Skip to Content

Premios Mil Primaveras para o Modelo Burela

O Modelo Burela recoñecido como mellor proxecto estabilizado nos Premios Mil Primaveras convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.



Os Premios Mil Primaveras nacen para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio.

Con eles a CTNL pretende valorar e proxectar o gran labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración para mellorar o traballo en normalización da lingua.

Entre os 47 proxectos presentados na convocatoria desta 1ª edición dos Premios Mil Primaveras, o Modelo Burela do IES Perdouro resultou estar entre os seis premiados.

Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o Modelo Burela (IES Perdouro), por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía. Hoxe as actividades máis significativas do Modelo Burela son o Proxecto Neo, un programa de radio para dar a coñecer a incorporación á lingua galega de persoas que non a tiveron como primeiro idioma, ou Grandes Voces do Noso Mundo, unha emisión para tender pontes a través da música co noso mundo lingüístico. O proxecto tamén inclúe outras accións como intercambios educativos con centros con realidades lingüísticas semellantes, programas de atención á diversidade ou intervencións destinadas á cidadanía.

 
O pasado sábado 21, unha comitiva do IES Perdouro desprazouse ata Pontevedra para recoller o premio da man de Ana Iglesias, integrante do xurado.  Karina Parga, en reperesentación do IES Perdouro, compartíu palabras de agradecemento e felicitou os outros cinco proxectos premiados: Desafío 48 do IES María Casares de Oleiros,  Falemos de ti e de min do IES de Soutomaior, Eu presumo de Galego do IES de Melide, o proxecto Youtubeiras e Youtubeiros e GCiencia Industrias Creativas. 
 
 
Accede ao albúm de fotografías aquí.


page | by Dr. Radut