Skip to Content

2012-13

Ponte da Constitución

Ponte da Constitución

DÍA DA CONSTITUCIÓN

Un 6 de decembro de hai 34 anos foi aprobada no Congreso a nova constitución española. Esa data quedou dende entón fixada como día festivo.  Como para rematar o trimestre aínda quedan por facer exames e traballos voltaremos ás aulas o luns 10 de decembro.

O MAGOSTO 2012

 

     A semana do 12 ao 16 de novembro estivo toda chea de actividades dirixidas a completar e celebrar unha das nosas festas máis tradicionais: o Magosto.

O profesor Ramón Brea explicoulle ao alumnado de 3ºESO esta tradición tan de noso. En 4º ESO Carlos Puga foi o encargado de falar dos cogumelos, especie característica desta época do ano. Ademais houbo unha exposición de cogumelos na aula de Ciencias e proxección de diapositivas sobre este mesmo tema seguida doutras imaxes da festa do Magosto no noso instituto. Ademáis convocáronse dous concursos: un de receitas de cociña do Magosto e outro de fotografía do outono.

 

    O día grande foi o 16 de novembro: o alumnado de 1º e 2º ESO participou en xogos populares, profesorado e persoal non docente formou equipo de baloncesto contra un equipo formado por alumnado do centro. Aínda que o resultado non acompañou ao equipo do alumnado todo o mundo sabía que eran os mellores... Despois do partido fíxose a entrega de premios dos diferentes concursos convocados:

 

  • Concurso de cabazas do Samaín: Juan Manuel Tomé, Lola Belén Orrego e Inés Lorenzo.
  • Concurso de fotografía do outono: Antía Maneiro (3ºESO)
  • Concurso de receitas: Sara González (2ºESO)

Despois comezou o xantar popular con bolos preñados e castañas amenizado pola música tradicional e os bailes dos nosos alumnos e alumnas.  Se queres ver as fotos do evento preme nas imaxes.

UN SAMAÍN DE MEDO

 Este Samaín tivo en Carril unha celebración moi especial. O Departamento de Dinamización Lingüística realizou varias actividades arredor desta festa de fonda raigame tanto en Galicia como nas demais comunidades de orixe celta. Non só houbo o tradicional concurso de cabazas decoradas senón tamén unha breve exposición de Ramón, o profesor de Galego, a varios grupos da ESO sobre as orixes e a evolución do Samaín. E como colofón, a profesora de galego Pilar Conde escenificou historias terroríficas que en tempos contaba a xente arredor do lume e nos velorios. Todo un espectáculo do que todos os asistentes disfrutaron vestidos de rigoroso loito á luz das velas na nosa biblioteca.

Así pois, desde esta web, desexámoslle a todo o mundo un FELIZ ANO NOVO...CELTA!

Ver GALERÍA DE FOTOS

 

III TORNEO Panos Brancos contra a Droga

 

26 de outubro celebrouse a III edición do "Torneo Panos Brancos Contra a Droga" no pavillón deportivo de Fontecarmoa . Tal e como se veu facendo nestes últimos anos, participaron neste evento os catro centros de ensino público de secundaria (IES Castro Alobre, IES Armando Cotarelo Valledor, IES Fermín Bouza Brey e IES Miguel Ángel González Estévez) e os dous centros concertados (Filipenses e Franciscanas). No Torneo de fútbol e baloncesto participaron un total de 22 alumnos por centro.

 

Esta actividade forma parte dunha campaña de sensibilización da sociedade promovida pola Fundación Galega contra o Narcotráfico sobre as graves consecuencias da drogadicción.

As fotos do torneo: preme aquí aquí.

Torneo "Panos Brancos contra a Droga"

Como se ven facendo nos últimos anos, o 26 de outubro celebrarase  o "Torneo Panos Brancos Contra a Droga" no pavillón deportivo de Fontecarmoa de 10h00 a 13h00. Participarán nel os catro centros de ensino público de secundaria (IES Castro Alobre, IES Armando Cotarelo Valledor, o IES Fermín Bouza Brey e o IES Miguel Ángel González Estévez) e os dous centros concertados (Filipenses e Franciscanas). No Torneo de fútbol e baloncesto  participarán un total de 22 alumnos por centro e o horario será de 10,00 a 13,00.

"TONA DE LARANXA", María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Premio Xerais 2012)

As palabras da Illa

A Illa de San Simón acolleu este sábado a tradicional festa das letras da Editorial Xerais. María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón fixéronse co Xerais 2012 de novela coa súa obra Tona de laranxa e Marcos Calveiro obtivo o Merlín de Literatura Infantil con Palabras de auga. Falamos cos autores para coñecer máis sobre estes dous proxectos literarios.

Un nutrido grupo de persoeiros da cultura galega participou este sábado na entrega dos Premios Xerais. Coa coordinación de Celia Torres, a música de Xurxo Souto e o discurso inaugural de Marilar Aleixandre, titulado O círculo de luz: escrita, conflito e lume, a cerimonia presentou os dous gañadores dos premios Xerais. Sería a XXIXª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, e a XXVIIª do Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros.

As tonas de laranxa
A parella formada por María Lorenzo e Manuel Lorenzo (filla e pai respectivamente) recibiron o premio Xerais de novela pola súa obra As tonas de laranxa . O xurado do premio valorou así Tonas de de laranxa: “Tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento. Quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral”.

“Dicir que Tonas de Laranxa foi feita a catro mans”, bromea Manuel Lorenzo, “é unha maneira máis pianística que literaria”. Lorenzo explicou como a novela agromou a partir dun relato previo. “María escribiu un conto moi longo hai uns anos e eu insistinlle en diferentes ocasións en que tiña que rematalo. Era unha prosa moi fresca. Así que o verán pasado díxenlle que había que rematalo dunha vez, e que se non se puña ela púñame eu. E así fumos escribindo entre os dous a historia, quitando e poñendo, e o conto acabou sendo unha novela do dobre de páxinas, pero segue conservando a esencia, a cerna e o espiñazo das personaxes”.

Tonas de laranxa é unha novela do seu territorio, as Terras de Iria e a confluencia entre o río Ulla e o mar de Arousa, un lugar onde as laranxas foron froitas moi sonadas, narradas a partir dunha aldea imaxinaria, Moreira. “Hai un texto moi fermoso do cardeal Jerónimo del Hoyo”, comenta Manuel Lorenzo, “cando fai unha reflexión sobre a sona que tiñan as laranxas da zona de Padrón e de cómo se comerciaban por mar con elas. En Moreira consérvase tamén a memoria dos barcos de laranxas, pero xa non saen no tempo das personaxes. Só hai un constante cheiro a laranxa”.

Pero tamén é do seu territorio polas referencias literarias. “As tonas de laranxa é como aquelas “herbas de aquí e acolá” que falaba Cunqueiro, que colle referencias na súa linguaxe poética. “Nós vivimos na casa na que viviu Eusebio Lorenzo, pero tamén nos influencian no Pensa Nao de Anxo Angueira, sempre cos debidos respectos e coas debidas distancias a todos eles”. A Lorenzo non lle resulta doado describir o argumento de Tonas de laranxa. “En Moreira mestúrase o real e fantástico. Procuramos que o lector estea aberto e á expectativa. En Moreira a xente tirou os reloxos, oriéntanse no día co sol e hai un olor ás laranxas que non se sabe de onde ven. Apostamos porque o poético pode dar conta do mundo que temos, non só exemplificalo senón transformalo. Un mundo no que non se farían rescates á xente que ten iates, senón á xente que o precisa”.

Palabras de auga
O escritor Marcos Calveiro gañou o Merlín de Literatura Infantil coa novela Palabras de Auga. O texto ten un punto de partida no mundo real fascinante: “Lin unha nova nun xornal sobre que as mulleres do Chad cribaban a terra dos formigueiros para sacar o gran collido polas formigas e así faceren as tortas para os seus fillos. É brutal esa imaxe, que o ser humano acabe roubándolle a comida ás formigas”. Impresionado pola historia, Calveiro foi escribindo Palabras de Auga.

O xurado do Merlín valorou así o texto: “cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria”. Calveiro constrúe en Palabras de auga unha historia sobre unha tribo nómade que se atopa na sabana fuxindo dos incendios, a violencia, a guerrilla. Hai un conflito sobre como afrontar o futuro entre o xamán e a xente nova do grupo e a historia estrutúrase en capítulos que incorporan a narración dos feitos e a ollada cara atrás.

Preguntámoslle a Calveiro pola súa querencia polos escenarios estranxeiros: “realmente son as historias as que me levan dun lugar a outro, e creo que iso é algo moi valioso nas nosas letras, porque a nosa lingua vale para calquera territorio e calquera país”.

Unha maior atención para o libro
O director da editorial Xerais, Manuel Bragado, parabenizou aos novos medios de comunicación en galego e demandou “maior atención” para o mund do libro e da cultura.

"GALEGOS", (Patente de corso), Arturo Pérez Reverte

“GALEGOS”

 

Teño na casa un antigo álbum de Castelao: corenta e nove láminas en folio, cada unha coa súa lenda. “Nós”, chámase. Os debuxos son de fai case un século: viñetas da vida galega campesiña e mariñeira, nacidas coma consecuencia das folgas da época, as matanzas de labregos e o caciquismo. Imaxes e textos tan pesimistas e terribles que, en palabras do autor, queiman coma un raio de sol a través dunha lupa. De vez en cando bótolle unha ollada a ese álbum, pola fermosura das súas imaxes e polo conmovedor sentido dos seus textos. A lámina nº 9 mostra unha pobre aldeá que carga cun cadaleito rotulado “Lei”, mentres di: “Canto pesa e como fede!”. Na número 16, un rapaz pobre dille a outro: “O que sinto eu é que algún que maltratou a miña nai morra denantes de que eu chegue a home”. E na número 37, un labrego comenta, falando dos seus fillos: “Téñoche un tan listo que ten quince anos e xa non cre en Deus”. Hai outras láminas irónicas e terribles, incluída unha que me remove por dentro cada vez que a miro: “Eu non quería morrer alá; sabe miña mai?” Nela, diante dunha pobre muller resignada, debaixo dun crucifixo e unha mesa con menciñas, un consumido emigrante agoniza.

 

Galegos. Agora, coa historia do Prestige, volvín sentar a follear as páxinas de Nós. Xa non é, por suposto, aquela Galicia na que o pobre vello daba o seu fillo para Cuba e o neto para Melilla, e logo perdía a mísera casoupa por non poder parar os impostos. Porén, quedan ecos. Aínda que ese ángulo de España é moderno e olla ao futuro, aínda garda desgraciados aires do que, tendo cambiado, nunca chegou a cambiar de todo: o lastre do caciquismo, a inxustiza e o esquecemento. Pensei moito niso estes días, vendo aos galegos na tele, oíndoos falar na radio coa amarga e sabia gravidade de que o ten todo moi claro. Conscientes, dende os tempos de Castelao e dende moito antes, de que “as sardiñas volverían se os Gobernos quixesen”; pero os Gobernos ou non queren, ou ata o de agora importáronlles as sardiñas un carallo. Velaí que, cando o inimigo asomou fronte á Costa da Morte en forma de mancha de fuel, os galegos, en vez de mirar a Madrid e chorar cruzados de brazos, agardando solucións ou milagres, saíron a pelexar, estoicos, que non resignados –só algúns políticos idiotas confunden  unha cousa coa outra, sabendo dende o comezo que o ían facer, coma sempre, sós. Con silencios, dignidade e coraxe. A disputarlle á vida esa dura loita na que son expertos dende fai séculos, deixando a pel nas praias e no mar. Logo, veu a fermosa solidariedade doutros lugares e xentes de España; e ao cabo, a lenta e torpe reacción oficial. Pero iso foi despois. Ao comezo, cando se botaron á loita, os galegos nin pedían, nin agardaban. Tan só contaban cos seus pobres medios. E cos seus collóns.

 

É a lección admirable desta traxedia: a extrema dignidade galega, mesmo no caos do comezo, cando a incompetencia oficial e a desesperanza. Non queremos esmolas, senón axuda, repetían. Que as marquesas do Rastrillo metan os xoguetes de Reis onde lles caiban, e que quede claro que os cartos recadados por estes ou aqueles é para pagar as súas bandeiriñas, e non cousa nosa. Aquí non fai falta caridade, porque temos mans e cabeza. O que necesitamos son medios técnicos e vergonza por parte da Xunta, do Goberno e da puta que os pariu. E oíndoos, véndoos organizarse e actuar cos seus barcos e os trebellos, froito do enxeño, e por riba ir a Francia a explicarlles aos gavachos que a marea negra non había que agardala na costa, senón ir ao seu encontro con decisión e combatela no medio do mar, estremecinme de admiración e fachenda, confirmando nas súas palabras, nos seus rostros curtidos e duros, na firmeza das mulleres que chapuzaban na lama das praias, que terían pelexado igual aínda que estivesen sós, porque o estiveron sempre, e están afeitos.

 

Así que, a partir de agora, máis vale que os Gobernos se preocupen das sardiñas. As cousas cambiaron dende aquel “En Galiza non se pide nada. Emígrase”, de Castelao. Moito ollo. A nova lenda véñena de gañar a pulso, dándolle exemplo a toda España, e é outra: “En Galicia non se pide nada. Lóitase”.

“Patente de corso”, Arturo Pérez-Reverte

"VELLEZ",Carlos Casares

Vellez

Escoito na radio unha alborotada e caótica tertulia sobre a vellez e o seu significado. Durante máis de media hora, un grupo bastante numeroso de homes e mulleres a quen o locutor presenta como persoas expertas e intelixentes din cousas máis ou menos atinadas, aínda que ningunha acerta a enfiar un pensamento ou unha frase que emocionen ou convenzan. Quédome coa observación dun amigo que asegura que un empeza a ser vello cando de pronto se decata de que os futbolistas e os soldados son rapaciños novos.

Podo traer aquí unha frase de Miguel Torga, o grande escritor portugués, hoxe un ancián enfermo, pero erguido e solitario como un lobo na súa casa de Coímbra. Un día, perdido entre a multitude entusiasmada dun primeiro de maio en liberdade, despois da caída da ditadura, Torga sentiu lágrimas nos ollos e dixo que a vellez era aquilo: ou chorar sen motivo ou ter os ollos secos de tanto chorar.

Aínda podería citar tamén a don Ramón Carande, aquela marabilla humana que morreu apagado cando se ía achegando o privilexio do século. Falando cunha amiga miña na súa casa de Sevilla, díxolle que un día descubrira que xa escoitaba mal: despois decatouse de que lle faltaba a vista; máis tarde empezou a sentir que andaba con dificultades. Pensou que aquilo era a vellez e así estivo, convencido de que xa estaba nesa etapa da vida, durante varios anos. Finalmente, un día aprendeu que a vellez só chega cando se perde a curiosidade.

.

 

Metodo de Gauss

Presentación e teoría do método de Gauss

Distribuir contido


by Dr. Radut