ALUMNAS DO CENTRO NAS IX XORNADAS DO MUSEO DA CAPELA

O sábado 9 de novembro nas IX Xornadas do Museo Etnográfico da Capela (O Pazo, A Capela) contaremos con dous relatorios a cargo de alumnas do noso centro.

Vista do Museo da Capela

Ás 17 horas María Abella e Noelia Tojeiro, de 2º de Bacharelato, falarán acerca da escola de ferrado da Panda de Adá, na parroquia do Freixo (As Pontes). As escolas de ferrado foron moi populares en Galiza até a consolidación da escola pública. Estas escolas, que se acostumaban a pagar cun ferrado de cereal, proporcionaron unha educación básica a miles de rapazas e rapaces que non podían acceder á escola pública. María e Noelia reconstruíron a partir de testemuñas orais a historia da escola de ferrado da Panda de Adá, que funcionou de xeito ininterrompido durante toda a época franquista.

Ás 17:45, ás será a quenda de Tamara Pérez (4º da ESO), quen falará acerca de José Permuy Pérez. Este capelán, combatente republicano durante a Guerra Civil, alistouse nas tropas francesas durante a II Guerra Mundial. Foi apresado polos nazis e rematou encarcerado no campo de concentración de Mauthausen.

Amais, desde as 16 horas haberá relatorios sobre O Machuco do mosteiro de Caaveiro e a vida nas parroquias da Capela a mediados do XVIII. E para finalizar, unha castañada!

Becas High School

Informamos que a Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega convocan a quinta edición do Programa Internacional de Becas High School, Un ano académico en Estados Unidos, dirixido a alumnado cursando 4º de ESO nun centro académico de Galicia no momento da solicitude. Os estudiantes seleccionados tenrán a oportunidade de cursar en EEUU estudios equivalentes a 1º de bacharelerato (Grade 11 no sistema de Estados Unidos).

Prazo de inscrición:

4 de outubro de 2013 ás 12:00 horas ata o 18 de novembro de 2013 ás 20:00 horas

Máis información en www.becashighschool.org: condicións de inscrición, formulario de solicitude, prazos, contido da beca, así como información complementaria.

Para cualquera aclaración complementaria pode remitirse un correo electrónico a infobecas@becashighschool.org.

Xuntanza de comezo de curso cos titores/as

O próximo mércores 9 de outubro terá lugar a xuntanza de comezo de curso entre as titoras/es e as familias do alumnado. O horario será o seguinte:

-1º ESO: 18:45 horas.

As nais/pais serán recibidas no salón de actos onde tras a presentación do director e a xefa de estudos quedarán en compañía das titoras e da orientadora do centro.

 

-2º ESO A, 3º  ESO A, 3º ESO B, 3º PDC e 4º PDC: 18:30 horas. 

-4º ESO A, 4º ESO B, 1º Bacharelato A, 1º Bacharelato B, 2º Bacharelato A, 2º Bacharelato B e PCPI: 19:00 horas.

As nais/pais irán ás correspondentes aulas onde estará o titor/a do grupo. Na recepción do centro haberá un cartel indicando as aulas onde terán lugar as xuntanzas. En caso de calquera dúbida ou problema haberá un conserxe e un membro da dirección para axudar.

IES Moncho Valcarce: 25 anos de escola pública

O venres 21 de xuño na Casa Dopeso celebramos os 25 anos do nacemento do centro. Como sabedes, foi no curso 1987/88 que o centro comezou a funcionar na súa localización actual baixo titularidade da Xunta. Con anterioridade o centro fora xestionado polo Concello e, como carecía dun espazo propio, ocupaba algunhas aulas do que hoxe é o IES Castro da Uz.

Como nos explicou Xosé Bieito Coello, concelleiro de Educación entre 1979 e 1983, foi unha odisea conseguir que o centro botase a andar, igual que xestionar a cesión dos terreos que hoxe ocupamos. A ese centro chegaron en 1987 a actual administrativa do centro, Carme Vizoso, e os alumnos da primeira promoción Xosé María Montero (director de RTV Eume na actualidade) e Valentín González (o alcalde das Pontes), que tamén formaron parte da mesa redonda, a actividade central da conmemoración. Xunto con eles estiveron Miguel Ferreiro (membro de Muxarega e alumno do centro entre 1989 e 1992) e Carla da Silva (alumna do centro entre 2006 e 2012).

A posibilidade de contar cun centro público de Bacharelato supuxo para a vila a dinamización da súa vida cultural e permitiu que a rapazada non se tivese que desprazar a Ferrol para continuar os seus estudos.

Soubemos que pasaron polo centro máis de 650 persoas (entre profesores e persoal de administración e servizos) e unha media duns 400 alumnos anuais. O profesor máis lembrado foi Moncho Valcarce, de quen o centro tomou o nome en 1994, e que traballou durante tres anos entre nos como profesor de Relixión. Tamén houbo tempo para outros detalles, como que nos primeiros anos de existencia do centro era costume tirar aos toxos das leiras veciñas aos alumnos novatos, costume que afortunadamente (sobre todo para os toxos) acabou por se perder.

Amais disto tivemos pases de vídeos que recollen a vida do centro (e que podedes ver na nosa páxina de Vimeo), actuacións musicais a cargo de Muxarega e de varios rapaces do centro que estudan no conservatorio (Lucía Álvarez, Carmen Boo, Alicia López e Alejandro Pardo) e discursos, en especial o que pronunciaron Cristina Feal e Martín García (alumnos na actualidade de 1º de Bacharelato) sobre o futuro do instituto e da educación pública.

Moitas grazas a todos os que, dunha maneira ou doutra, contribuístes ao traballo cotián do centro! Imos por vintecinco anos máis!

Concours International d'Ecriture pour Adolescents

Despois de tantos anos viaxando a países de lingua francesa algo se tiña que notar. Vinte e nove rapazas e rapaces do noso centro tomaron parte este ano no Concours International d'Ecriture pour Adolescents, que organiza a asociación belga L'Atelier de Lectura para adolescentes de todo o mundo.

Neste concurso, que se dirixe a adolescentes en idade escolar, os participantes teñen que escribir un diario persoal en lingua francesa. Valórase, sobre todo, a corrección no uso do francés, mais tamén a orixinalidade das experiencias que se relatan no diario. Todos os grupos do noso centro que participaron obtiveron máis de 60 puntos sobre un total de 100.

O grupo máis destacado foi o composto por Noelia Ameneiro Pernas, Sergio López Paz e Tamara Pérez Permuy. Quitaron unha cualificación de 84 puntos, a moi pouca distancia dos gañadores. Este grupo obtivo unha mención especial, como acreditan os diplomas cos que posan na fotografía.

A proeza do noso alumnado é aínda máis notábel se temos en conta que participaban máis de seis mil alumnas e alumnos de trinta e un países, mesmo moitos que teñen como lingua materna o francés.

Tamara, Sergio e Noelia están aínda en 3º da ESO. Teñen aínda moitos anos por diante para seguiren mellorando. Quen sabe! Se cadra o ano Marisol terá que facer dúas viaxes a Bélxica, unha, coma sempre, co alumnado de Francés, e outra con algún destes rapaces para recoller o premio...

Convocatoria de axudas para adquisición de libros de texto curso 2013-2014

Informamos da publicación por parte da Consellería de Educación da orde que regula a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto para o curso 2013-2014 no formato de gratuidade solidaria. Toda a información referente aos requisitos para poder optar ás axudas,lugar e prazos para entregar a documentación requerida e demais detalles da convocatoria pode consultarse na seguinte ligazón:

Máis información axudas libros de texto

Graduación de 2º de Bacharelato

De seguro que botaremos de menos á rapazada de 2º de Bacharelato que remata este ano os seus estudos no noso centro. Despois de seis anos véndonos decote, na tardiña do 23 de maio desexámoslles a mellor das sortes na nova etapa que comezan. Eis a foto de familia:

Como ben dixo Laura –a profesora que presentou a graduación– o alumnado achega polo menos tantas cousas ás nosas vidas como nós achegamos ás deles. É natural que todos nos emocionemos na hora das despedidas, como nos emocionamos escoitando o discurso de Teresa, que foi titora de moitos destes rapaces cando estaban en 2º da ESO.

Manuel, o director, desexou que a situación económica mellore para que estas rapazas e rapaces poidan expresar tanto talento como teñen. Domitila, a presidenta da ANPA, lembrouse das nais e pais, que a veces sofren nos estudos tanto coma os propios estudantes.

Os pases de fotos lembráronnos que a cambio de nos facer máis vellos enchémonos de experiencias que nos enriquecen como persoas. Se queredes ver as coleccións están colgadas da páxina de Vimeo do centro.

Antes da entrega de orlas foi a quenda de Ignacio Meizoso, que pronunciaba o discurso en nome do alumnado. Ignacio lembrouse de cando era un pequeniño asustado que entraba no centro pola primeira vez e fixo memoria de todas as amizades e vivencias que se levaba deses seis anos. E aínda que non deixou de se queixar do esixente que fora 2º de Bacharelato, concluiu que ben pagaba a pena o esforzo.

Moita sorte a todos! Esta será sempre a vosa casa!

Os vídeos do IES Moncho Valcarce en Vimeo

Uns días atrás abrimos a conta do centro en Vimeo. Estreámola cunha reportaxe que RTV Eume, a televisión local, fixo o 4 de abril sobre a entrega de premios do certame literario A Casa Encantada, que organiza a biblioteca do noso centro. 

 

Os gañadores foron Nerea Guerreiro (1º Ciclo da ESO), Tamara Pérez (2º Ciclo da ESO) e Carmen López (Bacharelato e Ciclo Formativo). Podedes ler os relatos gañadores no enlace que vos deixamos ao blog da biblioteca. No vídeo, amais da entrega de premios, veredes a dramatización dos textos dos gañadores.

Rescatamos tamén unha gravación de marzo de 2012, Cunqueiro nas ondas. Organizada tamén pola biblioteca con ocasión do Ano Cunqueiro, na gravación podedes ver a estudantes, profesoras/es e persoal do instituto lendo poemas de Cunqueiro. Como a anterior a gravación foi realizada por RTV Eume.

Coidado! Regueifeiros á vista!

 

O xoves 4 de abril viñeron ao centro Pinto d'Herbón e Luis O Caruncho para un obradoiro de regueifas co alumnado de 4º da ES0. A noticia foi contraportada do suplemento A Chaira, que se inclúe semanalmente co xornal El Progreso.

Reproducimos literalmente o texto que asina a xornalista Marta Mancebo (quen por certo foi alumna deste centro). Se queredes ler a noticia picade sobre ela:

Excursións a Asturias e Bélxica

Como xa é tradicional, o noso centro ponse viaxeiro na semana antes da Semana Santa. Este anos tivemos dúas viaxes: unha a Asturias para o estudantado de 1º e 2º de Bacharelato, outra a Bélxica para o alumnado de Francés de 3º da ESO a 1º de Bacharelato.

O alumnado de Ciencias e Tecnoloxía de Bacharelato desprazouse a Asturias entre o xoves 14 e o domingo 17. A visita tiña como obxectivo coñecer os restos da actividade mineira e siderúrxica da zona, para o que visitaron museos como o da Minería e a Industria de L'Entregu, o da Siderurxia en La Felguera ou o dos Muíños de Mazonovo, en Taramundi. De paso, aproveitaron para realizar a ruta de sendeirismo de L'Osu, nas proximidades de Oviedo.

En canto ao alumnado de Francés, a viaxe comezou na madrugada do sábado 16. Trinta e tres rapazas e rapaces partiron en avión para Bruxelas, onde permaneceron até o xoves 21. Ademais de se aproximaren á realidade dun país francófono, os estudantes fixeron unha intensísima xira que os levou a Namur, Amsterdam, Brugge e aos puntos máis sonados de Bruxelas, como o Pazo Real ou o Parlamento Europeo. 

Precisamente no Parlamento tiveron a ocasión de coñecer, en compaña do eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo, o día a día dos europarlamentarios. Agradecemos moito a Sánchez Presedo que convidase ao noso alumnado e os guiase polas instalacións do parlamento, onde se discuten e se aproban as leis comunitarias que tanta influencia teñen nas nosas vidas.

Distribuir contido