Celebración do Día de Rosalía

Imaxe do acto na que aparece no fondo Rosalía de Castro

Recitado do alumnado do Club de Lectura

Hoxe, celebramos o Día de Rosalía. No acto, que tiña como destinatario a todo o centro, veuse un vídeo sobre a vida e obra de Rosalía, varios videopoemas realizados polo alumnado e asistimos ao recitado de varios poemas e á lectura dun texto sobre o feminismo en Rosalía de Castro.

Se ben a figura de Rosalía a asociamos á inauguración do Rexurdimento da lingua galega, non podemos esquecer a súa defensa da muller na sociedade e a súa crítica constante ás aldraxes que sofren as mulleres en todos os ámbitos.

En “Las literatas. Carta a Eduarda”, Rosalía critica abertamente a situación das escritoras. Nela fai un repaso de todas as críticas que sofren polo simple feito de ser muller, e moito máis se é boa, daquela, como di Rosalía, os méritos son do home que escribe o que ela publica, porque... como vai ser capaz unha muller de escribir ben? Impensable! En “Lieders” reivindica a liberdade das escritoras para expresar todos os seus sentimentos e liberarse dos condicionamentos da sociedade machista da época.

En poemas como “A xustiza pola man” a autora céntrase na aldraxe que sofre a muller e como a xustiza non actúa sempre e cando a ofendida sexa unha muller, polo simple feito de selo, e máis aínda, se esta é pobre. Ás mulleres só lles queda unha saída: defenderse a si mesmas nun mundo no que a xustiza está dominada polo home que as aldraxa e fere.

A figura de Xan sérvelle a Rosalía para, a modo sarcástico, invertendo os papeis, denunciar a situación da muller que, á parte de traballar fóra, ten que cargar con todo o traballo do fogar. Como vemos, a voz de Rosalía é dunha grande actualidade, de lectura fácil e adaptable á nosa sociedade. Unha situación que segue a sofre a maioría das mulleres: o seu traballo profesional e mais o do fogar, e este non recoñecido nin remunerado. E aí temos a Rosalía, xa no século XIX denunciando a situación da muller.

E como esquecer a voz que lles deu ás mulleres “viúvas de vivos”, que soas se enfrontan á vida, co seu traballo fóra e dentro, abandonadas polos homes que marchan á emigración. Un tema de grande actualidade nun contexto de grave crise económica que obriga a moitos dos nosos mozos e mozas a marchar do país e como ben di Rosalía:

“Este vaise i aquel vaise,

e todos, todos se van,

Galicia, sin homes quedas

que te poidan traballar.

Tes, en cambio, orfos e orfas

e campos de soledad,

e nais que non teñen fillos

e fillos que non tén pais.

E tes corazóns que sufren

longas ausencias mortás,

viúdas de vivos e mortos

que ninguén consolará.”