Skip to Content

ACTIVIDADES POLO 8 M, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Versión para impresoraVersión para impresora

O grupo de igualdade do noso instituto programou varias actividades arredor do 8M, Día Internacional da Muller. Velaí a nota de prensa publicada para tal ocasión:

Informamos de que no marco da conmemoración do 8M o alumnado de 4º ESO e 1º de bacharelato do IES O Carril participou o venres 18 de marzo pola mañá nun encontro cos colectivos feministas “O Soño de Lilith” e “Feministas de Catoira” no auditorio municipal de Vilagarcía.

Daisy Alcalde e Alejandra Muñiz, representantes da asociación vilagarciana “O Soño de Lilith”, e Vanessa Pérez e Cristina Longo, voceiras de “Feministas de Catoira”, expuxeron a traxectoria das dúas asociacións, as súas motivacións e os obxectivos fundamentais do seu traballo para a concienciación a prol da igualdade e responderon ás preguntas dun alumnado que se amosou participativo e moi interesado. Explicaron e defenderon un feministo transversal onde a loita feminista vai da man da ecoloxía, do antirracismo e da defensa dos dereitos LGTBI+. Subliñaron, pois, a importancia de construír un mundo máis xusto sen opresións e no que as diferenzas non supoñan desiguais oportunidades, tratos ou dereitos.

 

Este acto veuse a sumar ás actividades que nesta semana organizou o grupo de Igualdade do instituto do Carril, que acolle neste momento a exposición da V Edición de Festivala: mulleres creando, facilitada pola asociación “O Soño de Lilith” coa colaboración do concello de Vilagarcía.

 

Entre outras actividades, o alumnado de 2º ESO tivo a oportunidade de coñecer o labor e as reivindicacións da asociación de mariscadoras “Amarcarril” da man de Inma Otero, Rita Vidal e Pupe Jueguen, que visitaron o centro o pasado xoves 17, achegando materiais divulgativos e mesmo ferramentas de traballo.

Os actos do 8M completaron o coñecemento da situación actual das mulleres coa análise da historia dos seus dereitos. Esta quere ser graficamente plasmada nun estudo do alumnado de 3º ESO, que está a elaborar a “Liña do tempo dos dereitos das mulleres” para reflectir o difícil camiño da reivindicación.

Para ver o album de fotos da exposición e dos encontros cos colectivos feministas e as representantes das mariscadoras de Amarcarril podes facer clic nas imaxes

     


story | by Dr. Radut