Conferencia de Eva López, do programa Woman Emprende

O mércores 22 de xaneiro tivemos connosco a Eva López Barrio. Eva López é a comisaria da exposición “Con nome de muller”, que se pode ver na entrada do noso centro até o 31 de xaneiro. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Eva López é responsábel do programa Woman Emprende. Este organismo da Universidade de Santiago de Compostela axuda a mulleres universitarias a crearen empresas baseadas en ideas e nichos de mercado innovadores.

Tanto a exposición como a conferencia son parte do traballo do centro no programa Donas de Si, un proxecto educativo que pretende concienciar ao noso estudantado da relevancia que as mulleres tiveron e teñen como motores do desenvolvemento económico e cultural.

Á conferencia asistiu o alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato. Eva López explicounos que Woman Emprende naceu en 2006 da necesidade de fomentar o emprendemento das mulleres universitarias. Ao longo destes anos Woman Emprende axudou a crear empresas de sectores tan diversos como Galchimia, adicada ao deseño de novos fármacos, ou Amallós, unha empresa de psicoloxía deportiva.