Skip to Content

Novembro 2017

Exposición Biblioteca Día contra a violencia de xénero

Chegou o mes de novembro e con el a exposición de libros e cine temáticos sobre muller para conmemorar o día internacional contra a violencia de xénero. Ver aquí a exposición. 

 

25 N - Perdouro en Negro

Este ano, sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Leticia de Pedro Martínez, alumna de 2º de Bacharelato, abriu o acto conmemorativo do 25 N no IES Perdouro. O seu manifesto titúlase Carta a Mamá, e narra a historia dura, como a vida mesma, dunha irmá farta, moi farta. Mentres Leti lía o seu texto coa voz encollida, unhas gotas moi gordas de auga caeron do ceo como se foran lágrimas, mais non impediron a participación masiva da comunidade educativa. Para clausurar o acto, o conxunto do alumnado alí presente versionou ao unísono a canción do grupo Máis Boas Cás Patacas, "Son muller", canto de alento feminista.

Carta a mamá, Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach.

Mamá, teño medo. Son muller, mamá, e por iso teño medo. Sinto dor, tristeza, rabia e impotencia; porque son muller. Estou farta, mamá, farta de todo o que nos está a pasar, a min e a todas as nosas irmás. Estou farta de que nos fagan sentir inferiores, prescindibles e mesmo utilizables. Estou farta da sensación de noxo e sucidade que me percorre o corpo cada vez que saio á rúa e un, dous o un grupo de homes que se fan chamar persoas me comen cos ollos, me sexualizan e se cren co dereito a opinar sobre o meu corpo. Estou farta do medo a ir soa pola noite. Estou farta da necesidade que sinto de dicirlles a todas as miñas amigas, “avísame cando chegues”, por ser mulleres. Estou farta de que me asignen unha saia rosa e unha cociña e non un balón ou uns pantalóns azuis. Estou farta de que me digan: “ti, perruqueira; el, enxeñeiro”. Estou farta, así comeza todo.

Ensaio "Son muller"

Ensaio "Son muller" na aula de música con Dolores e Miruca co alumnado de 1º ESO

Perdouro en negro - Stop Violencia de Xénero.

Acto conmemorativo do día contra a violencia de xénero no IES Perdouro. Sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Será o venres 24 ás 11h. no recreo. Darase inicio do acto coa lectura do manifesto redactado pola nosa alumna de 2º de Bacharelato, Leticia de Pedro. A continuación un grupo de alumnos cantaran a canción "Son muller" do grupo de rapazas de Teo Máis Boas Cás Patacas, gañadoras da segunda edición do "Quero Cantar". Se te animas, podes unirte a cantar o retrouso do tema. Para clausurar o acto faremos unha foto de grupo coa máxima participación da comunidade educativa do centro. A cor negra será a protagonista.

Vémonos o 24 ás 11h vestid@s de negro.

#BurelaEnNegro #PerdouroEnNegro #ContraAsViolencias

Charla taller de Scratch con Luis Hervella

O pasado xoves 9 de novembro os alumno de 2º de ESO tivemos unha charla sobre a importancia que vai ter no noso futuro laboral a programación, impartida polo mismísimo decano da Facultade de Informática da Coruña, Luis Hervella Nieto.
 
... seguir lendo a crónica de Alba Geada no blogue de Perdourando.

Contacontos pola igualdade

Alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach asistiron esta mañá no auditorio a un espectáculo "Contamos Todas" da compañía A Tropa de Trapo, actuación patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 
 
Os contos empezaron coa historia das señoras de Torneiros e a súa iniciación a montar nunha bicicleta. O segunto conto relatou a historia de Liberia e de Ellen Johnson Sirleaf, actual presidenta do pais, Nobel da paz e primeira presidenta africana. Foron exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións, historias para facer pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación.
Logo deuse paso a un debate participativo sobre igualdade, feminismo, machismo e violencia de xénero.

Accede ao noso albúm fotográfico aquí.

Fondos sobre igualdade recomendados polo CIM

Esta mañá, a Concelleira de Educación, Patricia Otero, xunto a psicóloga do CIM (Centro de Información da Muller), Cristina Cayón, entregaron un lote de libros para dotar as bibliotecas escolares do municipio de libros sobre igualdade. Unha moi boa selección que incorporamos de inmediato ao noso fondo de biblioteca.
 

 

Obradoiro de robótica - Día a ciencia en galego

Recollemos na web do CEMIT a seguinte información:
Hoxe en día estímase que o 43% dos postos de traballo actuais desaparecerán e que todos os traballadores requirirán de competencias en novas tecnoloxías. É necesario polo tanto que os nosos mozos e mozas estean PREPARADOS!!!!. 
 
Con motivo do mes da ciencia en galego, o EDLG contou coa axuda do departamento de Electrónica do centro. O proxecto deste ano ía destinado ao alumnado de 3º de ESO e consistiría nun obradoiro de iniciación á robótica. A finalidade desta actividade que se desenvolveu nas aulas do dpto. de Electrónica é fomentar nos rapaces e rapazas o desenrolo de habilidades cognitivas, pensamento crítico, concentración, aprendizaxe continuo, creatividade e coñecementos sobre novas tecnoloxías. 

Viaxe a Samos e ao Cebreiro - unha crónica de Alejandra e Cristian

O día 10 de outubro o alumnado de 3º ESO viaxamos cara ao interior da provincia de Lugo acompañados pola profesora de Relixión Begoña Abad e pola profesora de Lingua Miruca Parga. A nosa viaxe pasaba por varios concellos todos eles relacionados co Camiño de Santiago e Antón Niñe, o noso anterior profesor de Relixión, fíxonos de guía. 
A primeira parada foi no .... seguir lendo a crónica de Alejandra e Cristian no blogue de Perdourando.


by Dr. Radut