Concours International d'Ecriture pour Adolescents

Despois de tantos anos viaxando a países de lingua francesa algo se tiña que notar. Vinte e nove rapazas e rapaces do noso centro tomaron parte este ano no Concours International d'Ecriture pour Adolescents, que organiza a asociación belga L'Atelier de Lectura para adolescentes de todo o mundo.

Neste concurso, que se dirixe a adolescentes en idade escolar, os participantes teñen que escribir un diario persoal en lingua francesa. Valórase, sobre todo, a corrección no uso do francés, mais tamén a orixinalidade das experiencias que se relatan no diario. Todos os grupos do noso centro que participaron obtiveron máis de 60 puntos sobre un total de 100.

O grupo máis destacado foi o composto por Noelia Ameneiro Pernas, Sergio López Paz e Tamara Pérez Permuy. Quitaron unha cualificación de 84 puntos, a moi pouca distancia dos gañadores. Este grupo obtivo unha mención especial, como acreditan os diplomas cos que posan na fotografía.

A proeza do noso alumnado é aínda máis notábel se temos en conta que participaban máis de seis mil alumnas e alumnos de trinta e un países, mesmo moitos que teñen como lingua materna o francés.

Tamara, Sergio e Noelia están aínda en 3º da ESO. Teñen aínda moitos anos por diante para seguiren mellorando. Quen sabe! Se cadra o ano Marisol terá que facer dúas viaxes a Bélxica, unha, coma sempre, co alumnado de Francés, e outra con algún destes rapaces para recoller o premio...