas e deseñou coloridas mans portando vistosas mensaxes. 
 
Os traballos foron colocados en varias estancias do Centro de Saúde de Burela. Alí podedes visitar esta fermosa exposición na que se reivindica o papel da muller de forma positiva. 
 
Accede ao álbum fotográfico AQUÍ
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut