Skip to Content

Xa somos punto de recollida de material de escritura!

O IES Perdouro xa aparece no mapa como punto de recollida deste tipo de material, grazas á colaboración con TerraCycle, unha empresa innovadora que se encarga da reciclaxe de residuos difíciles de recuperar.

TerraCycle ofrece unha gama de programas aos que institucións e empresas se poden acoller para reciclar distintos tipos de produtos. No caso do material de escritura usado, unha vez recollido, é transportado a un dos seus almacéns. Logo, límpase e recíclase nunha das súas fábricas e transfórmase en produtos de uso diario, por exemplo, cadeiras e bancos para parques.

TerraCycle recicla e superrecicla os residuos en vez de incineralos ou mandalos a vertedoiros. Deste xeito, evítase o sistema lineal para pasar a un sistema circular, permitindo que o residuo siga dentro da cadea económica.

De momento, recóllense estes materiais nas aulas de ESO e Bacharelato, mais proximamente colocarase un colector para que toda a comunidade educativa e mesmo calquera persoa se poida achegar ao centro e depositar o material de escritura desde fóra do recinto.

Con cada envío que pese máis de 20 kg recibiranse puntos canxeables por doazóns. Un punto equivale a 1 céntimo. Cada vez que cheguemos a 1.000 puntos o centro poderá recibir a doazón que lle corresponda. 

Anímate a reciclar e trae o teu material de escritura usado: bolígrafos, rotuladores fluorescentes ou de encerado, portaminas, plumas e cartuchos e correctores líquidos ou de cinta.

Podes buscar máis infomación aquí

 



page | by Dr. Radut