Skip to Content

Artigos

"TONA DE LARANXA", María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Premio Xerais 2012)

As palabras da Illa

A Illa de San Simón acolleu este sábado a tradicional festa das letras da Editorial Xerais. María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón fixéronse co Xerais 2012 de novela coa súa obra Tona de laranxa e Marcos Calveiro obtivo o Merlín de Literatura Infantil con Palabras de auga. Falamos cos autores para coñecer máis sobre estes dous proxectos literarios.

Un nutrido grupo de persoeiros da cultura galega participou este sábado na entrega dos Premios Xerais. Coa coordinación de Celia Torres, a música de Xurxo Souto e o discurso inaugural de Marilar Aleixandre, titulado O círculo de luz: escrita, conflito e lume, a cerimonia presentou os dous gañadores dos premios Xerais. Sería a XXIXª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, e a XXVIIª do Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros.

As tonas de laranxa
A parella formada por María Lorenzo e Manuel Lorenzo (filla e pai respectivamente) recibiron o premio Xerais de novela pola súa obra As tonas de laranxa . O xurado do premio valorou así Tonas de de laranxa: “Tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento. Quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral”.

“Dicir que Tonas de Laranxa foi feita a catro mans”, bromea Manuel Lorenzo, “é unha maneira máis pianística que literaria”. Lorenzo explicou como a novela agromou a partir dun relato previo. “María escribiu un conto moi longo hai uns anos e eu insistinlle en diferentes ocasións en que tiña que rematalo. Era unha prosa moi fresca. Así que o verán pasado díxenlle que había que rematalo dunha vez, e que se non se puña ela púñame eu. E así fumos escribindo entre os dous a historia, quitando e poñendo, e o conto acabou sendo unha novela do dobre de páxinas, pero segue conservando a esencia, a cerna e o espiñazo das personaxes”.

Tonas de laranxa é unha novela do seu territorio, as Terras de Iria e a confluencia entre o río Ulla e o mar de Arousa, un lugar onde as laranxas foron froitas moi sonadas, narradas a partir dunha aldea imaxinaria, Moreira. “Hai un texto moi fermoso do cardeal Jerónimo del Hoyo”, comenta Manuel Lorenzo, “cando fai unha reflexión sobre a sona que tiñan as laranxas da zona de Padrón e de cómo se comerciaban por mar con elas. En Moreira consérvase tamén a memoria dos barcos de laranxas, pero xa non saen no tempo das personaxes. Só hai un constante cheiro a laranxa”.

Pero tamén é do seu territorio polas referencias literarias. “As tonas de laranxa é como aquelas “herbas de aquí e acolá” que falaba Cunqueiro, que colle referencias na súa linguaxe poética. “Nós vivimos na casa na que viviu Eusebio Lorenzo, pero tamén nos influencian no Pensa Nao de Anxo Angueira, sempre cos debidos respectos e coas debidas distancias a todos eles”. A Lorenzo non lle resulta doado describir o argumento de Tonas de laranxa. “En Moreira mestúrase o real e fantástico. Procuramos que o lector estea aberto e á expectativa. En Moreira a xente tirou os reloxos, oriéntanse no día co sol e hai un olor ás laranxas que non se sabe de onde ven. Apostamos porque o poético pode dar conta do mundo que temos, non só exemplificalo senón transformalo. Un mundo no que non se farían rescates á xente que ten iates, senón á xente que o precisa”.

Palabras de auga
O escritor Marcos Calveiro gañou o Merlín de Literatura Infantil coa novela Palabras de Auga. O texto ten un punto de partida no mundo real fascinante: “Lin unha nova nun xornal sobre que as mulleres do Chad cribaban a terra dos formigueiros para sacar o gran collido polas formigas e así faceren as tortas para os seus fillos. É brutal esa imaxe, que o ser humano acabe roubándolle a comida ás formigas”. Impresionado pola historia, Calveiro foi escribindo Palabras de Auga.

O xurado do Merlín valorou así o texto: “cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria”. Calveiro constrúe en Palabras de auga unha historia sobre unha tribo nómade que se atopa na sabana fuxindo dos incendios, a violencia, a guerrilla. Hai un conflito sobre como afrontar o futuro entre o xamán e a xente nova do grupo e a historia estrutúrase en capítulos que incorporan a narración dos feitos e a ollada cara atrás.

Preguntámoslle a Calveiro pola súa querencia polos escenarios estranxeiros: “realmente son as historias as que me levan dun lugar a outro, e creo que iso é algo moi valioso nas nosas letras, porque a nosa lingua vale para calquera territorio e calquera país”.

Unha maior atención para o libro
O director da editorial Xerais, Manuel Bragado, parabenizou aos novos medios de comunicación en galego e demandou “maior atención” para o mund do libro e da cultura.

ANÁLISE DE TEXTOS: algunhas consideracións.

 

REFLEXIÓNS SOBRE A ANÁLISE DE TEXTOS

O Bloque 1 da proba de Selectividade de Lingua e literatura galega céntrase na análise de textos den­de o punto de vista do seu contido. Neste apartado formúlanselle ao alumnado cuestións relacionadas coas ideas que o texto quere transmitir, o tema que trata, o resumo do seu contido, a estrutura do texto e o títu­lo. Ademais, unha segunda cuestión, na que o alumnado debe demostrar a súa madurez intelectual a través do xuízo crítico do texto ou dalgún aspecto sobranceiro deste.

Deseguido procederemos a analizar todos os apartados que se tratan neste bloque, procurando ache­gar as pautas necesarias para a resolución destas cuestións.

1. O esquema de ideas

Os textos articúlanse a partir dunha idea ou ideas sobranceiras que son abordadas polo autor e que pretende facer chegar ao destinatario das súas palabras. Estas ideas poden ser, segundo a súa importancia, principais ou secundarias e formarán o esqueleto argumental do texto.

Un método que se pode seguir para descubrir as ideas do texto consiste en subliñalas e redactalas na marxe. Unha vez localizadas cómpre establecer a xerarquización destas ideas tendo en conta a súa impor­tancia e tratamento no texto.

Para a súa correcta formulación debemos elaborar o esquema sen chaves, empregando un esquema numerado ou ben con guións, diferenciando neste caso claramente as ideas principais das secundarias. Non se pode cometer o erro de establecer moitas ideas con excesivas subdivisións. O esquema de ideas ben elaborado debe permitimos captar cunha soa ollada o fundamental que nos quere transmitir o texto.

Concluíndo, o esquema de ideas debe partir dunha correcta selección e ordenación. Debe estar redacta­do con frases curtas, claras e significativas seguindo unha unidade de dirección e visualización.

2. O resumo

Supón a selección do máis importante do texto, ou ben unha síntese do fundamental.

       Para elaborar un resumo correcto dun texto debemos ter moi claro o seu significado preciso, isto é, o

que nos quere transmitir. Feito isto debemos distinguir os puntos centrais e tratar de sinalar o esencial. Un bo resumo é aquel que presenta fielmente o contido do texto.

A redacción correcta do resumo implica que sexa breve, preciso e claro; debe estar elaborado coas nosas propias palabras e recollendo o sentido esencial do texto.

3. O título

É unha palabra, frase ou cláusula que dá a coñecer a denominación dun libro, capítulo, artigo, poema... A elección do título debe ter en conta as seguintes motivacións: anticipar os contidos do texto, insi­nuar a idea central, dar relevo a un personaxe ou situación ou intrigar ao lector. Este apartado é moi importante posto que vai condicionar o lector para que continúe coa lectura, por iso hai que tratar de ser orixinais na súa elaboración.

A redacción do título debe manter as seguintes características: ser breve (non pode pasar das oito palabras), evitar o emprego de verbos (podemos empregar puntos suspensivos ou unha frase nominal cun verbo elidido) e estar relacionado co tema do texto.

4. O tema

       É unha frase que sintetiza e engloba todo o texto, ou sexa, a exposición breve da idea central. É o cer­ne do fragmento, ou o que é o mesmo, a esencia do texto.

       Dous trazos fundamentais do tema son a claridade e a brevidade. Para fixar o tema debemos atopar a

palabra abstracta que sintetiza a intención primeira do autor.

       Cando redactamos o tema debemos evitar a enunciación de exemplos ou de elementos complementarios do texto. Así pois, o tema debe recoller o fundamental do texto.

       Para elaborar o tema debemos reducir á mínima expresión os elementos que resumen o contido do

texto.

Unha pauta á hora de elaborar un tema pode ser sintetizar o propio resumo en seis ou sete palabras seguindo a fórmula: «substantivo abstracto + complementos». Un bo título debe ser conciso, claro e con­creto.

5. A estrutura do texto

       Cando un escritor desenvolve un tema calquera debe presentalo a través dunha serie de ideas perfectamente estruturadas. Dependendo dos tipos de textos podemos establecer tamén diferentes estruturas.

       Normalmente os textos de tipo narrativo adoitan estruturarse en tres apartados claramente definidos:

1. Introdución: preséntanse os personaxes, os espazos e o tempo, ademais de establecerse o conflito.

2. Desenvolvemento: desenvólvese o conflito entre os diferentes personaxes.

3. Desenlace: prodúcese a resolución definitiva do conflito.

No caso dos textos argumentativos ou expositivos o texto debe articularse tendo en conta o desenvol­vemento que se produce do tema. Podemos atopar argumentacións ou exposicións nas que o autor nos presente primeiro a tese ou idea central do texto, para a continuación, con exemplos ou testemuñas autori­zadas, reafirmar a idea formulada. Outra posibilidade é a contraria, primeiro presentar os exemplos ou argumentos de autoridade para rematar coa formulación da tese.

En fragmentos nos que se desenvolven varias ideas pódese seguir calquera das dúas estruturas ante­riores ou ben as dúas combinadas.

6. O comentario crítico

Consiste en elaborar unha exposición na que debemos asentir, disentir ou matizar o contido do frag­mento proposto. Débese analizar o grao de precisión do autor na exposición do tema que se analiza e finalmente o grao de obxectividade ou subxectividade no tratamento que se fai do tema exposto.

O comentario crítico non debe ser nunca unha paráfrase, non debe tampouco empregar o texto como pretexto para análise nin ser un simple inventario das ideas que se presentan. É moi importante non ser polémico s nin agresivos na crítica do texto e si ser argumentativos no momento de facer o comentario.

Esta análise crítica debe redactarse coherentemente, cunha expresión fluída e ben estruturada, evitan­do a reiteración de ideas e a falta de estruturación na exposición. Debe buscarse un estilo coidado na expresión e abordar de forma persoal a crítica da idea ou ideas que trata de transmitir o autor.



by Dr. Radut