Actos do Día da Muller no IES Pazo da Mercé

Concentración na escalinata

Hoxe, Día da Muller, no IES Pazo da Mercé a Comisión de Igualdade organizou unha serie de actos reivindicativos a través dos cales se intentou visibilizar a muller na sociedade e reivindicar unha sociedade máis igualitaria.

Lectura do comunicado
A continuación reproducimos o comunicado tal e como nolo fixeron chegar.
 
Somos feministas porque queremos ser libres! 
 Somos feministas porque existen grandes brechas salariais  onde nós cobramos un 17% menos, somos feministas porque temos dereito a decidir se parir ou non; tamén o somos porque sufrimos mutilacións xenitais polo simple feito de non sentir pracer e porque en moitos países é unha tradición imposta por unha xerarquía patriarcal. Somos feministas porque en dous meses asasinaron a 21 compañeiras, porque sentimos medo ao camiñar soas pola rúa, porque non queremos máis agresións. Somos feministas porque se tocan a unha, tócannos a todas!
  Saímos á rúa a berrar, a reivindicar os nosos dereitos, a conseguir o protagonismo que merecemos, e como resposta nós somos atacadas porque a sociedade non visibiliza como debería a cantidade de problemas creados por un entorno heteropatriarcal. Non se pode permitir culpabilizar as vítimas, os culpables son os que agreden e matan. A nós ninguén nos ten que dicir como temos que vestir, como temos que actuar ou a quen temos que amar. Nós eliximos a nosa vida. Queremos que as institucións políticas tomen medidas, que non o deixen pasar, que todas esas denuncias por maltrato, por violencia machista, fagan algo máis que decorar as súas fermosas e brillantes mesas de traballo.
  Os nosos corpos son campos de batalla de todas as guerras, e queremos erradicar esta furia, esta inxustiza. Queremos avanzar, dende a alegría e o entusiasmo, nós queremos vivir! Non só nos asasinan o 25 de novembro, ou non só cobramos un 17% menos o 8 de marzo, o que reivindicamos hoxe reivindicámolo os 365 días do ano e queremos que o visibilice o sistema. En sororidade feminista, en marcha ata que todas sexamos libres.