Skip to Content

Presentación dos resultados do programa "Educando para a sostibilidade"

Onte, luns 20 de xuño de 2022, presentáronse no centro os resulados do programa "Educando para a Sostibilidade’ que a Vicerrectoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu este curso 2021-22 co patrocinio de Fundación Alcoa, ampliando a súa cobertura a centros educativos da Mariña lucense. 

No acto, ao que asistiron alumnos e persoal docente, interviñeron o director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Manuel Soto Castiñeira; o director da planta de aluminio de San Ciprián, Manuel Fernández Alonso en representación de Alcoa e Fundación Alcoa, e a directora do IES, María José Pardiñas. 

Durante o curso 2021-2022, o programa ‘Educando para a sostibilidade’ excedeu os límites do campus universitario coa organización de 15 novos talleres en 6 centros educativos no marco do proxecto 'Mariña Ambiental UDC - Fundación Alcoa'. Grazas a unha dotación económica de Fundación Alcoa de 49.800 dólares, os ciclos contaron con máis de 400 beneficiarios directos dos centros CEIP Castro de Ouro (Alfoz), CEIP Cervo (Cervo), CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), CPR Plurilingüe Martínez Otero (Foz), IES Enrique Murais (A Pontenova) e IES Perdouro (Burela). 

Os talleres, eminentemente prácticos, baseáronse nun triplo eixo estratéxico para a xestión sostible dos residuos, a auga e a enerxía. Ademais, o asesoramento científico e técnico do programa, así como o apoio económico, permitiron a implicación especial de tres centros: o IES Enrique Muruais, que instalará un sistema de recollida selectiva de residuos intracentro; o CPR Plurilingüe Martínez Otero, que mellorará unha zona de compostaxe e un proxecto sobre eficiencia enerxética preexistentes; e o IES Perdouro, que implantará unha zona de compostaxe xunto a equipos complementarios para que toda a comunidade educativa poida practicar a recollida selectiva de residuos orgánicos e producir un abono de alta calidade. 

Pódese acceder ao álbum de imaxes AQUÍ



page | by Dr. Radut