Skip to Content

Rosalía merece unha estrela

Tras darlle o seu nome a HD 149143, unha anana amarela que se atopa na constelación de Ofiuco e ten un tamaño e unha cor moi similares aos do noso sol
Todas as estrelas brillantes do noso firmamento teñen nome propio. En realidade, cada unha delas ten tantos nomes como civilizacións se preocuparon de bautizalas, de tal modo que Sirio, a estrela máis brillante do ceo, foi Mes-ri-e para os asirios, Cahen Sihory, despois Sothis en Exipto (onde a representaban co xeroglífico dun can), Syr para os celtas, Suhail para os árabes, Sira en Persia, Lang Hoo na China e Sirya ou Tishiya na India. A estes nomes habería que engadir os de linguas que xa ninguén recorda. Á hora de construír os seus mapas do ceo, cada civilización foi tomando elementos das anteriores e por ese motivo os astrónomos de Occidente manexan dende hai séculos planisferios nos que conviven nomes gregos, latinos, asirios e árabes, nunha especie de crisol que reflicte a riqueza cultural das civilizacións. Dende hai cen anos, a Unión Astronómica Internacional (UAI) é o organismo responsable da nomenclatura dos ceos, incluíndo estrelas, os planetas e os seus accidentes xeográficos, asteroides, cometas ou galaxias.
Para celebrar o seu primeiro centenario, a UAI puxo en marcha a campaña NameExoWorlds, propondo que en cada país se bautice unha estrela mediante votación popular. Trátase de estrelas non moi brillantes, pero que poden localizarse facilmente cuns simples prismáticos. Ao non apreciarse á primeira ollada, ningún astrónomo da antigüidade tivo a oportunidade de buscarlles un nome polo que actualmente aparecen nos catálogos con designacións tan anódinas como HD 149143, a estrela que lle tocou a España. Esta estrela atópase na constelación de Ofiuco, ao norte do espazo que hai entre Escorpio e Saxitario, e ten un tamaño e unha cor similares aos do noso sol. E como o resto das desta campaña, HD 149143 tamén está acompañada do seu propio sistema de planetas, do que polo momento só se destacou un do tamaño de Xúpiter denomiando HD 149143 b.
A proposta coruñesa
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío sumouse á iniciativa NameExoWorlds promovendo os nomes de Rosalía (de Castro) para esta estrela e de Río Sar para o seu planeta. No caso de que novos estudos determinen a existencia de máis planetas tamén suxeriron nomes como Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria, todos eles ligados á xeografía vital da escritora compostelá que tantos versos dedicou ás paisaxes nocturnas, á noite, á lúa ou ás estrelas. A este proxecto sumáronse tamén a Fundación Rosalía de Castro e moitas outras institucións e particulares que durante dúas semanas se mobilizaron para solicitar o voto á favor da estrela Rosalía. O resultado final da consulta non se coñecerá ata dentro dunhas semanas, pero en calquera caso esta iniciativa permitiu a moitas persoas descubir a beleza da literatura rosaliana -galego e en castelán, en verso e en prosa- e recoñecer na noite e os seus astros un patrimonio cultural que debemos conservar.
As noites son tranquilas e serenas, / craro é sempre o luar, / por entre as tellas entran os eus raios / i hastra ó meu leito van, / i así durmo alumado pola lámpara / que ós probes lle luz dá /Lámpara hermosa, eternamente hermosa, / consolo dos mortals (Follas Novas) 


page | by Dr. Radut