O centro
Familias
Iniciar sesión
I CAMIÑADA POLA IGUALDADE
Anónimo — Mar, 2020-03-10 18:08
Hoxe, 9 de marzo, o Grupo de Igualdade do IES de Mos marchou en manifestación desde o centro de ensino ata as dependencias municipais. Na marcha participaron un cento de alumnas e alumnos alén de docentes baixo o lema "LoiteMOS pola igualdade". Ao paso polo centro ocupacional Escravas da Virxe das Dores, varias ducias de usuarias e profesoras uníronse á marcha dándolle forza e visibilizando ao colectivo marxinado de mulleres con discapacidade intelectual.
Nun ambiente lúdico-reivindicativo, o alumnado visitou o Centro de Información á Muller (CIM) do concello. Máis tarde, o grupo foi recibido por toda a corporación, goberno e oposición, na praza do consistorio municipal. Alí, Aroa e Iria leron o manifesto no que aseguraron que a manifestación é "unha forma de resistencia fronte ás diversas formas nas que se manifesta o patriarcado. A loita pola igualdade entre homes e mulleres busca os mesmos dereitos, oportunidades e resultados para uns e para outras".
Con esta manifestación, inédita na historia do IES de Mos, o estudantado de secundaria e Bacharelato do IES mostrou a súa firme convicción de que a igualdade é o camiño para construír unha sociedade máis xusta entre homes e mulleres. Tal e como se escoitou baixo a néboa da Louriña: Aquí está, aquí se ve, o feminismo mosense en pé.
O grupo de Igualdade do IES de Mos continuará coas súas actividades ao longo do curso.