Skip to Content

Charla do Plan Director sobre adicción aos videoxogos

O xoves 2 de decembro veu un garda civil chamado Ramón Peña a falarnos sobre os videoxogos e demais aspectos relacionados con eles. Falounos mentres ía pasando unha presentación con diferentes vídeos e fotos tratando o tema. Primeiro, presentouse coma un garda civil ao que lle gustaban moito os videoxogos, ensinounos as súas contas dalgúns videoxogos e mais o seu ordenador, moi potente, para xogar. Todo isto, eu penso que para ir pouco a pouco chamando a nosa atención e introducíndonos no tema do que estaba a falar. 

Despois, ensinounos un vídeo de Elxokas, un streamer galego bastante coñecido pola xente nova, que trataba o tema do xogo competitivo e a súa comparación cos deportes. Chegamos á conclusión de que non é o mesmo un deporte onde fas exercicio físico ca xogar diante do ordenador. Iso, en realidade, non se pode considerar deporte. Tamén nos puxo de exemplo a Elxokas, explicándonos que, a pesar de ser streamer, el ten uns estudos detrás diso e se lle vai mal na súa carreira como streamer podería dedicarse a traballar como enxeñeiro, que foi para o que el estudou.

Falounos tamén sobre os diferentes tipos de negocio dos videoxogos, que son: 

• Os de pago por licencia, nos que ti pagas por ter o xogo, xa sexa por disco, por tarxeta ou dixital; 

• os gratuítos, pero con anuncios; 

• os de suscrición, nos que, con esa suscrición, tes unha variedade de xogos 

• e os máis importantes, os xogos Freemium, onde hai micropagos e o resto é totalmente gratis e de fácil acceso. Obteñen beneficio a partir da xente que gasta neses micropagos que soen dar vantaxes dentro do xogo. Ata hai psicólogos dentro das empresas creadoras deses xogos que estudan como manipularnos para gastar diñeiro no seu xogo. Normalmente, neses xogos hai moedas propias que podes comprar co teu diñeiro real. 

O que nos veu dicir Ramón é que xogar moito ten consecuencias negativas e que os videoxogos están feitos para producir adicción e para que as empresas que os crean gañen diñeiro. 

Podedes ver imaxes da charla AQUÍ

Mateo Docal Sampayo – 2º ESO C



page | by Dr. Radut