Skip to Content

2012-13

EXPOSICIÓN: "100 ANOS DE ENTROIDO"

O venres día 26 de abril quedou inaugurada a exposición "100 anos de Entroido. Vilagarcía, Carril, Vilaxoán". As persoas que forman parte do obradoiro de emprego "Vista Alegre" crearon esta exposición para conmemorar o centenario da unión dos concellos de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán. Elas foron as encargadas de presentar a exposición ao alumnado de 1ºESO-A e de 4ºESO-PDC.As interesantes e amenas explicacións abriron aos ollos do alumnado as vivencias dunha época xa pasada da que herdamos o noso xeito de celebrar o entroido.

   

VER GALERÍA DE FOTOS DA EXPOSICIÓN

CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO

Co lema "Máis libros, máis libres", o día 22 de abril, data de pasamento de Miguel de Cervantes,  o noso instituto uniuse ás numerosas  celebracións do día do libro. Todo o mundo que quixo participar congregouse no 2º recreo no portal de entrada co seu libro favorito .  En canto soou o timbre comezaron a ler todos xuntos. Unha experiencia colectiva para celebrar o día dedicado aos libros e á lectura.

23 de abril. Día do Libro: "Máis libros, máis libres"

A NOVA MASCOTA DA BIBLIOTECA: CANELIÑA

A mañá do xoves 11 de abril de 2013 reuníuse o xurado para elixir a mascota da nosa biblioteca, Bibliomalveiras entre os oito deseños presentados.  E por suposto tívose tamén en consideración o voto emitido polo alumnado.

Despois do escrutinio final saíu elixida  CANELIÑA, obra de TANIA BUGALLO MUÑIZ de 2ºBAC-C (modalidade Artes). A entrega do premio correspondente realizarase dentro das actividades do MES DAS LETRAS.

Así pois, dámoslle a benvida a CANELIÑA!

MAGE'13 : EXPOSICIÓN BACHARELATO ARTÍSTICO

A exposición dos traballos realizados polo alumnado do Bacharelato Artístico foi inaugurada o venres 5 de abril ás 20h30 no Auditorio de Vilagarcía e estará aberta ao público ata o día 7 de maio. As obras presentadas son traballos plásticos en diferentes soportes e utilizando diferentes técnicas. Para saber máis consulta o CATÁLOGO. Quedades todos convidados a visitala!

 
Notas de prensa

 1

 2

 3

 1


A MINERÍA DO OURO EN GALICIA

O venres día 5 de abril levouse a cabo na Biblioteca do instituto una actividade de Educación Ambiental coa participación de todo o alumnado de 1ºBacharelato, 3º e 4º de diversificación e o alumnado de Ciencias da Terra de 2º Bacharelato.

Estes aproximadamente 90 alumnas e alumnos foron conducidos polo xornalista Emilio Varela para descubrir o pasado, presente e futuro da extracción de ouro no mundo, e en Galicia en particular, facendo fincapé nas graves consecuencias medioambIentais da contaminación e os efectos sobre a saúde humana e os seres vivos da contorna deste tipo de actividade, concretamente das Explotacións de OURO en MINAS A CEO ABERTO, coñecida mundialmente como “MEGAMINERÍA”.

      

Emilio Varela é un xornalista dedicado á divulgación e á conservación do medio natural, que en varias ocasións pasou polo noso instituto tratando diversos temas como o do vulcanismo o pasado ano.

Sempre se vale de extraordinarias imaxes tomadas por el  in situ e comentadas con moito entusiasmo e sentimento, tentando que o alumnado se concentre, entre no tema e se interese por el.

O ouro está de actualidade en Galicia por estar a piques de aprobarse un plan de explotación a ceo aberto deste mineral na chamada MINA DE CORCOESTO en CABANA DE BERGANTIÑOS, na Costa da Morte, e pola existencia de proxectos similares de explotación de ouro noutros puntos da nosa xeografía.

A actividade rematou cun coloquio onde se fixeron preguntas e comentarios diversos e conferenciante e asistentes deixaron as súas dúbidas sobre a mesa .

En definitiva, tratouse ao longo da mañá ( de 10h00 a 14h30) de comprender unha problemática concreta, a do ouro, de espertar a conciencia crítica do alumnado plasmada nun problema local galego e de facer unha sesión de educación ambiental que resultou moi intensa e interesante, incluso emotiva pois Emilio é de Cabana, por achegarnos non só o aspecto científico do tema, senón tamén o social e as repercusións nas localidades próximas á mina con mobilizacións de parte da poboación debido á preocupación creada.

Unha vez máis púxose sobre a mesa a diabólica dualidade economía-ecoloxía , elementos que poucas veces son compatibles pero que en todo caso debemos tentar equilibrar para que o desenvolvemento económico non sostible remate con boa parte do planeta e da súa calidade de vida, que en definitiva é a nosa propia.

EXCURSIÓN DE 4ºESO (CURSO 2012-13)

O alumnado de 4º ESO celebrou entre o 19 e o 24 de marzo o remate da educación secundaria obrigatoria cunha excursión que percorreu a cornixa cantábrica, Andorra e Salou con parada en Port Aventura.

As lembrazas da viaxe e as fotos que fixeron profes e alumnado quedaron recollidas neste album.

Abrir o album

FOTOS E XORNAL DIARIO DO INTERCAMBIO CON FRANCIA

Para seguir a actualidade e ver as fotos e vídeos do Intercambio VILAGARCÍA- CHÂTEAUGIRON 2012-13 entre o noso instituto, o IES Bouza Brey o IES Cotarelo e o Collège Victor Segalen podes entrar no blog de francés ou na GALERÍA FOTOGRÁFICA.

 

 

 

 

GAÑADORES DE "CARTAS DE AMOR EN 4 LINGUAS"

Este ano celebramos unha nova edición do concurso de "Cartas de amor e amizade en 4 linguas". O xurado, formado por integrantes do Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, destacou a calidade dos traballos presentados e seleccionou a mellor carta escrita en cada unha das catro linguas.

Os gañadores do consurso foron os seguintes:

 
     Autor Curso        Título        Lingua
             

 

Brais Agrasar (1ºESO-B)   Meu querido Raio   galego
Antía Campos (1ºESO-A)   Mon petit prince   francés
  Carolina Silva (4ºESO-B)   Somos como almas libres   castelán
  Antón Blanco (1ºBach-B)   I saw that   inglés
             
  Podedes ler a carta premendo no título. Parabéns aos gañadores!
 

OBRADOIRO DE POESÍA CON DORES TEMBRÁS

 

 

     O venres 5 de abril tivo un lugar o obradoiro Poesía + Graffiti impartido pola poetisa Dores Tembrás e dirixido ao alumnado de 4ºESO-B. Nunha primeira fase de sensibilización Dores presentou a obra poética dalgúns das autoras e autores máis salientables en distintos idiomas, entre eles varias galegas e galegos actuais. Nunha segunda fase, máis técnica tentou aprenderlle ao alumnado a buscar como artellar a expresión da propia sensibilidade, da propia visión do mundo. Un traballo delicado e intenso o de Dores Tembrás, sen dúbida. Por iso queremos agradecerlle toda a inspiración e o alento que lle deu aos poetas que abrollan no instituto de Carril.

     Para ter unha información máis completa e ver fotos da clase podedes visitar o artigo do blog da Biblioteca dedicado a este obradoiro. Tamén podedes visitar o artigo do blog da autora dedicado ao obradoiro en Carril e se queredes saber máis sobre esta autora e o seu traballo aquí tedes a páxina web de Dores Tembrás.

"MATRIARCAS" DE MONTSE FAJARDO EN CARRIL

 

 O xoves, 28 de febreiro de 2013, a proposta do Departamento de Historia, tivo lugar na biblioteca a presentación do libro "Matriarcas" da xornalista Montse Fajardo. Este libro contribúe ao coñecemento da nosa historia colectiva máis próxima a través das experiencias de dez mulleres singulares. Dúas das protagonistas, Waldina Pereira e Maruja Trigás, acompañaron á autora na presentación e respostaron ás preguntas dos asistentes.

Os alumnos que asistiron a este acto formal de presentación do libro estableceron contacto directo con estas dúas protagonistas do libro e máis coa autora, achegándose ao seu traballo. Ademais deste xeito souberon como se iniciou o préstamo de libros en aluguer no Carril, antes de que houbese bibliotecas públicas.Este acto está integrado nun conxunto de actividades de dinamización e formación documental do plan de Mellora da Biblioteca.

Ver a GALERÍA DE FOTOS da presentación.

 


Distribuir contido


by Dr. Radut