Skip to Content

O proxecto EDIXGAL implántase no IES Perdouro para o curso 2017-2018 en 1º e 2º de ESO

O IES Perdouro foi admitido para participar no proxecto EDIXGAL a partir do curso 2017-2018. Parabéns para a nosa comunidade educativa

O proxecto EDIXGAL consiste, en poucas palabras, en proporcionar aos alumnos e alumnas un ordenador portátil (novos dispositivos convertibles de 12 pulgadas que funcionan como ordenador ou como tablet) que terán ao seu dispor as 24 horas do día para traballar con recursos dixitais gratuitos (libros dixitais, actividades interactivas, etc.) utilizando metodoloxías activas, mais apropiadas para formarse nas competencias e habilidades que se requiren para desenvolverse no século XXI.

No pasado mes de maio a Consellería de Educación publicou a convocatoria para admitir 30 centros de toda Galicia como participantes no proxecto EDIXGAL no ano académico 2017-2018. O IES Perdouro, fiel ao seu carácter innovador e con un decidido respaldo do Claustro de Profesorado e do Consello Escolar, presentou a súa candidatura.

Con data 20 de xullo de 2017 publicouse a resolución provisional da convocatoria e o noso centro resultou seleccionado para participar inicialmente cos cursos de 1º e 2º de ESO. Nos seguintes dous anos o proxecto estenderase ata 4º de ESO.

A implantación do proxecto EDIXGAL supón un importante recoñecemento e respaldo da Consellería de Cultura e Educación ao bo labor e aos esforzos do profesorado e demais persoal do IES Perdouro no ámbito da innovación educativa.

Por outra parte, a inclusión neste proxecto dos dous centros de infantil e primaria de Burela -o CEIP Virxe do Carme (centro adscrito ao IES Perdouro) e o CEIP Vista Alegre-, aos que lles transmitimos tamén os nosos parabéns, sitúa Burela na vangarda da innovación en educación.

 

Por qué consideramos que é bo o proxecto EDIXGAL para o noso alumnado?

Como todos sabemos, unha parte cada vez mais grande da actividade tanto privada como laboral dos cidadáns de hoxe en día desenvólvese a través das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Iso fai que perdan importancia os coñecementos memorísticos (estas novas tecnoloxías permítennos acceder en poucos segundos a unha grande cantidade de información actualizada) e, en cambio, adquiren unha importancia fundamental outras habilidades e destrezas como son o propio manexo dos recursos TIC ou a capacidade para seleccionar, analizar e procesar a información a través deses medios TIC.

De igual maneira, as características da sociedade civil e do ámbito laboral do século XXI requiren persoas con competencias adecuadas ao novo escenario. Deste xeito, o cidadán e traballador actual debe ser competente nos seguintes aspectos, entre outros:

  • Utilizar os medios e recursos dixitais (TIC)
  • Traballar en equipo
  • Adaptarse e continuar aprendendo
  • Desenvolver habilidades sociais e cívicas
  • Comunicarse de forma eficaz en diferentes linguas e por diferentes medios
  • Resolver problemas (creatividade, planificación, determinación, iniciativa...)
  • Demostrar iniciativa e espírito emprendedor
  • Matemáticas, ciencia e tecnoloxía
  • Conciencia e expresións culturais

Esta nova situación a nivel social e laboral require tamén unha adaptación por parte do sistema educativo co fin de educar e formar aos xóvenes nas competencias que van necesitar. Esa adaptación pasa por:

  • Incorporar de forma decidida as TIC ao ensino, xa que o mundo actual funciona a través delas e o alumnado debe aprender a desenvolverse con elas.

  • Promover un cambio metodolóxico necesario para mellorar a aprendizaxe do alumnado. É coñecido que as persoas aprenden moito mais eficazmente desde un papel activo (aprender facendo) que desde un papel pasivo (ler, escoitar...).
  • Formar o alumnado nas competencias do século XXI (competencias clave e outras). Primar a adquisición de competencias, habilidades e destrezas fronte á aprendizaxe memorística.

O proxecto EDIXGAL nace coa intención de facer posible toda esta transformación do proceso educativo ao canalizar o proceso de ensino-aprendizaxe a través das tecnoloxías da información e da comunicación. En relación cos tres puntos anteriores, satisface o primeiro deles e facilita enormemente a consecución dos outros dous.

 

Outras vantaxes de EDIXGAL:

- Libros dixitais gratuitos para as materias integradas en EDIXGAL.

- Menor peso da mochila do alumnado, que transportará un lixeiro ordenador en lugar dun conxunto de libros.

- Favorece a equidade social:

  • Acceso aos medios TIC para todo o alumnado
  • Libros gratuítos
  • Calidade educativa para todo o alumnado

- Mellora a calidade educativa:

  • Metodoloxía mais eficaz. Non se trata de estudar polo ordenador, como se podería pensar, senón de aprender traballando co ordenador.
  • Ordenador e recursos dixitais a disposición do alumno en todo lugar e momento.

 

Qué materias van ser integradas no proxecto EDIXGAL no IES Perdouro para o curso 2017/2018?

1º curso de ESO 2º Curso de ESO
  • Lingua galega e literatura
  • Xeografía e historia
  • Bioloxía e xeoloxía
  • Educación física
  • Segunda lingua estranxeira
  • Educación plástica, visual e audiovisual

 

 

  • Lingua galega e literatura
  • Xeografía e historia
  • Física e química
  • Educación física
  • Segunda lingua estranxeira
  • Música
  • Tecnoloxía
  • Oratoria
  • Programación
  • Xadrez

En todas as materias integradas en EDIXGAL utilizaranse libros dixitais e outros recursos, todos eles gratuitos. Nas materias que non se acollen a EDIXGAL continuarase a utilizar os libros de texto en papel como ata o de agora:

Listaxe de libros de texto en papel que aínda se utilizarán en 1º e 2º de ESO

 

En qué consiste o proxecto EDIXGAL, máis polo miudo?

Co obxectivo de pór en marcha o libro dixital nos centros educativos galegos, o proxecto E-Dixgal arrancou no curso 2014/2015. Para o ano académico 2017-2018 incorpora varias novidades importantes:

  • Novos libros dixitais, ademais dos xa existentes, con novas funcionalidades, proporcionados por varias editoriais en convenio coa Consellería de Cultura e Educación.
  • Funcionalidades aumentadas e melloradas do espazo dixital de traballo (Entorno Virtual de Aprendizaxe - EVA)
  • Novos equipos (ordenadores) que se entregarán ao alumnado participante para ter ao seu dispor as 24 horas do día. Serán ordenadores convertibles (funcionan tamén como tablet) de 12 pulgadas.
  • No IES Perdouro iniciarase o proxecto no ano 2017-2018 para os cursos de 1º e 2º de ESO, e estenderase a todos os cursos da ESO nos dous próximos anos académicos.

O profesorado e alumnado dos centros EDIXGAL desenvolven a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles permite acceder a contidos dixitais seleccionados polo profesorado a partir de:

  • Diferentes libros dixitais proporcionados por varias editoriais en convenio coa Consellería de Cultura e Educación, da Xunta de Galicia
  • Outros recursos dixitais dipoñibles no entorno virtual
  • Recursos dispoñibles na rede internet
  • Recursos preparados polo propio profesorado
  • Etc.

Os docentes poden elaborar a súa propia “mochila dixital” seleccionando a través da plataforma dixital os contidos formativos e podendo incorporar os materiais complementarios que desexen, así como recursos de elaboración propia.  Os centros EDIXGAL teñen tamén á súa disposición o espazoAbalar con varios miles de recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas.

O alumnado pode acceder ao material seleccionado polo profesorado tanto a través dunha conexión a internet (modo online) como dende o seu ordenador portátil (modo offline). Deste xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será actualizado de maneira automática na plataforma en canto o ordenador volva ter conexión de rede.

O acceso á plataforma virtual de aprendizaxe é posible a través de calquera equipo con conexión a internet sempre que se faga uso das claves de acceso que lle serán entregadas ao alumnado no centro. Porén os alumnos e alumnas que así o desexen teñen a posibilidade de utilizar tamén nas súas casas o netbook (ordenador portátil) que empregan na clase, para o que deberán solicitar no seu centro un formulario de préstamo do mesmo, que devolverán asinado no prazo máis breve posible.

A utilización do ordenador portátil e das ferramentas e contidos dixitais instalados no mesmo é gratuíta para o alumno. As familias comprométense a que o alumnado realice un uso dilixente do equipamento, ao coidado dun equipo público, que poderá ser usado noutros cursos por outros alumnos, e a unha utilización vinculada á actividade educativa para a que é cedido.

Para solucionar as dúbidas ou as incidencias técnicas no uso do entorno virtual de aprendizaxe, tanto o profesorado como as familias contarán cun equipo de soporte técnico con atención continuada as 24 horas.

 

Mais información

Nas seguintes ligazóns:

Información sobre o proxecto EDIXGAL no Espazo Abalar

Entorno virtual de aprendizaxe (EVA) de EDIXGAL  (usuario: edixgal; contrasinal: edixgal)

Novos contidos intelixentes para EDIXGAL

Convocatoria do Proxecto Educación Dixital EDixgal para o curso 2017/2018

Resolución provisional da convocatoria (20/07/2017)

Tamén estamos á súa disposición no IES Perdouro (Tel 982 870 102) para canta información ou aclaracións desexen.



page | by Dr. Radut