Graduación de 2º de Bacharelato

De seguro que botaremos de menos á rapazada de 2º de Bacharelato que remata este ano os seus estudos no noso centro. Despois de seis anos véndonos decote, na tardiña do 23 de maio desexámoslles a mellor das sortes na nova etapa que comezan. Eis a foto de familia:

Como ben dixo Laura –a profesora que presentou a graduación– o alumnado achega polo menos tantas cousas ás nosas vidas como nós achegamos ás deles. É natural que todos nos emocionemos na hora das despedidas, como nos emocionamos escoitando o discurso de Teresa, que foi titora de moitos destes rapaces cando estaban en 2º da ESO.

Manuel, o director, desexou que a situación económica mellore para que estas rapazas e rapaces poidan expresar tanto talento como teñen. Domitila, a presidenta da ANPA, lembrouse das nais e pais, que a veces sofren nos estudos tanto coma os propios estudantes.

Os pases de fotos lembráronnos que a cambio de nos facer máis vellos enchémonos de experiencias que nos enriquecen como persoas. Se queredes ver as coleccións están colgadas da páxina de Vimeo do centro.

Antes da entrega de orlas foi a quenda de Ignacio Meizoso, que pronunciaba o discurso en nome do alumnado. Ignacio lembrouse de cando era un pequeniño asustado que entraba no centro pola primeira vez e fixo memoria de todas as amizades e vivencias que se levaba deses seis anos. E aínda que non deixou de se queixar do esixente que fora 2º de Bacharelato, concluiu que ben pagaba a pena o esforzo.

Moita sorte a todos! Esta será sempre a vosa casa!