Skip to Content

Curso 2017-2018

Charla sobre lesións medulares de Cogami

O venres 18 de maio, os alumnos de 4º ESO tivemos unha charla sobre lesións medulares e unha campaña de prevención das mesmas, impartida pola Asociación COGAMI. Unha das persoas que nos deu esta charla foi Helena, que traballa en dita asociación, e Ángel, que nos veu explicar a súa experiencia persoal.
 
 

Visita ás Terras de Miranda

O mércores 16 de maio, os alumnos e alumnas de 2º da ESO e de PMAR, fomos ás Terras de Miranda. Tivemos a oportunidade de ver un castro celta, en Pastoriza; o nacemento do Miño, o Pedregal de Irimia; os restos do mosteiro de Santa María en Meira e unha fraga en Riotorto.
Poidemos ver o funcionamento dun mazo de auga para traballar no ferro os ferreiros e logo fabricar os coitelos de forma artesanal.
Tamén tivemos tempo para descansar e comer todos xuntos. 
Foi unha saída e viaxe moi positiva xa que poidemos aprender e ao mesmo tempo pasalo ben, polo que é unha experiencia a repetir.  
 
Manuel Pumares (2º ESO)
 
Accede a reportaxe fotográfica aquí.

Despedida 2º Bach 2018

Chegou o momento da despedida despois de 6 anos de convívio. Sorte rapazas e rapaces!!

María B, Pablo B, Andrea, Alba, Rubén, Mario, Alejandro, Iria, Sara G, Itziar, Tania, Diego, Antía, Manuel, Luis Miguel, Víctor, Leticia, Andrés, Alberto, Edu, Pablo V, Santi, Claudia A, María A, David, Iria, Sara F, Álvaro, Marta, Clara, Lara, Ana L, Jorge, Ana N,Claudia, Miguel, Romina, Rocío, Floricia, Aitana, Hugo.
 
Actualización 22/05/2018:
Parabéns para Antía e Iria que levan matrícula de honra.

Acto Día Das Letras Galegas

Visita ao CINBIO

O pasado martes 24 de abril, o alumnado de 4º de ESO Tecnoloxía e Bioloxía-Xeoloxía fomos de viaxe de estudos a Vigo para visitar o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), situado na Universidade desa cidade.

...

O autobús deixounos na entrada do Centro e alí xa nos estaba agardando África González -a Directora do Centro- quen nos deu a benvida e despois ... seguir lendo a crónica de RAISA RIVERA  no blogue de Perdourando

Vitrina Letras Galegas

No hall de entrada están expostos algúns dos libros da escritora homenaxeada deste ano nas Letras Galegas, María Victoria Moreno, unha muller comprometida polo ensino e polo galego.
Tamén acompánaa as únicas 3 mulleres homenaxeadas neste 55 anos das Letras.
1963 - Rosalía de Castro
1987 - Francisca Herrera Garrido
2007 - María Patiño

 

Carteis Letras Galegas 2018

A iniciativa partiu do noso Equipo de Dinamización de Lingua Galega e traballou co alumnado de TIC de 4º de ESO empregando unha ferramenta gratuita de deseño web, Canva.
As citas da autora homenaxeada das nosas Letras que titularon "As leccións de vida de María Victoria Moreno" foron sacadas das lecturas de Leonardo e os fontaneiros e Anagnórise.



Tamén podes acceder ao albúm de fotos aquí

Correlingua 2018

O xoves 10 de maio, os rapaces de 1º de ESO acodiron á convocatoria anual do Correlingua baixo o lema "A lingua non para", iniciativa que xa vai pola 18. A carreira en prol da lingua celebrouse, nesta ocasión, en Mondoñedo, dende o Campo dos Remedios ata a Praza da Catedral.
A festa final estivo a cargo de Cé Orquestra, houbo lectura do manifesto, actuacións de centros e das Moreninhas que cantaron No niño novo do vento de Álvaro Cunqueiro e do gañador do Cantalingua, Cuarta Xusta, así como entrega de premios aos gañadores da carreira.
Unha mañá ben aproveitada !!!
 
Accede ao albúm de fotos aquí.

Acto de clausura da Exposición "A Mariña pensando en feminino"

Na tarde do xoves, 10 de maio, tiveron lugar, na Praza Maior de Viveiro, os actos de clausura da exposición de traballos artísticos elaborados por escolares dos catorce centros que forman parte da Microrrede A Mariña de Bibliotecas Escolares.
 
As mestras de ceremonia Karina Parga e Eva Lastra, do IES Perdouro e do CEIP de Alfoz respectivamente, fixeron a lectura da clausura e presentaron as diferentes actividades dinamizadoras. Fixeron agradecementos ás familias participantes felicitándoas polos fantásticos traballos presentados en todos os centros.

Asemade tamén agradeceron a asistencia das diferentes autoridades: a inspectora Branca Nazaré Guerreiro e o inspector Faustino Martín, a asesora das Bibliotecas Escolares da zona norte Chelo Guntín.
 
Como actividades dinamizadoras contamos con:

 

  • Actuación do coro formado por alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º curso de Primaria, de Alfoz, Celeiro, Galdo, Lois Tobío de Viveiro e o EEI de Viveiro. Cantaron a canción do Maio de Viveiro e A saia da Carolina. Fixéronno moi ben!
  • Actuación das Moreninhas, Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes, tres rapazas caboverdianas afincadas en Burela.
  • Encontro coa escritora Rita Morrigan.
  • Visita da escritora Olalla Cociña

Accede ao albúm de fotografías aquí.

IVº torneo de xadrez do IES Perdouro

Acto de inauguración "A Mariña pensando en feminino"

E chegou o gran día!, todo estaba preparado e a praza chea de familias dos diferentes centros que conformamos a MICRORREDE.
 
Este ano a mestra de ceremonias foi Rebeca Rivas do CEIP Santa Rita de Galdo; ela foi presentando as diferentes actividades e en nome de todos os centros agradeceu ás familias a participación no proxecto. Asemade tamén se deron as gracias ás autoridades alí presentes:
  • Xefa Territorial de Educación: Mariña Gueimunde.
  • Asesora das Bibliotecas Escolares, zona norte: Chelo Guntín.
  • Representante do Equipo de Dinamizacións Lingüística: Pilar Teijeiro.
  • Alcaldesa de Viveiro: María Loureiro.

No seguinte vídeo podemos ver un pequeno resumo:

Discurso inaugural; actuación do coro formado por uns 160 nenas e nenos dos centro de Alfoz, Cervo, Celeiro, Galdo, Covas e María Sarmiento de Viveiro; lectura dun manifesto a cargo da alumna do IES Perdouro, Andrea Rivas; rematando coa actuación de Guadi Galego e a performance de LAG na canción de Matriarcas.

Accede a reportaxe fotográfica aquí  
 
 
 
 

Ruta Mariña Occidental

Os nenos e nenas de 1º ESO do IES Perdouro, acompañados por Maribel, Begoña, Rafa e Antón, realizamos unha viaxe pola Mariña Occidental o día 18 abril.

Visitamos dúas vilas: Viveiro, onde analizamos a Porta de Carlos V e a igrexa de San Francisco; e O Barqueiro, o límite entre as provincias de Lugo e A Coruña. Para chegar ao Barqueiro pasamos pola nova ponte que conecta a estrada xeral, que pasa por encima do río Sor. Este mesmo río forma a fermosísima ría do Barqueiro. Tamén cabe dicir que vimos un vídeo sobre a Semana Santa de Viveiro, que foi declarada no 2012  de Interés Turístico Internacional.
A viaxe foi divertida e aprendimos moitas cousas novas.

Accede ao albúm de fotos aquí.
 
Álvaro Fernández Prado 1ºESO B

Obradoiro da prehistoria

O pasado 23 de abril os alumnos de 1º de ESO baixamos á biblioteca do instituto para aprender moitas cousas interesantes sobre a Prehistoria. 
 
Dúas arqueólogas da GaliPat Servizos Culturais foron as encargadas de explicarnos a evolución do home ao longo da prehistoria e as etapas polas que foi pasando. 
Ensináronos como se alimentaban os nosos antepasados, os tipos de lanzas. Monstráronnos as ferramentas destes primeiros homínidos, os materiais que utilizaban e de que xeito podían facelo, os materiais que utilizaban para elaborar as lanzas e métodos para que foran máis efectivas. Soubemos como pasaban dunha lanza con punta de madeira a unha de pedra, unha de óso e despois ás frechas. Vimos diferentes pigmentos que manchaban moito e que tiñan diferentes usos. 
Na segunda parte do obradoiro subimos á pista de fútbol e alí imitamos á caza dun cervo cunha lanza e un propulsor.  Case ninguén o conseguiu porque era moi dificil.
Foi un obradoiro moi divertido.
 
Accede ao albúm de fotos aquí.
 
Cloe Vizoso Rocha & Nicolás Sixto Guisasola 1ºESO C

Visita á Coruña - 1º Bach

VISITA Á FACULTADE DE INFORMÁTICA



    O día 26 de abril o alumnado de 1º BAC do IES Perdouro saímos de viaxe cara á Coruña co fin de visitar a Facultade de Informática, o Arquivo do Reino de Galicia e o Castelo de San Antón.
    Despois dunha viaxe de dúas horas en autobús, chegamos á entrada da Facultade. Os profesores deixáronnos unha media hora para integrarnos e observar un pouco pola nosa conta o interior do edificio, ou para, se queriamos, comésemos algo.
    O noso guía ese día foi Óscar Pedreira, Vicedecano de Organización académica. Explicounos un pouco en que consistía o grao de Informática e desmentiunos algúns prexuízos que se teñen sobre os informáticos cun pouco de humor.
    Despois, fixemos un percorrido pola Facultade e puidemos entrar nunha aula e en dous laboratorios de investigación, nos cales os alumnos nos explicaron en que estaban a traballar (por exemplo, en arquitectura de ordenadores ou aspectos relacionados coa óptica).
    Unha vez rematada esta visita, agradecémoslle a Óscar que nos permitise experimentar ese ambiente universitario e partimos cara á nosa seguinte parada.

 
LUCÍA LÓPEZ - 1º BACHARELATO

VISITA AO ARQUIVO DO REINO DE GALICIA




    Ás 12:45h comezamos a nosa seguinte visita ao Arquivo do Reino de Galicia, que se atopa na cidade da Coruña. Foi creado no ano 1775 e é o arquivo galego máis importante ao contar con 25 km de estantes.
    As funcións principais deste Arquivo son recoller a documentación que xera a Administración, organizar ese material e mantelo en bo estado. Para isto conta con varios métodos de almacenaxe: “Galiciana”, unha plataforma na que se mete a información coa web correspondente para acceder a ela; mobles compactos para aproveitar ben o espazo; e unha cámara frigorífica, única nun arquivo en Galicia. Contan con medidas de seguridade en caso de incendio. No lugar onde están gardados os documentos, quitarían o osíxeno da sala en vez de usar auga, para que o papel non se estrague.
    Este Arquivo do Reino de Galicia, nun principio, ubicouse en Betanzos e chegou ao edificio actual en 1957, comezando as súas funcións nos anos 80.
    Manéxanse aquí moitos tipos de documentos: textos, planos, mapas… e máis de 300.000 fotografías, contidos en diversos soportes (pergamiños feitos con pel de animal, papel de trapos, CDs, DVDs, disquetes e microfilmes) e escritos con distintos tipos de letra (visigótica, carolina e gótica cortesá, procesal ou humanística; esta última é a que usamos hoxe). Estes documentos están datados dende o s.XV ata hai cen anos de antigüidade.
    Mostráronnos alí tamén documentos da nosa zona, como unha causa xudicial por bruxería, a aparición dun espírito en 1830 e unha extradición dende Nova Iorque nos anos 30.
    Despois ensináronnos o laboratorio de restauración onde nos explicaron como se facía o papel antigamente (cando foi inventado polos chineses e cando foi perfeccionado polos árabes ao introducirlle algodón e fío que botaban na auga e mazaban cuns batáns). O papel actual é de lignina, que vén da madeira e non ten apenas celulosa, polo que é de peor calidade (ademais, moitas cousas poden danar o papel: a auga, os fungos ou a composición da tinta que se use).
    O proceso de restauración do papel consta de varias fases: primeiro fáiselle unha fotografía e unha ficha moi detallada; a continuación, desmóntase as follas e dáselles un baño con auga e outro con hidróxido cálcico; despois destes baños, póñense nun tendedoiro a secar (para reestablecer as pontes de hidróxeno) e, máis tarde, reintégrase con liño e algodón, que quedan unidos ao resto do papel grazas ás ditas pontes de hidróxeno; por último, ese papel vai aos secantes e logo á prensa.
    Foi esta unha visita moi entretida e soubemos que todo isto se pode estudar na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

 
MIRELLA RAMOS - 1º BACHARELATO

VISITA AO CASTELO DE SAN ANTÓN



    Pola tarde dirixímonos ao Castelo de San Antón.
    Na baía da Coruña hai un illote chamado “A Pena Grande” onde se construíu unha fortaleza. Antes do Renacemento foi un hospital cunha capela dedicada a San Antón onde se atendían enfermos ou navegantes con enfermidades infecciosas.
    Durante o reinado de Filipe II comezou a construírse o castelo para a defensa da baía. Dende finais do século XVII até mediados do século XX a fortaleza foi utilizada como cárcere no que había tanto delincuentes comúns coma presos políticos.
    Máis tarde, este illote foi unido a terra por un dique e instalouse alí o Museo Arqueolóxico Provincial no 1964. Neste museo poden verse pezas da prehistoria e da historia. Ten tres seccións: a primeira ten arte relixiosa e funeraria medieval e heráldica, a segunda trata sobre arqueoloxía e prehistoria e a última, sobre historia da cidade.
    No castelo vimos todo tipo de restos daquela época, como xoias, xerras, restos de ósos, etc. Vimos tamén o faro, subimos alí e contemplamos as vistas e unha borna que fixo a Universidade de Santiago. Trátase dunha embarcación semellante á que utilizaron os primeiros navegantes que visitaron as nosas costas provenientes das illas Británicas.

 
ELENA ENRÍQUEZ - 1º BACHARELATO
 
Accede ao albúm de fotos aquí.

Exposición "A MARIÑA PENSANDO EN FEMININO" - video da montaxe

Na tarde do venres, 4 de maio, os equipos dos diferentes centros que formamos a MICRORREDE PLAMBE A MARIÑA, realizamos a montaxe da exposición deste curso:
 


 


Na tarde do luns, 7 de maio, daremos comezo coas diferentes actividades que programamos en torno a esta exposición e que rematarán o xoves, 10 de maio.

 
A exposición estará aberta en horario de 18:00 a 20:00 horas para o público en xeral; tamén haberá horarios especiais para aqueles colexios e colectivos que o soliciten.
 
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut