Skip to Content

"VELLEZ",Carlos Casares

Versión para impresoraVersión para impresora

Vellez

Escoito na radio unha alborotada e caótica tertulia sobre a vellez e o seu significado. Durante máis de media hora, un grupo bastante numeroso de homes e mulleres a quen o locutor presenta como persoas expertas e intelixentes din cousas máis ou menos atinadas, aínda que ningunha acerta a enfiar un pensamento ou unha frase que emocionen ou convenzan. Quédome coa observación dun amigo que asegura que un empeza a ser vello cando de pronto se decata de que os futbolistas e os soldados son rapaciños novos.

Podo traer aquí unha frase de Miguel Torga, o grande escritor portugués, hoxe un ancián enfermo, pero erguido e solitario como un lobo na súa casa de Coímbra. Un día, perdido entre a multitude entusiasmada dun primeiro de maio en liberdade, despois da caída da ditadura, Torga sentiu lágrimas nos ollos e dixo que a vellez era aquilo: ou chorar sen motivo ou ter os ollos secos de tanto chorar.

Aínda podería citar tamén a don Ramón Carande, aquela marabilla humana que morreu apagado cando se ía achegando o privilexio do século. Falando cunha amiga miña na súa casa de Sevilla, díxolle que un día descubrira que xa escoitaba mal: despois decatouse de que lle faltaba a vista; máis tarde empezou a sentir que andaba con dificultades. Pensou que aquilo era a vellez e así estivo, convencido de que xa estaba nesa etapa da vida, durante varios anos. Finalmente, un día aprendeu que a vellez só chega cando se perde a curiosidade.

.

 



page | by Dr. Radut