VIAXE CULTURAL A CELANOVA

 

   Chegamos a Celanova ás 12 horas, onde nos esperaba na Praza Maior a representante da Oficina de Turismo do Concello, que nos dirixiu e explicou o contido desta visita cultural. Iniciamos o percorrido polas dependencias do Mosteiro de S. Salvador, fundado no ano 936 (S.X) por San Rosendo, composto dunha igrexa e dos claustros, que durante o século XIX foron expropiados, debido á desamortización e hoxe son ocupados polo Concello e o Instituto da localidade. Como apuntamento curioso, mencionar que o rei CARLOS I considerou o seu retiro en Celanova, aínda que finalmente o fixo no Mosteiro de Yuste, que está en Extremadura. O Mosteiro de San Salvador (ou de San Rosendo) sitúase na Praza Maior do Concello, nel destacaríamos a fachada barroca (así mesmo, na praza sitúase unha fonte renacentista). No percorrido didáctico faise particular mención ao excepcional retablo maior e ás dúas portas que dan acceso ao coro (tanto o retablo como as enormes portas están bañadas en folla de ouro, o que dá idea do enorme poder económico que posuía a igrexa neste séculos), destacando o coro superior, de estilo gótico flamíxero.  No coro da planta baixa o alumnado ocupou os asentos dos frades, apreciando a singularidade da mampostería deste. No claustro do mosteiro mesmo, unha alumna recitou o poema “A Rosalía” de Curros Enríquez.    Mención aparte, dentro do recinto do Mosteiro, merece a visita á CAPELA DE SAN MIGUEL, que é un pequeno capricho arquitectónico, da época mozárabe, de apenas 20 metros cadrados que manifesta a influencia de Al  Andalus no norte peninsular. Construido na memoria de S. Rosendo (ano 942). Componse de tres espazos, sendo máis grande o central que os laterais e está cuberto por un tellado a catro augas. No interior presenta    unha bóveda de canón en forma de ferradura. Ademais os arcos de ferradura manifestan outro punto en común coa arquitectura andalusí. Na parte posterior da capela sitúase unha grande rocha, na que se supón que se realizaban sacrificios. Unha vez finalizada a visita ás dependencias máis significativas do Mosteiro, dirixímonos á parte superior do mesmo, onde se ubica o impresionante órgano. A organista e profesora de música impartiu unha charla didáctica sobre este instrumento musical, interpretando varias pezas musicais, sobre todo, do barroco (J.S. Bach), sendo moi aplaudida polos alumnos e alumnas; así mesmo, estes (2º e 3º ESO) interpretaron a peza musical: “Herba de namorar” (Luar na Lubre) acompañados/as pola citada organista, peza musical que se preparou como unidade didáctica previamente en clase de música. A interpretación foi un éxito, de tal modo que o alumnado foi requerido para facer un “bis” da citada actuación….   

Descanso para xantar e xa pola tarde dirixímonos á  CASA DOS POETAS.- Casa de Curros Enríquez(Celanova 1851- La Habana 1908): Curros Enríquez foi un poeta galego representante do período histórico-literario REXURDIMENTO, caracterizándose a súa obra por un fondo contido social. O percorrido levouse a cabo polas dependencias da casa natal de Curros, ubicada na parte superior da vila (parte na que residían as familias de maior poder adquisitivo (o pai de Curros era escribán –notario-) e da que o escritor fuxiu con apenas quince anos, debido ao carácter moi autoritario do seu pai. Nela destacaríamos as características dunha casa típica do século XIX de considerable nivel económico, con dependencias pseudorurais. Pretendeuse que o alumnado tomase conciencia do significado, tanto lingüístico como reivindicativo dos dereitos dos máis humilides, que representou este escritor do Rexurdimento. Finalizado o percorrido pola casa de Curros, e en homenaxe a el, un alumno leu o poema “Ai” no que este autor se lamenta pola morte do seu fillo. Non se puido realizar a visita progaramada ás termas de Outariz, pola premura de tempo, ademais de pola adversa climatoloxía.                                                                                      Iniciamos a viaxe de regreso sobre as 16.30 horas, facendo unha breve parada en Outeiro de Rei e chegando ás Pontes ás 19.30 horas.