Excursións a Asturias e Bélxica

Como xa é tradicional, o noso centro ponse viaxeiro na semana antes da Semana Santa. Este anos tivemos dúas viaxes: unha a Asturias para o estudantado de 1º e 2º de Bacharelato, outra a Bélxica para o alumnado de Francés de 3º da ESO a 1º de Bacharelato.

O alumnado de Ciencias e Tecnoloxía de Bacharelato desprazouse a Asturias entre o xoves 14 e o domingo 17. A visita tiña como obxectivo coñecer os restos da actividade mineira e siderúrxica da zona, para o que visitaron museos como o da Minería e a Industria de L'Entregu, o da Siderurxia en La Felguera ou o dos Muíños de Mazonovo, en Taramundi. De paso, aproveitaron para realizar a ruta de sendeirismo de L'Osu, nas proximidades de Oviedo.

En canto ao alumnado de Francés, a viaxe comezou na madrugada do sábado 16. Trinta e tres rapazas e rapaces partiron en avión para Bruxelas, onde permaneceron até o xoves 21. Ademais de se aproximaren á realidade dun país francófono, os estudantes fixeron unha intensísima xira que os levou a Namur, Amsterdam, Brugge e aos puntos máis sonados de Bruxelas, como o Pazo Real ou o Parlamento Europeo. 

Precisamente no Parlamento tiveron a ocasión de coñecer, en compaña do eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo, o día a día dos europarlamentarios. Agradecemos moito a Sánchez Presedo que convidase ao noso alumnado e os guiase polas instalacións do parlamento, onde se discuten e se aproban as leis comunitarias que tanta influencia teñen nas nosas vidas.