Skip to Content

Tema 5: “A LITERATURA DO EXILIO ENTRE 1936 E 1976: POESÍA, PROSA E TEATRO”. (2º Bacharelato)

A). INTRODUCIÓN. O verán de 1936 supón unha creba histórica e cultural en Galicia. Pásase da aprobación maioritaria do Estatuto de Autonomía á sublevación dos militares ó mando do xeneral Franco. O galeguismo sobrevive na clandestinidade ata 1950, data da morte de Castelao. A literatura galega fica arredada ata que a fronte cultural Galaxia inicia, en 1950, a recuperación das letras galegas. No exilio proseguiu o labor político e cultural, converténdose B. Aires na capital espiritual de Galicia. B). SITUACIÓN HISTÓRICA (1936-1981). A Guerra Civil. A sublevación militar contra a República produciuse en Galicia o 20 de xullo de 1936. Dominada toda Galicia a finais de xullo, logo empezarían os xuízos sumarísimos, os paseos e as depuracións. Destrución de tódalas plataformas político-culturais, represión, asasinato de Alexandre Bóveda e outros, cárcere e silencio. Illamento internacional da Ditadura. A Guerrilla. Ademais da fuxida a Portugal creouse unha guerrilla galega que continuou a loita armada (os fuxidos). Fomentada pola oposición no exilio, diante da caída do nazismo, co gallo de facer cae-lo réxime franquista. Organízase o Exército Guerrilleiro de Galicia. Transformacións socioeconómicas. A poboación tivo como única fonte de subsistencia o sector primario (agricultura e pesca). Comercio de volframio, contrabando e estraperlo (prezos abusivos de produtos que escaseaban pola especulación) só permitiron algunhas fortunas persoais. Consolidación da política de bloques (EE.UU-URSS), despegue económico no mundo capitalista e agudización dos conflitos colonialistas e imperialistas (Indochina, África). A emigración foi promovida pola Ditadura como fonte de divisas, que logo se invertían fóra de Galicia. Hai unha crecente urbanización e unha certa industrialización que motiva o transvase da poboación activa dende o campo ós sectores da industria e servizos. Os conflitos sociais. Logo da Guerra Civil, o movemento obreiro e labrego estivo paralizado en Galicia, consecuencia da desaparición das organizacións sindicais e dos seus líderes. Xorden forzas políticas clandestinas. As organizacións políticas. O galeguismo político acadara a súa máxima repercusión durante a II República, coa aprobación do Estatuto de Autonomía. O triunfo dos sublevados motivará unha represión feroz, un centralismo monolítico e a prohibición de todo tipo de manifestacións nacionalistas. Na década de 1940 o galeguismo levará a cabo unha intensa actividade política. No interior con Ramón Piñeiro e, no exterior, especialmente en B. Aires, onde se fundará o Consello de Galiza, dirixido por Castelao, unha especie de goberno galego no exilio. Remata esta etapa en 1950 ó se confirma-la estabilidade internacional do réxime franquista. É o ano da morte de Castelao e da autodisolución do Partido Galeguista. A loita política pasa ó campo cultural, e créase Galaxia. C). A LITERATURA GALEGA NO EXILIO. Debido á diáspora de grande parte dos intelectuais galegos, motivada pola represión da guerra civil, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e B. Aires. Alí publicarán revistas (Galeuzca, Galicia Emigrante, Vieiros, Saudade, Loita...), editoriais (Citania), emisións radiofónicas, reedición dos clásicos, produción dunha literatura de denuncia e compromiso, actividade teatral e moitas outras iniciativas, co fin de manter viva a cultura. Apoio da emigración galega (os Centros Galegos convértense en núcleos de actividade política e cultural) e, sobre todo, moi importante o labor de Castelao, que se converterá en guieiro da liberdade de Galicia. Destes anos datan as súas obras Os vellos non deben de namorarse (1941), Sempre en Galiza (1944) e As cruces de pedra na Galicia (1950). POESÍA:Destacar no campo da poesía Luís Seoane, home polifacético: pintor, editor (Nova, Botella al Mar,...), poeta, ensaísta e autor teatral. Poeta social, reivindicativo, de forte compromiso que trata de rescatar a memoria histórica do pobo galego, dándolle protagonismo ó tema da emigración (Fardel de eisilado, Na brétema Sant-Iago). O traballo de Emilio Pita vai do ton épico á temática civil de Jacobusland). Lorenzo Varela, activo poeta, paradigma da literatura solidaria e comprometida, con Lonxe e Catro poemas para catro gravados. Predominio do discurso comprometido de Seoane e Varela, fronte ó esteticismo de Pita. Mitificación do pasado que se inclúe no histórico e carácter épico-realista. Non influirá sobre a poesía galega do interior polas dificultades de difusión e estudo. NARRATIVA: Citar a Ramón de Valenzuela, con obras ambientadas na guerra civil, co tema da represión franquista e moito de autobiográfico (Era tempo de apandar, Non agardei por ninguén). Tamén, Silvio Santiago que escribe unha novela costumista, con intención crítico social, na que conta as lembranzas da infancia no medio rural (Vilardevós). TEATRO: Continúa unha tradición que vén de preguerra. Gran importancia a estrea en B.Aires de Os vellos..., de Castelao. Funcionamento de diversos grupos: Compañía Gallega Maruxa Villanueva (fundada por M..Varela Buxán); Teatro Popular Galego, fundado por Blanco Amor. Ten como principal representante a Manuel Varela Buxán, fundador da compañía teatral Aires da Terra e autor de numerosas pezas populares, de ambiente rural e costumista, nunha liña cómico-sentimental, onde o conflito amoroso e o tema social terán grande importancia: O ferreiro de Santán, Taberna sen dono, A xustiza dun muiñeiro,...



page | by Dr. Radut