XIII OLIMPÍADAS DE BIOLOXÍA

 

 O venres 12 de xaneiro do 2018 catro alumnos de 2º de BAC (Luis López, Carme Pita, Alba Requeijo e Salomé Santamariña) asistiron á XIII edición da Olimpíada Española de Bioloxía, que tivo lugar na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

Saíron das Pontes ás 07:30 cara Vigo no coche de Juani e chegaron sobre as 10. Alí atoparonse con algún dos organizadores, que lles explicou en que consistían as probas e insistiu na súa dificultade. O primeiro exame que tivo lugar era unha proba teórica composta por 85 preguntas de tipo test que durou unha hora e vinte minutos. Despois da realización da proba, foi necesaria a reposición de enerxía mediante un aperitivo, cortesía da Facultade. A continuación, foron divididos en grupos para continuar co exame práctico, composto por catro probas diferentes: zooloxía (identificación dun gasterópodo e dun bivalvo a través dunha clave dicotómica), botánica (identificación dun musgo ou hepática mediante unha clave dicotómica coa axuda da lupa binocular e o microscopio), fisionomía (simulación por ordenador que permitía calcular a taxa metabólica de diferentes tipos de rata) e xenética (problema de epistasia das diferentes cores do millo). Mentres os alumnos se atopaban na proba práctica o profesorado recibiu dúas charlas sobre a xenómica  evolutiva do cancro e Bioloxía, unha profesión de futuro. Tras rematar os exames e co corpo mallado dirixíronse ao comedor, onde escolleron o seu menú.

Despois de xantar aproveitaron o tempo libre para facer unhas fotos antes de asistir á conferencia sobre aves mariñas. Tras concluír a charla os organizadores e os vicerreitores das distintas facultades de Bioloxía de Galicia dedicáronlles unhas palabras, agradecendo a súa participación e publicitando as súas respectivas universidades. Posteriormente, procederon coa entrega de diplomas e o anunciamento dos tres gañadores, pertencentes a institutos de Santiago, Vigo e Ourense, que representarán a Galicia na fase nacional que se celebrará en Badajoz.

Ao rematar o acto, ás 19:30, marcharon pitando da facultade para non coller atasco nin deixar que as condicións meteorolóxicas se volvesen adversas.

Para estes catro alumnos foi unha experiencia única e inesquecible e non dubidarían en animar a outros estudantes a participar nas vindeiras convocatorias. O importante é ampliar os coñecementos e tomar un primeiro contacto coa universidade.

Todo isto foi posible gracias ao traballo desinteresado de Juani, profesora de Bioloxía, que en todo momento presentou unha excelente disposición cara a proba. Estes catro alumnos estanlle verdadeiramente agradecidos!