Skip to Content

TEMA 8: "A NOVA NARRATIVA GALEGA “. (2º Bacharelato)

  O experimentalismo: a Nova Narrativa. En 1960 aparece unha nova xeración de escritores con formación universitaria que integrarán o que se deu en chamar Nova Narrativa. Dinamizan a linguaxe e ensaian unha renovación técnica, enchendo de simbolismo a narración. Teñen influencias de James Joyce, F.Kafka, William Faulkner e do obxectalismo do nouveau roman francés. Innovacións e características: Maior incidencia sobre mundos urbanos. Eliminación do heroe problemático. Uso do contrapunto espacial e temporal. Incorporación da psicanálise coa indagación no subconsciente. Técnica do "ollo cinematográfico" na perspectiva do "Nouveau Roman". Uso do monólogo interior. Creación de mundos absurdos e angustiosos. Tratamento simbólico de temas socio-políticos e individuais. Chámase así a un conxunto de textos, vinculados a un grupo de autores, que se publican en Galicia entre 1954 e 1980. X.L.Méndez Ferrín, Gonzalo R.Mourullo, Camilo Suárez Llanos, Mª Xosé Queizán ou Carlos Casares inician estas novas técnicas. A 1ª obra considérase, Nasce un árbore,(1954) de Gonzalo Rodríguez Mourullo (tres relatos simbólicos sobre a terra, a adolescencia ou a emigración); “Memorias de Tains”, libro epistolar con sete cartas encontradas en Tains, vila fantasmal na que habita un home angustiado, e a última, Cara a Times Square, (1980) de Camilo González Suárez-Llanos... Visión moderna de Galicia, fundamentalmente vinculada ó mundo urbano. Literatura moi intelectual, difícil de asimilar por un lector escasamente cultivado. Buscaron o seu influxo no estranxeiro, en especial Francia. CARLOS CASARES (1941-2002) Nace en Ourense. Profesor de Literatura no Instituto de Cangas. En 1977 é elexido membro da Academia Galega. En 1982 consegue acta de deputado como independente no primeiro parlamento galego. Traductor e autor de numerosos estudios literarios. Director da Editorial Galaxia e da revista Grial. Falece repentinamente no 2002. OBRA: A crítica distingue dous ciclos narrativos: o primeiro e máis vangardista e innovador, que comeza en Vento ferido e remata en Xoguetes para un tempo prohibido, está centrado na recreación da súa biografía e centrado no espacio da posguerra. O segundo ciclo, máis realista, iníciase con Os escuros soños de Clío e chega ata Os mortos daquel verán. Vento ferido (1967). Conxunto de doce relatos, narrados por distintos personaxes coa técnica do monólogo interior. Frustracións dos personaxes e procedemento autobiográfico. Presididos pola violencia e o alcohol, o amor frustrado, os lugares fechados, o fatalismo ou a soidade e os protagonistas adolescentes. Xoguetes para un tempo prohibido (1975) narra en forma de flash-back a peripecia vital e as experiencias amorosas do protagonista, Elías, dende a súa infancia e adolescencia ata a súa mocidade e madurez cando morre nun hospital. Crónica de posguerra coa crise da adolescencia. Dirixida en forma coloquial ó mesmo protagonista, como 2ª persoa.. Texto parcialmente autobiográfico e baseado en experiencias persoais. Os escuros soños de Clío (1979) é un conxunto de 12 relatos breves baseados en textos apócrifos (non auténticos), de imprecisa localización cun fondo da historia galega do último milenio (s.X-XX), moi lúdicos e cheos de ironía e humor. Ilustrísima (1980) é a terceira novela. Centrada nas preocupacións e a xenreira dun bispo dunha diócese galega, nos primeiros anos do s.XX, contra a intolerancia da curia catedralicia, escandalizada pola aparición na vila do primeiro cinematógrafo. Os mortos daquel verán (1987) conta as circunstancias que rodean a morte dun boticario, Ernesto Vilariño Dacal, no comezo da Guerra Civil, asistindo a un contraste entre a versión oficial -morte accidental- e a de testemuñas -o boticario sería paseado- que propician a aparición duns informes dun funcionario. Volta ó tema histórico, centrándose na Guerra Civil. Técnica novidosa, facendo a novela a base dos informes técnicos do instructor do caso. Estilo marcado polo dominio da forma breve, linguaxe clara e ritmo áxil na prosa. XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN . Nace en Ourense no ano 1938. A experiencia ourensá acadará tamén importante reflexo na súa literatura. Nos anos 50 continúa estudos de Filosofía e Letras en Madrid, onde entra en contacto con mozos universitarios galegos, cos que funda o Grupo Brais Pinto. En 1958 comeza a súa andaina como narrador co libro de relatos Percival e outras historias, ó que seguen en 1961 O crepúsculo e as formigas nas que aparece o existencialismo e a preocupación vangardista; en 1964, a novela Arrabaldo do norte, mostra dunha opción estética que conecta co nouveau roman francés e que se insire no conxunto de propostas renovadoras da narrativa galega dos 60. En 1964 colabora na fundación da Unión do Pobo Galego (UPG), movemento nacionalista e marxista. O compromiso nacionalista radical constitúe un eixe vital básico e unha preocupación manifesta na súa obra. Así se reflicte, por exemplo, na novela curta Retorno a Tagen Ata, do ano 1971. En 1982 ve a luz outro libro de relatos, Amor de Artur, onde Méndez Ferrín se consagra como un dos grandes mestres do xénero. Dúas novelas ven a luz nos anos 1985 e 1987: Arnoia, Arnoia e Bretaña Esmeraldina (Premio da Crítica) que recolle as súas experiencias no cárcere. E en 1991, o libro de relatos Arraianos (Premio Nacional da Crítica Española ". A súa última novela é No ventre do silencio, onde recolle as vivencias de estudante en Compostela. A súa obra abrangue a poesía, o relato curto, a novela, a crítica literaria e o teatro. A unidade de toda a súa obra vén dada polo seguimento dunha liña culturalista, universalista e nacionalista. A súa persoal forma de escribir está cargada de símbolos e temas que se repiten. Así, motivos como a opresión e a liberación; a fugacidade do tempo e a nostalxia; o desamor e o amor ou a soidade e a solidariedade.



page | by Dr. Radut