CHARLA DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

A evolución da paisaxe e do clima. Metodoloxía de investigación”

O pasado martes, 16 de marzo, recibimos unha visita especial; a Doutora Luísa Santos Fidalgo, do Departamento de Física e Ciencias da Terra da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, encargouse de impartir a conferencia titulada “A evolución da paisaxe e do clima. Metodoloxía da investigación” que se centrou nun dos aspectos clave na súa formación como investigadora: o estudo do pole depositado durante milleiros de anos nos sedimentos dos fondos de lagos, para así poder reconstruir o pasado, entender o presente e predecir como será o futuro climático e paisaxístico dunha rexión.

Durante a charla, fixemos unha expedición virtual por algúns dos lugares de traballo da nosa científica-palinóloga e o seu equipo de investigación, como a lagoa de Lucenza (na Serra do Courel, Lugo) un dos escasos lugares en Galicia onde se pode evidenciar o “Dryas recente” breve episodio de arrefriamento climático datado hai 12.900 anos (finais do Pleistoceno).

Tamén puidemos coñecer cales son as fases da metodoloxía de traballo (tanto en campo, como no laboratorio) e a gran complexidade das mesmas, pois ademais de tempo, recursos e medios técnicos, é precisa a colaboración interdisciplinar doutras áreas de investigación científica.