Skip to Content

TEMA 6: "A POESÍA ENTRE 1936 E 1976: XERACIÓN DO 36, PROMOCIÓN DE ENLACE E XERACIÓN DAS FESTAS MINERVAIS”. (2º Bach.)

 A actividade editorial iniciada nos anos 50 céntrase na poesía. O silencio posterior ó 36 rómpeo en 1947 Aquilino Iglesia Alvariño, coa publicación de “Cómaros verdes”. Vai reflectir este xénero a situación social e política en que se vivía. A represión e a censura fixeron que a poesía se refuxiase en correntes propias de preguerra (imaxinismo, neotrobadorismo, paisaxismo,...) ou en obras que amosan os conflictos individuais nunha sociedade problemática. Máis tarde, nos anos 60 e principios dos 70, momento de forte enfrontamento ó réxime franquista, a voz do poeta vai centrarse na denuncia social, expresando as ansias de liberdade do pobo. LIÑAS POÉTICAS: a) Liñas continuadoras de preguerra - Neotrobadorismo (Cunqueiro, Alvarez Blázquez, Díaz Xácome). - Imaxinismo ou hilozoísmo (Alvarez Blázquez) - Paisaxismo: tradición franciscanista, imaxinista e ruralista na liña iniciada por Noriega Varela (Aquilino Iglesia Alvariño). Evoluciona cara o existencialismo, mesmo relixioso e mitoloxización da paisaxe (Novoneyra, Díaz Castro, María Mariño, Manuel María, Aquilino Iglesia ou Avilés de Taramancos) b) Intimismo e preocupación intelectual Contacta coa poesía anterior e recupera unha tradición propia (Aquilino Iglesia, Luz Pozo, González Garcés). c) Clasicismo e culturalismo Diálogos con outras culturas. Reinterpretación dos mitos. Poetiza o cotián e o íntimo-persoal (Aquilino Iglesia, Cunqueiro, González Garcés) A partir dos anos 60 Predominio absoluto da poesía social. Enlaza coa tradición da poesía cívica. Politización do discurso poético.O poeta como portavoz do pobo oprimido. Ampliación da temática a conflictos universais ou ámbitos non galegos. Celso Emilio Ferreiro: prototipo de poeta social desta época, a partir da publicación de “Longa noite de pedra” (1962). Actitude de denuncia do franquismo e da falta de liberdade, xunto con outros temas: desasosego, nostalxia do paraíso, escepticismo, esperanza. XERACIONS POETICAS: Consecuencia da situación político-social de posguerra, será a convivencia de poetas pertencentes a tres xeracións distintas e, polo tanto, con idades moi dispares. Isto vai motivar a pervivencia de tendencias poéticas de preguerra xunto con outras máis modernas, e incluso que algúns poetas se poidan incluír en varias liñas poéticas: XERACION DO 36. Abarca os poetas nados entre 1910-1920. Algúns teñen unha intensa actividade política e cultural no ambiente universitario de Santiago. Nos comezos sitúanse na liña culturalista da Xeración Nós; pero logo radicalizaron as súas posturas. Podémolos agrupar nestas tendencias: hilozoísmo, neotrobadorismo, clasicismo, ruralismo, socialrealismo e intimismo. Aquilino Iglesia Alvariño é xunto con Celso Emilio o gran representante desta Xeración. Home de estudios clásicos latinos no Seminario de Mondoñedo vai contactar máis tarde co saudosismo portugués. Señardá (1930) sonetos de corte modernista; Corazón ao vento (1933), obra de variadas tendencias entre o modernismo e o surrealismo. Cómaros verdes (1947) con pegadas neotrobadoristas e hilozoístas, onde a paisaxe rural é o centro temático. Celso Emilio Ferreiro : Nace en Celanova (Ourense), preto da casa onde nacera Curros. A memoria histórica e persoal da guerra será unha constante na súa obra poética. En Pontevedra empezará a escribir e participar na vida cultural, colaborando na fundación da colección de poesía "Benito Soto”. En 1955, sae o seu 1º libro "O soño sulagado", mestura de lirismo, ironía e temática social. No 1962, ve a luz "Longa noite de pedra", que de contado se convertería nun libro emblemático e dos máis lidos da poesía galega de tódolos tempos. O autor continúa a liña de poesía cívica, social ou comprometida, tratando de denunciar as contradiccións do seu tempo e de abrirlle os ollos ó pobo. Emigra a Venezuela onde logo xurdirán problemas de relación e o desencanto sobre o mundo da emigración. Publica "Viaxe ao país dos ananos" (1968), obra polémica onde critica á xente desleigada e egoísta. No ano 1973, ve a luz un sarcástico libro de epitafios, titulado "Cimeterio privado”. O desencanto de Celso Emilio vaise achegando á nostalxia pola terra e pola inocencia perdida que marcará o seu derradeiro libro: "Onde o mundo se chama Celanova" (1975). Importante vida cultural e política. Morreu en Vigo en 1979. PROMOCION DE ENLACE: Poetas nados na década dos anos 20. Non constitúen un grupo coherente, elaborando a súa obra individualmente, nos anos máis negros da posguerra. Pobreza e miseria, non tiveron medios económicos para facer estudios universitarios. Formados na cultura castelá, con marcadas influencias da Xeración do 27, fan unha poesía de temática existencial e angustiada. Poesía da angustia e a preocupación existencial. Caracterízase pola fondura existencial, o conflicto do individuo consigo mesmo. Poesía do desarraigo, cun certo relixiosimo e nostalxia do paraíso perdido. Relacionada co existencialismo e a literatura do absurdo. Inaugura esta tendencia Manuel Cuña Novás con “Fabulario novo” (1952). A “Escola da Tebra” e o Grupo “Brais Pinto” que nace en Madrid. Como representantes máis sobranceiros citaremos a Antón Tovar (“Non”), poesía moi intimista; Luz Pozo Garza (“Verbas derradeiras”, “Códice Calixtino”), obra chea de simbolismo e riqueza expresiva. XERACION DAS FESTAS MINERVAIS: Neste apartado incuímo-los poetas nados na década de 1930, ós que se intentou agrupar baixo diferentes nomes: “Grupo Brais Pinto”,” Escola da Tebra” ou Xeración de "La Noche". A mediados da década dos 70 aparece nos poetas e no público unha ruptura coa poesía anterior. Publicación de “Con pólvora e magnolias”, de Méndez Ferrín. CARACTERÍSTICAS: Reinterpretación das vangardas de preguerra. Revisión do concepto de compromiso social. Incorporación da cultura e contra-cultura urbanas. Maior preocupación pola linguaxe poética. Grande variedade temática e de procedementos técnicos. Danse a coñecer nos seguintes medios: as “Festas Minervais”, certames literarios de vella tradición renacentista e barroca, restaurados en Santiago a partir de 1953. O “Grupo Brais Pinto”, constituído en Madrid por universitarios que crean unha colección de poesía, coa temática da “Escola da Tebra”. A colaboración no diario compostelano “La Noche”. A maioría coinciden en Santiago como estudiantes universitarios, polos anos 50: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Bernardino Graña, Xosé Luís Franco Grande, Salvador García Bodaño e Xosé Luís Méndez Ferrín. DIRECCIÓNS POÉTICAS: Cultivaron diferentes poéticas, comezando pola “Escola da Tebra” caracterizada pola anguria do existencialismo e inaugurada cos poemarios de Manuel María, “Muiñeiro de brétemas” (1950) e Manuel Cuña Novás, “Fabulario Novo” (1950). Segue o “realismo coloquial” a través de “Documentos personaes” (1958) de Manuel María. A terceira tendencia, presidida pola influencia de “Longa noite de pedra” é o socialrealismo dos anos 60, con temáticas recorrentes sobre a emigración, a reivindicación patriótica, antiimperialismo, etc. O “paisaxismo” é outra estética que emerxe con forza en “Os eidos” (1955) de Uxío Novoneyra, identificado coas terras do Courel ou en “Terra Chá” (1954) de Manuel María. Estas liñas poéticas aparecen interrelacionadas nas obras destes poetas, aparecendo tamén o intimismo, culturalismo e clasicismo. MÉNDEZ FERRÍN, Xosé Luís: Inicia os estudios universitarios en Santiago de Compostela, onde entra en contacto co galeguismo (Editorial Galaxia e Ramón Piñeiro). En 1957 publica o seu primeiro libro de poemas, “Voce na néboa”, escrito na liña da poesía existencialista característica da época. Continúa os estudios en Madrid, onde funda o Grupo "Brais Pinto”. O compromiso nacionalista radical constitúe un eixe básico na súa obra. En 1976 ten lugar a aparición do poemario “Con pólvora e magnolias”, título decisivo na evolución da poesía galega do momento e que colaborou na abertura temática e de linguaxe que caracteriza á producción lírica dos 80. Neste libro, Ferrín concilia a orientación combativa e de denuncia política cunha escrita coidadosa, renovadora, aberta á manifestación da intimidade e de ricas referencias culturalistas, propondo unha superación da liña estética da poesía social-realista. “O fin dun canto”, é a súa última entrega poética. A súa obra abrangue a poesía, o relato curto, a novela, a crítica literaria e o teatro. A unidade de toda a súa obra vén dada polo seguimento dunha liña cultista, universalista e nacionalista. Ferrín recolle a apertura a Europa e ó mundo, da nosa lit. medieval e da obra do Grupo Nós. A súa persoal forma de escribir está cargada de símbolos e temas que se repiten. Así, motivos como a opresión e a liberación; a fugacidade do tempo e a nostalxia; o desamor e o amor ou a soidade e a solidariedade. Outros poetas importantes desta etapa son: Xohana Torres, poeta intimista e paisaxística (“Estacións ao mar”); Bernardino Graña que fai un canto ó mar en “Profecía do mar”; Avilés de Taramancos, poeta marcado pola experiencia americana e a visión mítica de Galicia (“Cantos caucanos”, “Última fuxida a Harar”) ou Arcadio López Casanova, autor dunha obra clave na renovación poética galega, “Mesteres”.



page | by Dr. Radut