Skip to Content

Artigos

Lingua Galega e Literatura - Sub Categories

BENVIDA E PARABÉNS

Benvida á páxina do Departamento de Lingua Galega e Literatura. Agardamos que atopedes os materiais axeitados para o voso traballo de aula. Tamén nos gustaría pensar que, camiñando por estes vieiros, mellorásedes a vosa sensibilidade e concienciación coas esencias deste país.

Aínda estamos nos comezos, pero pensamos engadir contidos moi variados, sempre relacionados coa lingua, a literatura e a realidade social, histórica  e cultural de Galicia.

Parabéns pola visita, mais non quededes aí pasmados diante da porta... ¡¡ ENTRADE !!

Ligazóns a sitios web con actividades en liña:

NO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de febreiro celébrase o día de Rosalía, e xustamente neste ano 2017 conmemorase o 180 aniversario do seu nacemento. Por iso o alumnado de 1ºESO preparou este vídeo e celebrouno ao seu xeito.

Lingua e Literatura Galegas

NOVAS DO NOSO PROFESOR EMÉRITO RAMÓN BREA

O noso querido profesor de galego Ramón Brea, xa xubilado, non para de bulir. Entre outras cousas, forma parte da asociación cultural Barbantia: 

"Dende hai algún tempo, unha morea de amigos do Barbanza, os máis deles creadores e animadores culturais, viñamos acariñando a idea de crearmos un espazo que nos xunte e que sexa unha especie de lugar común para a cultura. Despois de moitas conversas, decidimos fundar Barbantia, unha asociación cultural que pretende ser un centro de ideas, un proxecto común, aberto, de carácter independente, co único ánimo de lucro da cultura como elemento enriquecedor."

www.barbantia.es

Se queredes saber máis sobre a asociación Barbantia podedes visitar o seu sitio web.

Desde o nacemento da asociación, Barbantia publica cada venres de fin de mes no Xornal La Voz de Galicia un suplemento cultural, A Voz de Barbantia. E aquí tedes a Ramón.

Para ler a reportaxe no xornal podedes premer na imaxe ou aquí.

 

LETRAS GALEGAS 2016: HOMENAXE A MANUEL MARÍA

A víspera do día das Letras Galegas un numeroso grupo formado por alumnado, persoal non docente e persoal docente xuntaron as súas voces para cantar un poema de Manuel María versionado polo mítico grupo galego Fuxan os Ventos. O poema titúlase O Carro. Velaí o resultado:

 

Ademais o alumnado de 1º Bacharelato quixo sumarse a esta homenaxe cunha divertida performance baseada no poema Breve manual para deprender para señorito de Manuel María nunha versión cantada por María Manuela (1978). 

RUTA CASTELAO 2016

O DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA ORGANIZA UNHA VISITA AO MUSEO PROVINCIAL DE PONTEVEDRA.

Desde o ano pasado, 2015, celébrase o Día das artes o primeiro de abril. Na primeira conmemoración lembrouse a figura do Mestre Mateo; este ano o artista homenaxeado é A. Daniel Rodríguez Castelao.

A cidade de Pontevedra estivo sempre moi vencellada ao artista. Aquí chegou no 1916 como funcionario do Corpo de Estatística. É por iso que no Museo Provincial se uniron á festa da arte coa exposición 100 anos de Castelao en Pontevedra.

VER GALERÍA DE IMAXES

Nós acudimos co alunado de 1º e 4º ESO convidados polo concello de Vilagarcía de Arousa. Pasamos revista á produción artística de entre 1905 e 1920. A obra máis antiga é unha acuarela que asina co nome de Daniel Rodríguez C.; desde 1908 en todos os seus traballos a única sinatura é simplemente Castelao.

Puidemos ver obras de gran formato (A tentación de Colombina), pequenos debuxos e bosquexos xunto a autoretratos utilizando diversas técnicas, soportes e formatos, dependendo do cometido para o que foran pensados.

ROTEIRO DE ROSALÍA DE CASTRO

O Departamento de Lingua Galega e Literatura levou a cabo unha saída cultural cos estudantes  de 1º Bacharelato o 5 de abril de 2016 baixo o título “Roteiro de Rosalía de Castro”. O principal obxectivo desta actividade era achegar a figura e a obra da nosa grande poeta ao noso alumnado. Ademais esta escritora forma parte da programación neste curso.

 

(VER GALERÍA DE IMAXES)

 Pretendíamos visitar todos aqueles lugares, rúas, institucións que tiveron algo que ver coa súa vida e obra, mais eramos conscientes de que facer todo iso nunha soa xornada non ía ser posible polo que elaboramos un roteiro partindo do noso centro cara a Santiago.

En cada parada recitábase un ou máis poemas. Na lectura dos mesmos participaban todos/as os/as alunos/as. Foron especialmente emotivas ,a visita á Casa da Matanza; a lectura no cemiterio de Adina; a do poema “Campanas de Bastabales”, onde repenicaron as campás en exclusiva par nós; a visita á capela do Hospital Real e a ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres. Por falta de tempo tivemos que deixar atrás algún dos puntos sinalados no roteiro. Ao remate entrgóuselle ao alumnado un cuestionario para comprobar o grao de atención prestada aos comentarios feitos polo profesorado. 

A experiencia, en xeral,  foi positiva, o alumnado respondeu bastante ben ás expectativas que tiñamos . Moitos, a pesar da proximidade dos lugares a visitar, nunca foran á Casa Museo de Rosalía, non sabían onde quedaba Bastavales e tiveron a oportunidade de pasear por rúas de Santiago que non están dentro dos seus itinerarios cando se achegan a esta cidade. 

Departamento de Lingua Galega e Literatura.

CÁNDIDO PAZÓ VISITA O INSTITUTO DE CARRIL

 O actor, autor e narrador oral galego Cándido Pazó veu ao noso entro educativo para facer unha sesión de contacontos dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato. Como podedes apreciar nestas imaxes o público disfrutou moito  da actuación desenvolvida integramente en galego.

            LER A NOVA NA PRENSA

 

 

CONFERENCIA: AS VARIACIÓNS NAS LINGUAS

Onte tivemos a oportunidade de aprendermos algo máis sobre o funcionamento das linguas como instrumento de comunicación ligado intimamente ao seu uso en sociedade. Foi o profesor Xulio Sousa, membro do Departamento de Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto da Lingua Galega, quen nos achegou unha valiosa e anovadora perspectiva sobre a necesidade do cambio e da variación dentro das linguas para que estas cumpran adecuadamente a súa función de ferramenta de comunicación. Mentres que en gran parte da sociedade os cambios na norma son percividos como unha eiva, unha molestia, grazas á conferencia do noso convidado descubrimos que as únicas linguas que non mudan son as mortas, coma o latín. A partir de agora, cada vez que leamos no xornal ou escoitemos pola televisión que unha nova reforma foi levada a cabo no castelán ou no galego, saberemos que iso se debe a que gozan de moi boa saúde.

María Vilasó (14 de xaneiro de 2015)

LINGUA E LITERATURA GALEGA 2º BACHARELATO

LINGUA E LITERATURA GALEGA

(2º BACHARELATO)

"TONA DE LARANXA", María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Premio Xerais 2012)

As palabras da Illa

A Illa de San Simón acolleu este sábado a tradicional festa das letras da Editorial Xerais. María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón fixéronse co Xerais 2012 de novela coa súa obra Tona de laranxa e Marcos Calveiro obtivo o Merlín de Literatura Infantil con Palabras de auga. Falamos cos autores para coñecer máis sobre estes dous proxectos literarios.

Un nutrido grupo de persoeiros da cultura galega participou este sábado na entrega dos Premios Xerais. Coa coordinación de Celia Torres, a música de Xurxo Souto e o discurso inaugural de Marilar Aleixandre, titulado O círculo de luz: escrita, conflito e lume, a cerimonia presentou os dous gañadores dos premios Xerais. Sería a XXIXª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, e a XXVIIª do Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros.

As tonas de laranxa
A parella formada por María Lorenzo e Manuel Lorenzo (filla e pai respectivamente) recibiron o premio Xerais de novela pola súa obra As tonas de laranxa . O xurado do premio valorou así Tonas de de laranxa: “Tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento. Quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral”.

“Dicir que Tonas de Laranxa foi feita a catro mans”, bromea Manuel Lorenzo, “é unha maneira máis pianística que literaria”. Lorenzo explicou como a novela agromou a partir dun relato previo. “María escribiu un conto moi longo hai uns anos e eu insistinlle en diferentes ocasións en que tiña que rematalo. Era unha prosa moi fresca. Así que o verán pasado díxenlle que había que rematalo dunha vez, e que se non se puña ela púñame eu. E así fumos escribindo entre os dous a historia, quitando e poñendo, e o conto acabou sendo unha novela do dobre de páxinas, pero segue conservando a esencia, a cerna e o espiñazo das personaxes”.

Tonas de laranxa é unha novela do seu territorio, as Terras de Iria e a confluencia entre o río Ulla e o mar de Arousa, un lugar onde as laranxas foron froitas moi sonadas, narradas a partir dunha aldea imaxinaria, Moreira. “Hai un texto moi fermoso do cardeal Jerónimo del Hoyo”, comenta Manuel Lorenzo, “cando fai unha reflexión sobre a sona que tiñan as laranxas da zona de Padrón e de cómo se comerciaban por mar con elas. En Moreira consérvase tamén a memoria dos barcos de laranxas, pero xa non saen no tempo das personaxes. Só hai un constante cheiro a laranxa”.

Pero tamén é do seu territorio polas referencias literarias. “As tonas de laranxa é como aquelas “herbas de aquí e acolá” que falaba Cunqueiro, que colle referencias na súa linguaxe poética. “Nós vivimos na casa na que viviu Eusebio Lorenzo, pero tamén nos influencian no Pensa Nao de Anxo Angueira, sempre cos debidos respectos e coas debidas distancias a todos eles”. A Lorenzo non lle resulta doado describir o argumento de Tonas de laranxa. “En Moreira mestúrase o real e fantástico. Procuramos que o lector estea aberto e á expectativa. En Moreira a xente tirou os reloxos, oriéntanse no día co sol e hai un olor ás laranxas que non se sabe de onde ven. Apostamos porque o poético pode dar conta do mundo que temos, non só exemplificalo senón transformalo. Un mundo no que non se farían rescates á xente que ten iates, senón á xente que o precisa”.

Palabras de auga
O escritor Marcos Calveiro gañou o Merlín de Literatura Infantil coa novela Palabras de Auga. O texto ten un punto de partida no mundo real fascinante: “Lin unha nova nun xornal sobre que as mulleres do Chad cribaban a terra dos formigueiros para sacar o gran collido polas formigas e así faceren as tortas para os seus fillos. É brutal esa imaxe, que o ser humano acabe roubándolle a comida ás formigas”. Impresionado pola historia, Calveiro foi escribindo Palabras de Auga.

O xurado do Merlín valorou así o texto: “cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria”. Calveiro constrúe en Palabras de auga unha historia sobre unha tribo nómade que se atopa na sabana fuxindo dos incendios, a violencia, a guerrilla. Hai un conflito sobre como afrontar o futuro entre o xamán e a xente nova do grupo e a historia estrutúrase en capítulos que incorporan a narración dos feitos e a ollada cara atrás.

Preguntámoslle a Calveiro pola súa querencia polos escenarios estranxeiros: “realmente son as historias as que me levan dun lugar a outro, e creo que iso é algo moi valioso nas nosas letras, porque a nosa lingua vale para calquera territorio e calquera país”.

Unha maior atención para o libro
O director da editorial Xerais, Manuel Bragado, parabenizou aos novos medios de comunicación en galego e demandou “maior atención” para o mund do libro e da cultura.

"GALEGOS", (Patente de corso), Arturo Pérez Reverte

“GALEGOS”

 

Teño na casa un antigo álbum de Castelao: corenta e nove láminas en folio, cada unha coa súa lenda. “Nós”, chámase. Os debuxos son de fai case un século: viñetas da vida galega campesiña e mariñeira, nacidas coma consecuencia das folgas da época, as matanzas de labregos e o caciquismo. Imaxes e textos tan pesimistas e terribles que, en palabras do autor, queiman coma un raio de sol a través dunha lupa. De vez en cando bótolle unha ollada a ese álbum, pola fermosura das súas imaxes e polo conmovedor sentido dos seus textos. A lámina nº 9 mostra unha pobre aldeá que carga cun cadaleito rotulado “Lei”, mentres di: “Canto pesa e como fede!”. Na número 16, un rapaz pobre dille a outro: “O que sinto eu é que algún que maltratou a miña nai morra denantes de que eu chegue a home”. E na número 37, un labrego comenta, falando dos seus fillos: “Téñoche un tan listo que ten quince anos e xa non cre en Deus”. Hai outras láminas irónicas e terribles, incluída unha que me remove por dentro cada vez que a miro: “Eu non quería morrer alá; sabe miña mai?” Nela, diante dunha pobre muller resignada, debaixo dun crucifixo e unha mesa con menciñas, un consumido emigrante agoniza.

 

Galegos. Agora, coa historia do Prestige, volvín sentar a follear as páxinas de Nós. Xa non é, por suposto, aquela Galicia na que o pobre vello daba o seu fillo para Cuba e o neto para Melilla, e logo perdía a mísera casoupa por non poder parar os impostos. Porén, quedan ecos. Aínda que ese ángulo de España é moderno e olla ao futuro, aínda garda desgraciados aires do que, tendo cambiado, nunca chegou a cambiar de todo: o lastre do caciquismo, a inxustiza e o esquecemento. Pensei moito niso estes días, vendo aos galegos na tele, oíndoos falar na radio coa amarga e sabia gravidade de que o ten todo moi claro. Conscientes, dende os tempos de Castelao e dende moito antes, de que “as sardiñas volverían se os Gobernos quixesen”; pero os Gobernos ou non queren, ou ata o de agora importáronlles as sardiñas un carallo. Velaí que, cando o inimigo asomou fronte á Costa da Morte en forma de mancha de fuel, os galegos, en vez de mirar a Madrid e chorar cruzados de brazos, agardando solucións ou milagres, saíron a pelexar, estoicos, que non resignados –só algúns políticos idiotas confunden  unha cousa coa outra, sabendo dende o comezo que o ían facer, coma sempre, sós. Con silencios, dignidade e coraxe. A disputarlle á vida esa dura loita na que son expertos dende fai séculos, deixando a pel nas praias e no mar. Logo, veu a fermosa solidariedade doutros lugares e xentes de España; e ao cabo, a lenta e torpe reacción oficial. Pero iso foi despois. Ao comezo, cando se botaron á loita, os galegos nin pedían, nin agardaban. Tan só contaban cos seus pobres medios. E cos seus collóns.

 

É a lección admirable desta traxedia: a extrema dignidade galega, mesmo no caos do comezo, cando a incompetencia oficial e a desesperanza. Non queremos esmolas, senón axuda, repetían. Que as marquesas do Rastrillo metan os xoguetes de Reis onde lles caiban, e que quede claro que os cartos recadados por estes ou aqueles é para pagar as súas bandeiriñas, e non cousa nosa. Aquí non fai falta caridade, porque temos mans e cabeza. O que necesitamos son medios técnicos e vergonza por parte da Xunta, do Goberno e da puta que os pariu. E oíndoos, véndoos organizarse e actuar cos seus barcos e os trebellos, froito do enxeño, e por riba ir a Francia a explicarlles aos gavachos que a marea negra non había que agardala na costa, senón ir ao seu encontro con decisión e combatela no medio do mar, estremecinme de admiración e fachenda, confirmando nas súas palabras, nos seus rostros curtidos e duros, na firmeza das mulleres que chapuzaban na lama das praias, que terían pelexado igual aínda que estivesen sós, porque o estiveron sempre, e están afeitos.

 

Así que, a partir de agora, máis vale que os Gobernos se preocupen das sardiñas. As cousas cambiaron dende aquel “En Galiza non se pide nada. Emígrase”, de Castelao. Moito ollo. A nova lenda véñena de gañar a pulso, dándolle exemplo a toda España, e é outra: “En Galicia non se pide nada. Lóitase”.

“Patente de corso”, Arturo Pérez-Reverte

"VELLEZ",Carlos Casares

Vellez

Escoito na radio unha alborotada e caótica tertulia sobre a vellez e o seu significado. Durante máis de media hora, un grupo bastante numeroso de homes e mulleres a quen o locutor presenta como persoas expertas e intelixentes din cousas máis ou menos atinadas, aínda que ningunha acerta a enfiar un pensamento ou unha frase que emocionen ou convenzan. Quédome coa observación dun amigo que asegura que un empeza a ser vello cando de pronto se decata de que os futbolistas e os soldados son rapaciños novos.

Podo traer aquí unha frase de Miguel Torga, o grande escritor portugués, hoxe un ancián enfermo, pero erguido e solitario como un lobo na súa casa de Coímbra. Un día, perdido entre a multitude entusiasmada dun primeiro de maio en liberdade, despois da caída da ditadura, Torga sentiu lágrimas nos ollos e dixo que a vellez era aquilo: ou chorar sen motivo ou ter os ollos secos de tanto chorar.

Aínda podería citar tamén a don Ramón Carande, aquela marabilla humana que morreu apagado cando se ía achegando o privilexio do século. Falando cunha amiga miña na súa casa de Sevilla, díxolle que un día descubrira que xa escoitaba mal: despois decatouse de que lle faltaba a vista; máis tarde empezou a sentir que andaba con dificultades. Pensou que aquilo era a vellez e así estivo, convencido de que xa estaba nesa etapa da vida, durante varios anos. Finalmente, un día aprendeu que a vellez só chega cando se perde a curiosidade.

.

 

GRAN MAGOSTO EN CARRIL

Como sabedes, o vindeiro venres 11 de novembro celebraremos a festa do Magosto no noso instituto. Aquí vos deixamos algunhas informacións sobre a historia desta festa que celebramos en Carril desde hai 17 anos.

 

 

TEMA 4: "O TEXTO. AS PROPIEDADES TEXTUAIS". (2º Bach.)

 

1. TEXTO: é a unidade comunicativa máxima e transmite unha mensaxe coherente e completa. Organízase arredor dun tema e o habitual é que as oracións formen parágrafos e estes, textos.

Enmárcase nunha situación comunicativa que inclúe: contorno físico (tempo e espazo), Interlocutores; contorno social e psicolóxico.

Pragmática: rama da Lingüística que se encarga da correcta interpretación dos textos.

2. ESTRUTURAS TEXTUAIS:

Narrativa: predominan as formas narrativas e descritivas (contos, lendas, relatos, noticias,...)

Expositiva: explicar e informar. Exposición, argumentación (libros texto, folletos, informes...)

Persuasiva: trata de convencer. Exposición, argument. (anuncios, discursos, debates...)

Dialogada ou conversacional: intercambio ideas (diálogo, entrevista, foro, mesa redonda...)

Poética: estética da mensaxe (obras literarias).

 

AS PROPIEDADES TEXTUAIS

ADECUACIÓN

-Correspondencia entre os elementos (quen fala e a quen se dirixe) e a situación. Obriga ao emisor a escoller entre as modalidades lingüísticas (xeográficas, culturais e sociais) e facer uso espontáneo ou escolleito segundo a situación.Texto: oportuno - apropiado - aceptable

Factores:

  • Interacción entre códigos (lingua, xestos,entoación,...)
  • Presenza de diferentes voces (narradores diferentes)
  • Variación de uso lingüístico (áreas dialectais, niveis, rexistros)
  • Diversidade de estruturas textuais (estrutura condicionada pola mensaxe)

A corrección:

  • Ortografía
  • Morfosintaxe
  • Entoación
  • Puntuación

COHERENCIA

-Unidade do texto como comunicación comprensible

-Factores:

  • Tema (texto sintetizado ao máximo)
  • Selección de información
  • Organización de información (estrutura textual)
  • Progresión temática: - repetición (coñecido)

                                              - progresión (novo)

                                              - tema

                                              - rema (información nova dada ao destinatario)

-Niveis:

  • Isotopía: repetición de conceptos (palabras sobre o frío en Uxío Novoneyra)
  • Coherencia local (frases, oracións)
  • Coherencia linear (entre oracións de cada parágrafo)
  • Coherencia global (totalidade significativa do discurso)

-Condicións:

  • Contidos non contraditorios
  • Relación temática: - Textos con progresión de tema constante

                                           - Textos   "             " "    derivados

                                           - Textos    "               "                 '"         enlazados

COHESIÓN

-Ligazón sintáctico-semántica. Relación entre os elementos e mecanismos formais que manifestan lingüisticamente a coherencia dun texto.

-Mecanismos:

  • Deíxe (formas que sinalan persoas e cousas, lugar e tempo): Pron. persoais, poses., demost., adv.de lugar e tempo.
  • Anáfora (referencia a un elemento léxico xa citado)
  • Catáfora (alude a un elemento de aparición posterior)

                            Formas anafóricas e catafóricas: pron.pers.3ª, demos., poses., indef.

  • Cohesión léxica (relación entre dous elementos de significado pleno)

            Pode expresarse por:

 

a). RECORRENCIA (repeticións)

- Léxica (Había un home na porta. O home levaba gabardina.)

- Semántica: sinonimia (Viña un automóbil.Aquel coche parecía roubado)

                          antonimia (O amigo tiña unha casa grande El sempre viviu nunha pequena)

                          hiperonimia (Levaba rosas no brazo. Deulle as flores ao chegar) 

                           hiponimia (Este calzado aperta moito. Vou poñer eses zapatos)

- Campos semánticos predominantes

- Sintáctica (paralelismo) (Colleu o gabán, baixou as escaleiras, tomou un taxi)

- Fónica(a rima en poesía)

 

b) SUBSTITUCIÓN (emprego de proformas para evitar as repeticións excesivas)

-Pronomes: anafóricos (Onte falei coa avoa. Ela estaba animada)

                   catafóricos (Iso é o importante: traballar arreo

- Adverbios (Fomos á casa. Alí estaba a súa amiga)

- Comodíns (Ten dor de moas: iso é unha cousa horrible) (Teño que aquelar a porta do xardín)

 

c) ELISiÓN (omisión de elementos xa aparecidos anteriormente): nominal, verbal, oracional.

                        (Xoán e María casaron. O mes pasado non se coñecían)

     

     d) ORDE DOS CONSTITUÍNTES ORACIONAIS:

É habitual que nos enunciados a información coñecida (TÓPICO ou TEMA) preceda na oración á información nova (REMA ou COMENTARIO). Esta orde pode alterarse pola cohesión  (Onte afundiu un barco en Fisterra. No salvamento da tripulación participaron barcos de pesca e un remolcador)

-Orde das palabras: Tematización(alteraciónda orde sintáctica)

                               Voz pasiva

 

e) MARCADORES DISCURSIVOS (elementos lingüísticos que relacionan as ideas co contexto).

De función pragmática:

- Vocativos (María,  vaite de aí)

- Apelacións ou chamadas de atención (mira, verás...)

- Función fática (vale, non?, xa, ben...)

- Interxeccións

De relacións textuais (ou conectores supraoracionais):conxuncións, adverbios, locucións. 

- De adición ou mantemento (e, ademais, enriba, aínda máis, para colmo...)

- De oposición (malia o dito, de todas formas, ó contrario, porén...)

- De causalidade (pois, porque, polo tanto, entón, nese caso...)

- Reformulación (é dicir, ou sexa, quero dicir, en resumo, por exemplo, en definitiva...)

- Orde do discurso (para empezar, ben, así que, despois, doutra banda, en 1º  lugar, en fin, para acabar...)

- De introdución (presentano tema: Atendan o que ocorreu...)

 - De reparación (Non sei de que falas,...)

- De recuperación (Por certo,...)

- De topicalización (En canto a, no que respecta a,...)

 

Outros mecanismos de cohesión:

 

-Relación de tempos verbais (Cando cheguei;xa eles cearan)

-Modalización (recursos para marcar a presenza do falante): adhesión: con certeza... .

                                                                                    distancia: quizais...

                                                                                    rexeitamento: de ningún modo,...

Voces do discurso citado: - Estilo directo

                                               - Estilo indirecto libre (Mirou ao ceo: sabía que ía chover)

                                               -  Monólogo interior (1ª pers.)



by Dr. Radut