SAÍDA CULTURAL BILBAO-SAN SEBASTIÁN

 

 

A madrugada do 15 de maio un grupo de alumnos e alumnas de 1º de bacharelato embarcámonos nunha viaxe con destino a Bilbao e San Sebastián.

Primeira parada en Bilbao, da man de Marta, a guía turística que nos desvelou os segredos máis intrigantes da parte antiga da cidade. Pola tarde fomos coñecer a ampla colección do Museo de Belas Artes, despois de pasear polo parque de doña Casilda.

Ao día seguinte e, despois dun merecido descanso, chegamos ao Guggenheim. Mágoa que o Puppy estaba “cambiando de pelo” e só puidemos ver a estrutura limpa de flores tras as estadas. Á tarde visitamos o edificio da  Alhóndiga coas súas impresionantes columnas, subimos no funicular ao monte Artxanda, onde disfrutamos das vistas da cidade e, para pechar o día, colámonos no paraninfo da universidade de Deusto para asistir á representación teatral Impacientes.

O venres 17 despedímonos de Bilbao dende o San Mamés, para seguir ruta cara a San Sebastián. Esa tarde achegámonos aos pes do monte Igueldo onde se atopa “Peine del Viento”, unha das obras máis coñecidas do escultor Eduardo Chillida. Deixamos a praia Ondarreta para continuar pola Concha coñecendo de paso o palacio de Miramar e a Perla. Despois dunha parada no Centro internacional de cultura contemporánea de Tabakalera, continuamos o paseo ata chegar ao teatro Victoria Eugenia e ao famoso hotel María Cristina onde se aloxan as estrelas que acoden ao Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Aínda que esa noite os donostiarras esqueceron colocarnos a alfombra vermella, entramos ao Kursaal a ver o musical La familia Adams.

A choiva fixo que anuláramos o noso paseo en bici, polo que tivemos que buscar un plan alternativo para a mañá do sábado 18. Con tan boa sorte que unha representación dos Guerreiros de Xián desembarcou en Pasaia, a poucos quilómetros de San Sebastián, e puidemos disfrutar desa exposición.

Despois de comer, emprendemos xa a viaxe do volta. Dende o departamento de Debuxo pensamos que é necesario crear no noso alumnado o hábito de visita a exposicións e Museos, ademais de contribuír a espertar a curiosidade por coñecer novos lugares, abrir a mente, potenciar a capacidade de adaptación a novas situacións dende a autonomía..