Skip to Content

Queda aprazada a visita do presidente da Real Academia Galega

Por motivos de saúde, queda aprazado o encontro que hoxe tería lugar con Víctor F. Freixanes, presidente da RAG. 

Informaremos cando nos concrete unha nova data. 

Animación á lectura con motivo da visita do presidente da RAG

 

O martes 11 de outubro Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega, visitará o IES Perdouro e asistirá a unha recepción no Concello de Burela. 
 
Con motivo desta visita, a biblioteca deste centro organiza unha sesión de animación á lectura o xoves 6 ás 18:00h aberta a toda a sociedade de Burela. 
 
Se estás interesado en coñecer as obras de Víctor F. Freixanes e o público ao que van dirixidas, achégate á biblioteca do IES Perdouro. 
 

En primicia! O luns atoparedes unha novidade no instituto


O luns estará rematado un mural que leva por título "O berro vegliota" da autoría do artista Iago Eireos, fundador de Espazo Lupa Arte. 

O curso pasado a Deputación de Lugo daba a oportunidade aos colexios e institutos lucenses de solicitar que se pintase algún muro dos centros educativos. 

A temática era unha homenaxe a Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985), que foi un pintor e ilustrador de cómics. 

As doce pinturas que configuran a banda deseñada O home que falaba vegliota de Reimundo Patiño relatan, metaforicamente, as agresións que reciben as linguas minoritarias. O vegliota é unha lingua que se falaba na zona de Dalmacia, na actual Croacia; unha lingua románica en extinción. Nos anos setenta, cando Patiño realizou esta obra, falábana unicamente medio centenar de persoas. Partindo deste dato, Patiño constrúe un relato-denuncia da represión que sufriu a lingua galega durante o franquismo. Trátase dunha contundente crónica satírica, na que aparecen o Papa e o Pentágono perseguindo ao último falante de vegliota para exterminalo. Está considerada a obra fundacional do cómic galego, e de aí a homenaxe que se lle quere render a Reimundo Patiño en colaboración cos centros educativos, pola súa defensa das linguas minoritarias e, especialmente, do galego. 
 
BUSCADE ESTE LUNS ONDE ESTÁ A SORPRESA NOS MUROS DO INSTITUTO!
 

Visita de Camilo Díaz Arias á exposición sobre Ediciós do Castro

A figura polifacética de Isaac Díaz Pardo na voz do seu fillo
 

O pasado xoves 22 de setembro do 2022, o alumnado de 4º da ESO e de Ciclo Medio de Xestión Administrativa, acudimos ao encontro con Camilo Díaz Arias, un dos fillos de Isaac Díaz Pardo.

A súa visita foi ligada á exposición “O Castro tamén na orixe da literatura infantil e xuvenil”, instalada estes días na nosa biblioteca, a cal nos conta o nacemento de Ediciós do Castro en Sada, no ano 1963. Esta editorial sacou á luz 1500 volumes entre os que destaca Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, o máis vendido con 24 edicións tiradas. 
 
Camilo comezou falándonos da importancia que tivo o seu avó, Camilo Díaz Baliño, na traxectoria profesional de Isaac, ata chegar a converterse nunha figura polifacética: pintor, ceramista, deseñador, editor, escritor, empresario, político... 
 
Durante a Guerra Civil Española, Camilo Díaz Baliño fora fusilado polo réxime franquista o que marcou moito a Isaac, quen tamén uns anos máis tarde, tivo que fuxir a Madrid, onde estudou Belas Artes. Anos máis tarde abandona as artes plásticas, e volta a Galicia onde fundou, en 1949, a fábrica de porcelana, Cerámicas do Castro, en Sada. 
 
En 1963 constituíu en Arxentina, xunto con outros destacados galeguistas, como Luis Seoane, o Laboratorio de Formas. Nese país, en concreto na cidade de Magdalena, funda e dirixe a fábrica Porcelanas Celtia. 
 
Dende 1968, funda o Grupo Sargadelos, sendo a dirección e administración do mesmo o seu labor máis coñecido, ao cal destina gran parte dos beneficios para recuperar a cultura galega e a memoria histórica. No centenario do seu nacemento, Sargadelos foi declarado Ben de Interese Cultural, ademais de celebrarse unha exposición na Cidade da Cultura de Galicia titulada “As miradas de Isaac”. 
 
Finalmente, Camilo falounos de Isaac como pai, o cal xogaba con el e os seus irmáns, ideaba papaventos e construía camións de madeira para que puidesen montar neles. 
 
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ
 
Adriana Polo González 
Damaris Gabriela Popovici 
2º Ciclo Medio de Xestión Administrativa

Exposición de literatura infantil e xuvenil de Ediciós do Castro

Desde o 16 ao 30 de setembro contamos no IES Perdouro cunha exposición na que se explica a aportación de Ediciós do Castro á historia da literatura galega infantil e xuvenil. 

O xoves a partir das 12:20h, acompañaranos o fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias, para falarnos desta exposición e da figura de seu pai, nesta ocasión, fundamentalmente no desenvolvemento editorial dentro da cultura galega. 

A exposición trata sobre a idea de crear unha editora dentro da empresa, o contexto cronolóxico no que medra esta proposta empresarial e cultural, os inicios da literatura infantil e xuvenil en galego, a importancia de Memorias dun neno labrego e doutras publicacións de Ediciós do Castro e a autoría das ilustracións e das obras que viron a luz con este selo editorial. 

A mostra está composta de 10 paneis que ata o día 30 de setembro podedes visitar na biblioteca co voso alumnado. 

Achégase o PDF da exposición por se queredes botarlle un vistazo para explicarlle algo ao alumnado de xeito previo á visita. 

Voltan os retos da Xeración ECO!!

Este curso continuaremos cos retos sostibles para reducir a pegada hídrica e de carbono. Recordade que o curso pasado alcanzamos o segundo posto a nivel nacional e recibimos unha importante dotación para ter o noso propio horto: mesas de cultivo, composteiro, regadeiras etc. 

Agardamos a mesma colaboración ca o curso pasado. Nesta ocasión, o primeiro reto centráse no vidro. Trátase de levar a cabo algunha actividade que investigue sobre: 

- como se xera o vidro, 

- que impacto ten no medio,

- e que múltiples usos pode ter este material dado o seu alto valor. 

Valorarase a creatividade, a orixinalidade, que dure no tempo, o número de alumnado involucrado e a transversalidade entre diferentes ámbitos. 

A partir do 30 de outubro hai que presentar as actividades. Charo, xefa do departamento de Bioloxía, coordinará unha vez máis os retos e debemos enviarlle a ela as nosas aportacións. 

Atención aos obxectivos. Comeza o reto 1!!

Proxecto Neo

COMEZAMOS A DUODÉCIMA ETAPA
 
Non deixes de escoitar o noso programa semanal radiado por Radio Burela.
Os mércores de 5 a 6 da tarde emitimos en directo.
 
Tamén podes escoitarnos cando e onde queiras na radio á carta de de Proxecto Neo.

Xa estamos participando na fase nacional da Olimpíada Científica Xuvenil

Hugo Gorgojo, Ignacio Andía e Alexandre García xa están en Valencia acompañados da súa profesora Charo Fernández para participar na fase nacional da III Olimpíada Científica Xuvenil Española. Comeza hoxe 11 de xullo e remata o mércores 13. As actividades desenvolveranse como se indica no programa de actividades. 
AQUÍ tedes máis imaxes dos participantes. 

Moita sorte para os nosos rapaces!

Xornadas técnicas de soldadura robotizada no IES Perdouro

Durante o 5 e o 6 de xullo desenvólvense no taller de Mecanizado do IES Perdouro, as Xornadas Técnicas de soldadura robotizada con Road Show de Binzel. 

A petición da empresa Ángel Vizoso S.L., Binzel presenta no IES Perdouro un robot de soldadura con visión artificial capaz de detectar as pezas que ten que soldar, corrixir a traxectoria se hai algún erro, limpar o cabezal para que o cordón de soldadura quede uniforme etc. O operario non ten máis que introducir no programa unha serie de parámentros e o robot fai o resto. 

Á parte disto, conta con aspiración, o que protexe a saúde do soldador e das persoas que poidan estar ao seu redor, algo que será obrigatorio en breve en calquera posto de traballo no que se precise soldar. 

Contan tamén con robots imantados que permiten soldar amplas superficies en barcos ou instalacións nas que teñan que traballar en paredes verticais. 

As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse no seguinte enlace da páxina https://angelvizoso.com/. 

O horario das xornadas é de 9:00 a 17:30h durante o martes 5 e o mércores 6 de xullo. 

 

 

Celebramos o premio de Aulas Limpas nun parque de aventura

O luns 27 de xuño o alumnado de 2º ESO B puido desfrutar dun premio ben merecido despois de manter limpa e ordenada a súa aula durante todo o curso. 

Percorreron os circuítos do parque de aventuras localizado en San Roque, en Viveiro. Os máis rápidos e ousados foron quen de rematar os catro circuítos do parque cruzando complicadas pontes e deslizándose en divertidas tirolinas. 

Podedes ver as fotos AQUÍ



by Dr. Radut