REFLEXIÓNS SOBRE A ANÁLISE DE TEXTOS
O Bloque 1 da proba de Selectividade de Lingua e literatura galega céntrase na análise de textos dende o punto de vista do seu contido. Neste apartado formúlanselle ao alumnado cuestións relacionadas coas ideas que o texto quere transmitir, o tema que trata, o resumo do seu contido, a estrutura do texto e o título. Ademais, unha segunda cuestión, na que o alumnado debe demostrar a súa madurez intelectual a través do xuízo crítico do texto ou dalgún aspecto sobranceiro deste.
Deseguido procederemos a analizar todos os apartados que se tratan neste bloque, procurando achegar as pautas necesarias para a resolución destas cuestións.
1. O esquema de ideas
Os textos articúlanse a partir dunha idea ou ideas sobranceiras que son abordadas polo autor e que pretende facer chegar ao destinatario das súas palabras. Estas ideas poden ser, segundo a súa importancia, principais ou secundarias e formarán o esqueleto argumental do texto.
Un método que se pode seguir para descubrir as ideas do texto consiste en subliñalas e redactalas na marxe. Unha vez localizadas cómpre establecer a xerarquización destas ideas tendo en conta a súa importancia e tratamento no texto.
Para a súa correcta formulación debemos elaborar o esquema sen chaves, empregando un esquema numerado ou ben con guións, diferenciando neste caso claramente as ideas principais das secundarias. Non se pode cometer o erro de establecer moitas ideas con excesivas subdivisións. O esquema de ideas ben elaborado debe permitimos captar cunha soa ollada o fundamental que nos quere transmitir o texto.
Concluíndo, o esquema de ideas debe partir dunha correcta selección e ordenación. Debe estar redactado con frases curtas, claras e significativas seguindo unha unidade de dirección e visualización.
2. O resumo
Supón a selección do máis importante do texto, ou ben unha síntese do fundamental.
Para elaborar un resumo correcto dun texto debemos ter moi claro o seu significado preciso, isto é, o
que nos quere transmitir. Feito isto debemos distinguir os puntos centrais e tratar de sinalar o esencial. Un bo resumo é aquel que presenta fielmente o contido do texto.
A redacción correcta do resumo implica que sexa breve, preciso e claro; debe estar elaborado coas nosas propias palabras e recollendo o sentido esencial do texto.
3. O título
É unha palabra, frase ou cláusula que dá a coñecer a denominación dun libro, capítulo, artigo, poema... A elección do título debe ter en conta as seguintes motivacións: anticipar os contidos do texto, insinuar a idea central, dar relevo a un personaxe ou situación ou intrigar ao lector. Este apartado é moi importante posto que vai condicionar o lector para que continúe coa lectura, por iso hai que tratar de ser orixinais na súa elaboración.
A redacción do título debe manter as seguintes características: ser breve (non pode pasar das oito palabras), evitar o emprego de verbos (podemos empregar puntos suspensivos ou unha frase nominal cun verbo elidido) e estar relacionado co tema do texto.
4. O tema
É unha frase que sintetiza e engloba todo o texto, ou sexa, a exposición breve da idea central. É o cerne do fragmento, ou o que é o mesmo, a esencia do texto.
Dous trazos fundamentais do tema son a claridade e a brevidade. Para fixar o tema debemos atopar a
palabra abstracta que sintetiza a intención primeira do autor.
Cando redactamos o tema debemos evitar a enunciación de exemplos ou de elementos complementarios do texto. Así pois, o tema debe recoller o fundamental do texto.
Para elaborar o tema debemos reducir á mínima expresión os elementos que resumen o contido do
texto.
Unha pauta á hora de elaborar un tema pode ser sintetizar o propio resumo en seis ou sete palabras seguindo a fórmula: «substantivo abstracto + complementos». Un bo título debe ser conciso, claro e concreto.
5. A estrutura do texto
Cando un escritor desenvolve un tema calquera debe presentalo a través dunha serie de ideas perfectamente estruturadas. Dependendo dos tipos de textos podemos establecer tamén diferentes estruturas.
Normalmente os textos de tipo narrativo adoitan estruturarse en tres apartados claramente definidos:
1. Introdución: preséntanse os personaxes, os espazos e o tempo, ademais de establecerse o conflito.
2. Desenvolvemento: desenvólvese o conflito entre os diferentes personaxes.
3. Desenlace: prodúcese a resolución definitiva do conflito.
No caso dos textos argumentativos ou expositivos o texto debe articularse tendo en conta o desenvolvemento que se produce do tema. Podemos atopar argumentacións ou exposicións nas que o autor nos presente primeiro a tese ou idea central do texto, para a continuación, con exemplos ou testemuñas autorizadas, reafirmar a idea formulada. Outra posibilidade é a contraria, primeiro presentar os exemplos ou argumentos de autoridade para rematar coa formulación da tese.
En fragmentos nos que se desenvolven varias ideas pódese seguir calquera das dúas estruturas anteriores ou ben as dúas combinadas.
6. O comentario crítico
Consiste en elaborar unha exposición na que debemos asentir, disentir ou matizar o contido do fragmento proposto. Débese analizar o grao de precisión do autor na exposición do tema que se analiza e finalmente o grao de obxectividade ou subxectividade no tratamento que se fai do tema exposto.
O comentario crítico non debe ser nunca unha paráfrase, non debe tampouco empregar o texto como pretexto para análise nin ser un simple inventario das ideas que se presentan. É moi importante non ser polémico s nin agresivos na crítica do texto e si ser argumentativos no momento de facer o comentario.
Esta análise crítica debe redactarse coherentemente, cunha expresión fluída e ben estruturada, evitando a reiteración de ideas e a falta de estruturación na exposición. Debe buscarse un estilo coidado na expresión e abordar de forma persoal a crítica da idea ou ideas que trata de transmitir o autor.