Skip to Content

TEMA 3: “A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo)”. (2º Bacharelato)

INTRODUCION. A incorporación do Grupo Nós ás Irmandades en 1918, supuxo un feito cultural transcendente na 1ª metade de século. Labor decisivo entre 1920-1931. Grupo de escritores que en 1920 fundaron a revista "Nós" e que a dirixiron ata 1936. Organización de estamentos e institucións culturais integrados dentro dunha doutrina política que tende ó rexurdimento da cultura e sociedade galegas. Pretenden elaborar unha lit. galega de prestixio, seguindo os modelos da lit.mundial de principios do s.XX.

 

FORMACION E EVOLUCION DA XERACIÓN NÓS: Formada polo chamado Cenáculo ourensán: Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas. Castelao e Dieste teñen características que os diferencian (procedencia, formación, o popular,...). Procedencia social pequeno-burguesa. Xeración de "inadaptados" que se achegan a Galicia, logo de recorrer culturas estrañas. Ideais exóticos, no Oriente afastado. Rigorosa formación intelectual. Con eles a prosa galega supera o costumismo e o ruralismo decimonónicos.

"INADAPTADOS". Insatisfacción e rebeldía, velaí que queiran fuxir do medio que os rodea. Conciben a arte coma evasión e no seu individualismo senten noxo do vulgar, do común, procurando a novidade nos mundos exóticos (India, Tíbet, Exipto, Babilonia). Autobiografía xeracional no ensaio de Risco, Nós, os inadaptados e na novela Arredor de si de Otero Pedrayo. Desprezo inicial pola cultura e lingua galegas. No 1918 hai un cambio radical de actitude coa inclusión no galeguismo e encontro con Castelao, que xa pertencía ás Irmandades da Fala. Superan o ruralismo, conxugando enxebrismo e europeización: atlantismo celtista (Irlanda, Bretaña, Portugal). Importancia política de Vicente Risco: definición teórica do nacionalismo galego. Participan na creación do Partido Galeguista (1931) e deputados nas Cortes republicanas (Otero e Castelao). Apoian decisivamente a elaboración e aprobación do Estatuto de Autonomía (1936) e a creación do Seminario de Estudios Galegos (1923).

OBRA CIENTÍFICA. Axeitan o idioma á expresión científica. Método científico para o estudio da cultura galega. Vicente Risco: etnografía e evolución histórica da cultura galega. Otero Pedrayo: traballos de xeografía. Castelao: investigación sobre a arte popular. Cuevillas: prehistoria de Galicia.

 RAMON  OTERO  PEDRAYO (1888-1976) 

Pais de ascendencia fidalga. Licénciase en Dereito e doutórase en Xeografía e Historia. Prof. de Xeografía e Historia. En Ourense únese ó grupo de Risco e Cuevillas, chegando ó galeguismo. Colabora nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos. En 1931 inicia unha etapa de grande actividade política e funda o Partido Nacionalista Republicano, sendo deputado por Ourense. Logo, entra no Partido Galeguista. Intensa actividade científica e literaria. Despois da guerra civil é deposto da cátedra (1937). Destaca o seu labor de conferenciante. Colabora no lanzamento da editorial Galaxia. Xubilación e retirada ó pazo familiar de Trasalba (actual Museo do autor).

OBRA LITERARIA:  Autor da produción máis extensa da lit.galega e abarca case tódolos xéneros: prosa, ensaio, poesía e teatro. As súas novelas convérteno no autor máis importante da prosa moderna. O ensaio é o xénero onde se atopa mellor o seu xenio, xa que o didactismo invade a súa narrativa. Outro elemento sempre presente é a paisaxe.  

Relatos breves:    Pantelas, home libre (1925) é a súa primeira obra. Volta do protagonista dende o cárcere á súa terra da infancia. Forte presenza da paisaxe. Tristura e tolería do protagonista.

Novelas:  Os camiños da vida (1928). Triloxía formada por "Os señores da terra", "A maorazga" e "O estudante". Mostra da sociedade rural galega nos cambios do século XIX, dende a Desamortización de Mendizábal (1836) ata a Revolución de Setembro (1868).Temas: ruína da aristocracia agraria galega; ascenso da burguesía vilega(comerciantes casteláns); alteración das formas tradicionais de vida. A acción transcorre no Ribeiro e os seus pazos (Trasouto), Ourense e Santiago. Grande realismo da vida aldeá e dos pazos. Familias fidalgas dos Doncos e Pugas. Miserias e decadencia.

Arredor de si (1930): retrata a conversión ó galeguismo da Xeración Nós. Protagonista o intelectual Adrián Solovio (autobiografía de Otero). Despois de viaxar por Europa e España, escéptico e desacougado, descobre a Galicia e a si mesmo. Novela de tese na que priman o elemento ideolóxico e a intención didáctica.

Dúas coleccións de contos: Contos do camiño e da rúa(1932), e Entre a vendima e a castañeira (1957).

ENSAIO: Guía de Galicia (1926): interpretación histórica e cultural de Galicia. Ensaio histórico sobre a cultura galega(1939): é unha síntese do desenrolo histórico-cultural de Galicia. O futuro do país ten que ser europeo como o foron os tres grandes momentos de Galicia: o celta, o románico e o barroco (celtismo).

VICENTE   RISCO: O IDEOLOGO DO GRUPO NOS (1884-1963).

Naceu en Ourense. Veciño. Estudos de Dereito e funcionario en Ourense, a onde volve como profesor da Escola Normal. Publica en 1920 a Teoría do nacionalismo galego e funda, cos seus compañeiros, a revista Nós. Logo de 1919 foi adquirindo unha influencia cada vez máis grande dentro das Irmandades. Logo, dunha viaxe a Centroeuropa para estudar etnografía e folclore, Risco foise afastando da actividade política, adoptando posturas conservadoras. Podemos diferenciar tres etapas na súa evolución intelectual:

Etapa de formación. Aparece reflectida no ensaio Nós, os inadaptados. Etapa nacionalista. Etapa máis activa na que se produce a conversión ó galeguismo, ingresa nas Irmandades, funda a revista Nós e escribe os libros de relatos. A súa ideoloxía está recollida en Teoría do nacionalismo galego.

 Etapa de desvinculación progresiva do galeguismo, a partir de 1930.

NARRATIVA: O porco de pé, novela longa que supón o cume da narrativa de Risco, na que caricaturiza o ascenso social dun maragato -D.Celidonio- chegado á cidade, que sen méritos de ningún tipo e pola simple acumulación de capital é nomeado alcalde. O novo alcalde representa a vulgaridade dunha familia da nova burguesía, só preocupada polos cartos. Amósanos unha visión satírica duns personaxes que fican reducidos a simples caricaturas. LINGUA E ESTILO: A preocupación estilística ocupa un lugar secundario na obra de Risco. O autor semellaba máis interesado no que dicía que na forma de expresión. Prosa directa, mesmo familiar na súa sintaxe. En canto á lingua, procura o enxebrismo, afastándose do castelán.

 

FLORENTINO  LOPEZ  CUEVILLAS (1886-1958)

Foi o prehistoriador do grupo "Nós". Dedicouse ás tarefas investigadoras, máis que ás literarias. Cultivou a prosa e o ensaio literario: Prosas galegas, obra póstuma que recolle os seus artigos. 

 

CASTELAO (1886-1950): Nace en Rianxo de familia mariñeira. Emigración do pai á Arxentina. Medicina en Santiago. Deixa a profesión de médico para ingresar no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra, onde tamén traballa como profesor de Debuxo no Instituto desta cidade. Agrarismo e Irmandades da Fala. Galeguismo nacionalista. Exposición de debuxos, conferencias e colaboracións na prensa. Dirección artística da revista Nós. Viaxe a Francia para estuda-los cruceiros da Bretaña, froito do cal é o libro As cruces de pedra na Bretaña (1930). Proclamación da II República e militancia no Partido Galeguista, sendo elixido deputado. Participación activa na vida política, especialmente a prol do Estatuto de Autonomía. Establece a súa residencia en Buenos Aires, onde constitúe o Consello de Galiza. Morreu en Buenos Aires en 1950 e os seus restos son traídos a Galicia en 1984, repousando no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.

OBRA:  Un ollo de vidro(1922), co subtítulo de Memorias dun esquelete. No prólogo diríxese ó lector o propio Castelao, que explica como atopou as memorias do esqueleto que veñen a continuación. Este humor de Castelao non é alleo á sátira social de carácter anticaciquil.

Cousas (1926) é un conxunto de prosas con ilustracións. Cada "cousa" leva unha ilustración que complementa o texto. Este desenvolve brevemente asuntos de temática variada, en moitos casos de ambiente labrego ou mariñeiro. A "cousa" é a aportación máis orixinal e característica de Castelao á literatura; é unha fórmula literaria presente en toda a súa obra narrativa.

Retrincos (1934) é unha colección de cinco contos que se nos presentan como autobiográficos("O segredo" relata unha anécdota da estancia de Castelao, neno, entre os gauchos da Pampa; "O inglés" tamén se desenvolve na Pampa arxentina, nos anos da guerra de Cuba; "Peito de Lobo" preséntanos ó Castelao estudante en Compostela; "O retrato" : a curación imposible para un médico e o milagre feito polo pintor. "Sabela" é un relato artellado sobre o contraste entre a moza que fora a súa compañeira de baile e a muller en que se converteu co paso dos anos.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao; consiste nunha sucesión de relatos que gardan unidade entre eles pola referencia a dous protagonistas constantes: Pedriño e Rañolas. Ten a estrutura semellante ás novelas picarescas, especialmente polo que toca a Rañolas, quen, partindo dunhas circunstancias adversas (de humilde condición, eivado de corpo), vai vivindo diferentes situacións nos sucesivos oficios. En contraste con Rañolas, o outro protagonista, Pedriño é un home sen vontade e sen ambición. A novela é unha biografía paralela dos dous personaxes, que son amigos da infancia e seguen camiños diverxentes.

O ENSAIO: Sempre en Galiza. Primeira edición publicada en Buenos Aires. Tratado ensaístico, escrito en momentos moi diferentes, pero uniforme no seu patriotismo.

ESTILO: Nada máis lonxe de Castelao que o barroquismo literario. Liso, limpo, sinxelo, o seu estilo é clásico, froito dun grande traballo de escolla e depuración. Linguaxe a un tempo popular e escolleita. Léxico enxebre, ceibe de arcaísmos e neoloxismos. A lingua é o galego popular.

 

RAFAEL DIESTE (Rianxo, 1899-1981): Cursa Maxisterio. Guerra de Marrocos. Amizade con Manuel Antonio. Galeguismo. Xornalismo e actividade cultural a favor da República. Misións Pedagóxicas. Exilio en B.Aires, logo da guerra civil. Volta en 1961 a Rianxo e entra na RAG.

OBRA: Pouco extensa a obra en galego. Dos arquivos do trasno (1926): conxunto de contos, envoltos nunca atmosfera de misterio, situados na Galicia rural e mariñeira. Realismo máxico. Personaxes populares cheos de inocencia e humanidade. Técnica moderna e recursos novidosos. Lingua culta e rica cun estilo elegante e sinxelo.



page | by Dr. Radut