O alumnado de 4º de ESO visita o Pergamiño Vindel

O ALUMNADO DE 4º DE ESO ASISTE AO MUSEO DO MAR DE VIGO

O mércores 10 de xaneiro o alumnado de 4º de ESO fixo unha saída ao Museo do Mar de Vigo co fin de visitar a exposición “O Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”, centrada nunha das maiores xoias da cultura galega da Idade Media: as sete cantigas de amigo de Martín Códax recollidas no Pergamiño Vindel.

A través das sete cantigas achegáronse ao contexto histórico e cultural da Galicia do século XIII e aos seus vínculos co resto de Occidente, establecidos fundamentalmente a través do Camiño de Santiago. A mostra presenta contidos e obxectos que se corresponden co período da Idade Media, que comeza coa caída do Imperio Romano no ano 476 d.C. e finaliza coa chegada dos europeos a América. Porén, o percorrido da exposición centrouse nos séculos XI, XII e XIII. A explicación da mostra baseouse no que daquela acontecía en Galicia e, máis en concreto, en Vigo, por ser este o escenario onde se desenvolven as cantigas de Martín Códax.

Ademais de visitar a exposición do Pergamiño, o alumnado realizou un obradoiro didáctico titulado “Marcamos os libros”, no que fabricou o seu propio selo, coma se de un Ex Libris se tratase.

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet