Visita ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía

 

O pasado día 13 de xaneiro de 2023, o alumnado de 1ºBac que cursa Bioloxía no IES Monte da Vila, visitamos por primeira vez o Centro de investigacións científicas avanzadas (CICA). En primeiro lugar, asistimos a unha charla de presentación, impartida polo director do centro, na que este nos presentou de maneira clara e sinxela os integrantes do centro e ao que se adicaban. De seguido, dividímonos en tres grupos e estivemos de maneira repartida en tres diferentes departamentos. No noso caso, a primeira actividade que realizamos, foi unha explicación sobre o impacto do cancro de próstata, no caso dos homes, e de ovario, no caso das mulleres, ademais de amosarnos os avances e investigacións que se estaban a facer para intentar mellorar a calidade de vida dos pacientes que padecen esta enfermidade. Nese mesmo departamento, ensináronnos os diferentes métodos para facer as probas COVID e as máquinas que usaban. A continuación, dirixímonos ao laboratorio de química onde dous estudantes moi agradábeis, que estaban rematando o seu doutoramento, explicáronnos a formación dos nanocontenedores e propuxéronnos un xogo que mantivo a nosa atención, onde tiñamos que adiviñar a cor do cloroformo se lle engadían diferentes produtos. Finalmente, acudimos a outro laboratorio máis pequeno onde nos amosaron o crecemento e comercialización das algas. A maiores, coñecemos as máquinas que usaban no laboratorio e o funcionamento das mesmas. Na nosa opinión, despois de visitar o centro, chegamos á conclusión de que é unha actividade moi recomendable para os institutos, xa que o alumnado aprende moito de xeito dinámico, o que fai que esteamos atentos e amosemos interese na actividade. Recomendámosvos moito ir ao CICA!!

Reseña de Valeria Chaves e Sara González (1ºBAC-B)