Skip to Content

TEMA 7: "A PROSA ENTRE 1936 E 1976: OS RENOVADORES (FOLE, BLANCO AMOR, CUNQUEIRO E NEIRA VILAS)”. (2º Bacharelato)

  Progresivo emprego do galego como lingua exclusiva de creación. Consolidación de coleccións e editoriais. A recuperación do idioma motiva o aumento dos lectores, especialmente coa introdución do galego no ensino universitario. Predominio do conto e o relato.Coñecemento da literatura europea do momento. LIÑAS NARRATIVAS. PERIODIZACIÓN: A narrativa tamén sofre o silencio de posguerra, dende 1936 ata 1951, ano en que aparece A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero. As obras que tiveron maior resonancia na narrativa de posguerra foron as de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor. O relato culturalista: Cunqueiro, logo das súas achegas á poesía nos anos anteriores á guerra civil, iniciará unha importante etapa na narrativa coa publicación de Merlín e familia (1955). Fabulador dun mundo máxico ateigado de mitos e cunha visión irónica e tenra de tipos extraídos do mundo rural galego. O relato urbano: Blanco Amor maniféstase como narrador en 1959, ano en que publica A esmorga en Buenos Aires. Lembranzas do vello Ourense da infancia e mocidade, os protagonistas marxinados e os ambientes famentos. O urbano desde unha perspectiva realista (épica urbana). O relato rural: tamén nos 50 aparece Ánxel Fole con Á lus do candil (1952). A obra de Fole parte da tradición oral galega, recreándoa, dándolle unha dimensión misteriosa e á par realista, profundamente imaxinativa. Neira Vilas, se ben coincide cronoloxicamente coa N.N.G., Memorias dun neno labrego é de 1961- presenta características propias. É a obra dun autor autodidacta, evocativa e encadrada no realismo crítico, que con simplicidade técnica e linguaxe directa consegue un grande impacto popular. O experimentalismo: a Nova Narrativa. En 1960 aparece unha nova xeración de escritores con formación universitaria que integrarán o que se deu en chamar Nova Narrativa. Dinamizan a linguaxe e ensaian unha renovación técnica, enchendo de simbolismo a narración. Teñen influencias de James Joyce, F.Kafka, William Faulkner e do nouveau roman francés. Innovacións e características: Maior incidencia sobre mundos urbanos. Eliminación do heroe problemático. Uso do contrapunto espacial e temporal. Incorporación da psicanálise. Técnica do "ollo cinematográfico" na perspectiva do "Nouveau Roman". Uso do monólogo interior. Creación de mundos absurdos e angustiosos. Tratamento simbólico de temas socio-políticos e individuais. Relato histórico: obra de carácter realista, tratando a historia inmediata como tema (a guerra civil, conflitos sociais): Fernández Ferreiro. TEMÁTICA E TÉCNICAS: A marxinación de sectores sociais, a toma de conciencia colectiva, a emigración, opresión-explotación, a angustia existencial e a problemática psicolóxica individual, o desarraigo e o estrañamento no mundo urbano, a crise do mundo rural, o parapsicolóxico, o fabuloso e o exótico, o onírico, a violencia do mundo infantil, a problemática do feminino,... Grande importancia das técnicas do relato oral xunto coa incorporación e asimilación das técnicas do relato contemporáneo. A escritura simbólica e a creación de novos mitos,... ÁLVARO CUNQUEIRO (1911-1981). Nace en Mondoñedo, que vai ser o espazo dunha infancia feliz e rica en experiencias, tantas veces evocada polo escritor. Matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, mais a vida académica nunca o motivou moito. Asistencia ás tertulias nas que conversaban homes coma Maside, Luís Seoane, Anxel Fole, Carballo Calero, etc. Participou en numerosos actos culturais e colaborou en revistas coma Resol, Nós, Yunque, e Papel de Color. De grande importancia é a aparición no ano 1955, na editorial Galaxia, da súa primeira obra narrativa, Merlín e familia. Neste libro trata, cunha enorme orixinalidade, a materia de Bretaña, e en concreto os personaxes de Merlín e dona Xenebra, privándoos da aureola mítica e facéndoos cotiáns. Insíreos nun contexto xeográfico galego (a terra de Miranda, Lugo) e as súas anécdotas son lembradas por Felipe de Amancia, paxe de don Merlín, que lle dá ó relato unidade estrutural, nunha perfecta mestura de realidade e invención. En 1956 aparecen As crónicas do sochantre, cunha estrutura semellante á do Merlín. Nesta ocasión, o espazo xeográfico é a Bretaña francesa. O libro relata en 3ª persoa a historia do sochantre de Pointivy, que vai nunha carroza a tocar o bombardino ós funerais dun nobre. Na carroza encóntrase cun grupo de personaxes de ultratumba que lle contan ó músico as súas pasadas vidas. De 1961 é Se o vello Sinbad volvese ás illas. Trátase dunha novela de personaxe, onde o mítico navegante das lendas das Mil e unha noites, retirado, na súa vellez, conta nas tertulias as súas prodixiosas aventuras. Sospeitando que non lle cren, decide volver ó mar; pero ó final debe resignarse ó retiro definitivo, vencido pola realidade. En 1960 apareceu a primeira das obras da triloxía de relatos galegos, Escola de menciñeiros. Xente de aquí e de acolá aparece en 1971, e Os outros feirantes en 1979. Son tres libros de contos cunha estrutura formal e temática unitaria (o narrador, o espazo, mestura de realidade e fantasía e interferencias entre popular e literario). Grande relación, dende o punto de vista da técnica literaria, cos relatos de transmisión oral. Morre en 1981, facendo verdade o epitafio do seu sartego: aquí xaz un home que coa súa obra fixo que a lingua galega durara mil primaveras máis. O estilo literario. Prosa coidadosamente elaborada, pero presentada como inxenuamente espontánea. Riqueza imaxinativa e gusto polo fantástico. O ton lírico e o humor, sempre presentes, caracterizan a súa prosa. Estilo oral, propio do conto popular. EDUARDO BLANCO AMOR. Naceu en Ourense en 1897. A súa infancia e adolescencia transcorrerán nesa cidade, que se converterá máis tarde na Auria das súas novelas. Antes de partir para Arxentina en 1919, participará no labor do núcleo galeguista ourensán. Relaciónase, de contado, cos ambientes culturais e literarios da Casa de Galicia e manterá estreitas relacións con literatos da talla de Borges ou Ernesto Sábato, que influirán na súa formación literaria. Publica nos xornais da emigración e comeza a colaborar no xornal arxentino La Nación. Pérdese a guerra e Blanco Amor encárgase da dura tarefa de seguir alentando o movemento republicano e galeguista dos emigrantes. En 1959 aparece A Esmorga, en Buenos Aires, escrita enteiramente en galego. Obra crúa, dura e cunha linguaxe forte, directa. A obra iníciase cunha "Documentación" onde o "autor" explica en 1ª persoa, como chegou a obte-la información do relatado, os sucesos que ocorren durante un día de esmorga e borracheira dos tres personaxes principais, o Castizo, o Bocas e o Milhomes, e o seu tráxico remate. Declaracións feitas por Cibrán diante dun representante da Xustiza, do que non aparecen as intervencións. Os protagonistas móvense en diferentes escenarios da cidade de Auria, mesturando accións secundarias e múltiples personaxes. Presencia obsesionante da chuvia que actúa coma o fado da traxedia clásica. Remata coa intervención do autor, deixando na dúbida ó lector sobre a morte de Cibrán (¿suicidio ou tortura?). Lingua popular, estragada, acorde coa condición social dos personaxes. Violencia e crudeza de moitas accións, en contraste coa tenrura e sensibilidade doutras. En 1962, de volta en Ourense, escribe e publica Os biosbardos, obra que contén sete contos, todos eles postos en boca dun narrador infantil ou adolescente. Tódalas historias ocorren no Ourense dos seus anos mozos e os personaxes pertencen ás clases populares desta cidade. Sen embargo, a visión de Blanco Amor encol do mundo infantil está moi lonxe do tópico do neno anxelical. Son personaxes cheos de problemas, que afrontan a vida cunha curiosa madurez. Escribe e publica en 1972, Xente ao lonxe, a súa segunda novela en galego, con grande éxito de público e crítica. Obra monologada con interferencias doutros narradores, onde un neno, logo mozo, fala en 1ª persoa. O monólogo do Suso é interrumpido de cando en vez por diálogos ou narracións, ou cartas en que toman a palabra outros personaxes ou o propio autor.. A presentación en toda a súa crudeza das situacións de miseria moral e física, sen pararse en finuras na reproducción da fala popular, amósanolo coma un adepto do naturalismo. Numerosas historias secundarias aparecen mesturadas na narración, reflectindo ambientes populares, da pequena burguesía, do clero -obxecto de sátira e ridiculización- e dos baixos fondos. Personaxe colectivo en que o pobo de Ourense e, en concreto, as súas clases traballadoras aparecen organizadas loitando contra o caciquismo, en defensa dunha escola laica. ANXEL FOLE (1903-1986). Nacera en Lugo e a súa vida sempre discorreu parella a esta cidade. Entra no Partido Galeguista e funda e dirixe a revista Yunque. Despois da guerra, en 1941, vaise ás terras orientais de Lugo, O Courel, e do contacto coa terra e as xentes vai nacer a materia narrativa dos seus mellores libros. O tema principal dos contos de Fole é Galicia, vista dende dúas perspectivas: a material e a inmaterial. Na primeira amósanos as terras afastadas da montaña luguesa, as súas xentes, os costumes, a vivenda,... Pero, hai outra realidade definida pola maxia, as vivencias parapsicolóxicas, as supersticións, os medos e as crenzas míticas que el describe coma ninguén, sempre co trazo humorístico de fondo e as técnicas do conto contado, daqueles inesquecibles contos que as nosas xentes contaban ó redor da lareira, especialmente nas noites de inverno. Outro trazo dos seus contos é o galego recollido directamente da fala popular da Galicia oriental, cos seus dialectalismos, vulgarismos e arcaísmos.Cultivou exclusivamente o conto: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981. Características súas son: narración directa sen digresións, emprego de fórmulas introdutorias espazo-temporais, constante presenza dos contos, tal e como ocorre arredor da lareira. O home galego en convivencia coas premonicións, aparicións, misterios e crenzas máxico-míticas. XOSÉ NEIRA VILAS. Destaca tamén nos 60, un home da emigración,de formación autodidacta. Nas súas obras hai unha presenza constante do mundo rural galego de posguerra. Temática da emigración, o caciquismo e a explotación das clases populares. Escribe Memorias dun neno labrego (1961), Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977), novelas de protagonista infantil coas inquedanzas dos rapaces nun mundo labrego de miseria. Publica tamén, Xente no rodicio e A muller de ferro , con protagonistas adultos e ambientadas en Galicia. En Historias de emigrantes aborda o tema da emigración. Testemuño pesimista e angustiado das xentes da Galicia rural e da emigración, co emprego dunha técnica sinxela e unha axeitada síntese expresiva.



page | by Dr. Radut